20/09/12

A noite en Bucarest



En Bucarest demos por rematada a nosa viaxe ás terras romanesas
Alí sorprendeunos a diversa e dinámica vida nocturna que atopamos
De feito, nunca viramos tantas terrazas como as que había no centro
-En tantas rúas contiguas, con tanta xente nun auténtico formigueiro-
Estivemos na cervexería Caru Cu Bere, fundada a fins do século XIX
No seu coidado interior degustamos a súa magnífica cervexa da casa



O persoal completo da cervexería deleitounos cun curioso espectáculo
Saíron todos eles en fila india a bater as palmas ao ritmo dunha polca
A continuación, deron varias voltas e viráronse a ambos os dous lados
Por último, ao acabar a música, volveron cada un aos seus quefaceres



Para cearmos, buscamos outro local de referencia na capital romanesa
Dirixímonos ao Manuc, un restaurante con douscentos anos de historia
-Coma no resto do país, as súas terrazas eran coquetas e acolledoras-
E ata aquí chega o relato das vivencias que tivemos, de grata lembranza
Visitamos unha nación fascinante, repleta de pasado e con moito futuro


12/09/12

Os castelos de Transilvania



Preto de Brasov encóntrase o castelo de Bran, levantado polos saxóns no s. XIV
A súa imaxe utilizouse en varias adaptacións cinematográficas da novela Drácula
Esas son as escaleiras que conducen ao interior dunha fortaleza lendaria mais real



Por dentro, o edificio deléitanos con estancias acolledoras e chemineas feitucas
-Aínda que o mobiliario foi traído posteriormente polos seus actuais propietarios-




En canto ás vistas dende o castelo, na contorna poden ollarse casas tradicionais
Abundan ademais as prazas hoteleiras, posto que se trata dun gran foco turístico 



En Muntenia, aínda que cerca do límite con Transilvania, está o castelo de Peles
Concretamente, atópase en Sinaia, unha vila de montaña encravada nos Cárpatos
Tal elección desta ubicación, por parte do rei Carlos I de Romanía, non fora casual
Esta residencia de verán situábase moi próxima a un principado de fala romanesa
Non en van, o territorio transilvano sería anexionado ao resto do reino anos despois



O patio interior do castelo recórdanos as orixes deste monarca nado en Alemaña
Neste caso, os arredores tamén son de interese, tal como se pode apreciar na foto
-De feito, outro castelo, o de Pelisor, forma parte do mesmo complexo residencial-


10/09/12

Transilvania: Brașov


De novo atravesamos os Cárpatos orientais, desta volta en sentido inverso
Fixémolo por un estreito desfiladeiro que nos conduciu á cidade de Brasov



Polo camiño paramos no lago Encarnado, onde a xente paseaba en barcas
Xa en Brasov, percorremos a longa rúa peonil Republicii, chea de terrazas



Tamén visitamos a Igrexa Negra, un templo baixomedieval de estilo gótico
Chaman así esta igrexa luterana por un incendio que a arrasou no s. XVII
Moi preto estaba primeira escola na que se impartiron clases en romanés
E asomámonos á Strada Sforii, considerada a rúa máis estreita de Europa




Por último, coñecemos a gran praza maior desta urbe do tamaño de Vigo
-Un imán de vitalidade no que poder pasar as horas de xeito contemplativo-
Alí degustamos a estupenda cervexa da casa no restaurante Cerbul Carpatin


07/09/12

Moldavia



Continuamos a nosa viaxe cara ao nordeste e cruzamos de novo os Cárpatos
Desta volta fomos de Transilvania a Moldavia, a través de fermosas paraxes



A ruta que seguimos transcorría por entre interminables bosques de coníferas
Ata que chegamos a un porto de montaña de fondas reminiscencias literarias
Refírome ao Paso de Borgo, onde Bram Stoker ubicara o castelo de Drácula:

No Paso de Borgo a miña carruaxe estarao agardando e traerao onda min. Espero que a súa viaxe dende Londres transcorrese sen incidencias e que goce da súa estadía no meu bonito país."

Alí mesmo érguese hoxe en día un hotel que ofrece entretidos espectáculos
A dous quilómetros está o límite con Moldavia, en particular coa Bucovina
Este territorio moldavo estivo baixo o dominio do Imperio Austrohúngaro
-Máis en concreto, formara parte do antigo reino de Galicia... e Lodomeria-
Alí pernoctamos en Radauti, unha vila moi próxima á fronteira coa Ucraína
De feito, o norte da Bucovina pertence actualmente á república ex soviética
Mentres que o resto de Moldavia, Besarabia, é unha república independente
-Fora conquistado polo Imperio Ruso ao Otomán hai agora douscentos anos-



De camiño aos mosteiros da Bucovina deleitámonos nun mercado tradicional
Coas súas pintorescas carruaxes de cabalos ou cos seus ricos queixos do país



Logo visitamos os mosteiros medievais, cos seus valiosos frescos nos templos
-Vimos ata catro igrexas con pinturas no exterior, cada cal mellor conservada-
Dos séculos XV e XVI, tamén foron declarados Patrimonio da Humanidade




Por último, fixemos noite na cidade de Piatra Neamt, xa na Moldavia occidental
Non sen antes ollala dende arriba nun funicular que nos conduciu ata un mirador


E así discorreu o noso paso por estas terras do antigo principado de Moldavia
Sempre nos quedará a lembranza de que alí cumprimos dez anos como parella


04/09/12

Transilvania: Sighișoara




A seguinte cidade na que pernoctamos en Transilvania era un dos pratos fortes
Nela nacera nada menos ca o mesmísimo Vlad Draculea, Vlad III O Empalador
Tratábase de Sighisoara (Siguixoara), considerada Patrimonio da Humanidade
Motivos non lle faltan, pola singularidade das súas murallas e dos seus edificios
Entre eles, salientar a Torre do Reloxo ou do Consello, que data do século XIV



As vistas pagan a pena, así que subimos para ollalas e ver o museo que alberga
-Obsérvese, ao fondo desta idílica estampa, o punto máis alto do recinto histórico-
Non moi lonxe, demos con outra construción senlleira ao pé dos muros da cidade
Era a Torre dos Zapateiros, unha das torres que lles servían de sede aos gremios




Mención especial para o hotel no que nos aloxamos, Binder Bubi, tamén de conto
Recalamos nel antes de cear nun restaurante na propia casa natal de Vlad Tepes
-O edificio amarelo que se encontra ás miñas costas nesta instantánea xa noctuna-




Tras a cea, aventurámonos a visitar a parte máis elevada do recinto amurallado
Para iso, tivemos que subir os 172 chanzos dunhas escaleiras do século XVII
Era a Scara Acoperita, a escaleira cuberta que conduce á cima desta cidadela



Xa na cima, había varios templos, un cemiterio e esta casa de aspecto funesto
-A verdade é que a súa iluminación contribuía a crear unha atmosfera espectral-
Finalmente, baixamos por un camiño ás escuras que nos levaría cara ao repouso


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...