15-07-2009

Xogando aos castelos


Con frecuencia, fálase da invasión das tropas napoleónicas
-Que, por certo, os galegos fomos os primeiros en repeler-
Tamén da invasión romana, que supuxo unha conquista duradeira
Pero na nosa Historia figuran outras invasións, menos coñecidas
En particular na Baixa Idade Media, nun período de vinte anos
Foi no século XIV, cando había máis dun cento de castelos galegos
Entre o 1369 e o 1387 fomos invadidos ata catro veces, nada menos
Primeiro tomaron o país as tropas do rei Fernando I de Portugal
Que foron expulsadas por mercenarios bretóns e tropas castelás
A incorporación do reino galego á coroa portuguesa pouco durou
Foron un par de anos nos que a Corte se trasladou á Raia ourensá
Posteriormente, no 1386 os ingleses emprenderon unha nova invasión
Desta volta foi polo mar, no contexto da Guerra dos Cen Anos
Os reinantes Trastámara eran aliados de Francia, os seus inimigos
As tropas do Duque de Lancaster tomaron o país outros dous anos
Contaban co apoio do exército portugués, pero non foi de abondo
As pestes e mailas tropas castelás recuperaron o territorio axiña
Pódese ollar esta partida de Risk na páxina de culturagalega.org
Hai interesantes mapas animados cos intentos de mudarnos a Historia
Tamén recomendo a lectura do artigo ao que acompañan os mapas
Posto que non está de máis botar a vista atrás para sabermos de nós
Sobre todo agora polo verán cando tanto celebramos feiras medievais

07-07-2009

O fotógrafo Nils Holgersson


O autor destas imaxes é un fotógrafo chamado Nils Holgersson
Efectivamente, coma o protagonista da novela de Selma Lagerlöf
Pero non, non é o seu verdadeiro nome, senón o artístico
En realidade chámase Nils Riedweg, e nin sequera é sueco
O que non quita que faga unhas fotos espléndidas, coma estas
Corresponden á serie denominada algo así como "Nu:`jo:rk"


Estoutras son da serie "Pool", a máis referenciada de todas
A pulcritude técnica das fotos é máxima, como salta á vista
Souben delas e mais do autor unha vez máis vía Capítulo 0



E aquí temos ao autor, a Nils Holgersson en persoa
O artista suízo que colleu o nome do personaxe sueco
-Tal como o mago Copperfield fixera coa novela de Dickens-
Se queres ver máis fotos súas, podes clicar na súa páxina
E aquí podes atopar diversas series de instantáneas súas

29-06-2009

Arde Lucus


Vivir nunha cidade bimilenaria como é Lugo ten o seu encanto
E este multiplícase cando se celebra precisamente a súa orixe
Na festa do Arde Lucus recréanse con troula aqueles tempos
A cidade convértese por uns días nun gran decorado de 'peplum'
Onde milleiros de figurantes desfilan caracterizados de romanos
Emúlanse os ancestros daquela capital do Conventus Lucensis
Que era un dos tres departamentos nos que se dividía a Gallaecia
-E que coincide, exceptuando Ourense, coa xeografía galega actual-
Así que toda a fin de semana convivimos con lexionarios e castrexos
Como bos devotos, compartimos viños consagrados ao deus Baco


Os colegas semellaban extras da rodaxe de 'A vida de Brian'
Chegue con ver nestas fotos a Marta con Mónica e os ollazos que puxo
Ou a Emma con Iria e Karen, vestidas todas para a ocasión de patricias


23-06-2009

Un circo de pulgas



Falando de circos e de seres pequenos temos aquí un circo de pulgas
Trátase do Circo de Pulgas Carruselo, que presenta un psicoentomólogo:

"As pulgas do espectáculo foron domadas durante un longo período de tempo seguindo a tradición galega dos máis prestixiosos domadores de pulgas polo propio Claudio Carruselo, na que non se emprega ningún tipo de maltrato aos animais."

O espectáculo que ofrece está dirixido a rapaces menores de 10 anos
Conta con tres artistas principais, que son as propias pulgas:

"Esmeralda, coidadosa pianista e incrible equilibrista, sabe ler!; Breogán, dono das alturas, amante do risco, pulga bala, salta á piscina nun triple mortal; e Mimi, a pulga que interactúa cos nenos, é capaz de xogar ao fútbol –cunha pelota do seu tamaño- e fai equilibrios enriba dunha pelota de tenis de mesa."

O guionista deste circo do mínimo é o escritor Sechu Sende
Quen advirte do seguinte aos adultos que desexen presencialo:

"Que aporten unha culleriña de complicidade co espectáculo que deberá de tomarse mediante tres grolos: un antes, outro durante, e o último despois, da actuación dos insectos. Que teñan a facultade de retrotraerse, durante 40-45 minutos, á infancia."

16-06-2009

A violeta africana



Ás veces a natureza invita a fixarse nos detalles máis pequenos
E é así como acontece cando florecen as plantas do salón
Neste caso concreto dunha violeta africana, fascínanme as súas cores
O contraste harmónico entre o ouro dos estames e os pétalos morados
Por non falar do tacto de veludo dos seus talos e das súas follas
É unha planta moi resistente, que dá flores dúas veces ao ano
Require pouca auga e é ideal para interiores, así que a recomendo

03-06-2009

Carteis de circo




Logo dun período de repouso volvemos á carga co cartelismo
Desta volta tócalles aos carteis polacos de circo
Extraínos do portal dunha galería do casco vello de Varsovia
Entre eles figuran as feras domadas dos circos tradicionais
Por exemplo, os tigres e os leóns -coma na canción de Torrebruno-
Aínda que tamén podemos atopar focas, chimpancés ou osos



Nun bo "cyrk" non poden faltar os pallasos
A representación destes señores pode dar mala espiña
Sobre todo nos pósters de toda a vida que penduran por aí
Supoño que será influencia do cine, ou mera cuestión de cánones




Hai outros elementos circenses nesta "Galeria Polskiego Plakatu"
Acróbatas, contorsionistas e mesmo unha muller barbuda


25-05-2009

Días de visitas


Foron estes días de visitas dos nosos amigos a onde vivimos
Deles, foron Meli e Tito os que máis tempo quedaron connosco
Esta foto na insua de Seivane dá fé do seu paso por Lugo
-Os carballos centenarios afunden as ponlas nas augas do Miño-


Tivemos que cruzar unha ponte colgante para acceder á illa
E xuntos percorremos os seus dous quilómetros de perímetro
-Había que baixar o churrasco de tenreira que viñamos de degustar-


Visitamos tamén a fortaleza de San Paio de Narla, en Friol
Esta torre, do s. XIV, dá unha idea da vida medieval nun castelo


Seguimos cara atrás este relato que se difumina entre noites de viños
Paseamos tamén á beira do río Rato, no cinto verde da cidade


Este paseo conecta co do Miño, entre prados á sombra dos freixos
-Entre lagos con ras e parrulos e caneiros que se adentran no río-
E así transcorreron os días, comendo, bebendo, falando e paseando



18-05-2009

Electric Light Orchestra



Volvendo sobre a Electric Light Orchestra, velaí van máis vídeos
Estes son anteriores a "Discovery", sobre o que falaba hai uns días
Trátase de "Livin' Thing", de "A New World Record" (1976)
E mais de "Mr. Blue Sky", de "Out of the Blue" (1977)
-Ademais de músicos, eran malabaristas das palabras-
Anos máis tarde, estes temas empregáronse en bandas sonoras
"Livin' Thing" no cru filme de "Boogie Nights" (1997)


"Mr. Blue Sky", pola súa parte, pechou "Martian Child" (2007)
-Unha das últimas películas protagonizadas por John Cusak-
É un tema tan variado como irregular, cun arranque fabuloso
Co vídeo podemos comprender a teima dos lentes de sol de Jeff Lynne


Posteriormente, a E.L.O. sacaría outros temas excelentes
De entre eles, decántome polo robótico "Yours Truly 2095"
Esta canción, que ben valería para "Wall-E", é do disco "Time" (1981)

13-05-2009

A palillar!




A artesanía é sempre un labor certamente encomiable
En calquera das súas vertentes, e o encaixe non o é menos
E temos a sorte de ter unha amiga, Meli, palilleira de pro
Nos últimos meses, Meli acudiu a diversas 'palilladas'
Trátase de convencións para intercambiaren artes palilleiras
Ou sinxelamente para se gabaren da delicadeza das súas obras
-Posto que cada palilleira amosa os seus mellores traballos-
Para dar conta destas xuntanzas, Meli creou unha bitácora
Nela vai publicando as experiencias vividas nas palilladas
E, como non, as fotos daqueles encaixes que máis lle gustaron
Este blog xurdiu aínda hai poucos meses, pero xa promete
-Polo orixinal da temática, polo interés que esperta o ambiente-

07-05-2009

Diga 33


Hoxe, neste día para nós tan sinalado, Marta está de aniversario
E cumpre o que se soe dicir "a idade de Cristo menos un mes"
A modo de dedicatoria, deixo aquí unha foto de cando era pequena
Ten as fazuliñas pintadas, pois data dun entroido a comezos dos 80
As cores, a luz e a expresión facial recórdanme un cadro de Rubens
Tamén deixo un tema de Alex North interpretado polo xenial Bill Evans
Creo que ben expresa o que non se pode dicir con palabras