30/09/10

Gatos que ven cousas


Gato Casper

Estes outros felinos encóntranse moito máis preto de nós
Son modelos estilizados que posan mentres observan algo
Captounos co seu obxectivo a fotógrafa Vanesa Abelairas
Artista luguesa que ofrece estas imaxes na súa páxina web
-Un blog pouco convencional co nome de La Almohadité-

Gato Mimi

Gato Matías

As obras integran unha serie sobre gatos que ven cousas
Xa sexan un paxaro, uns peixes ou mesmo unhas sombras
Cada fotocomposición pode obterse plasmada nun broche
-E Marta xa ten un, posto que llo regalou a propia autora-

Armentón 11

Vanesa é a outra moza que figura nesta estampa costumista
O rapaz do medio é Samuel, parella dela e curmán de Marta
Nesta entrañable escena tamén aparece o seu gato, Mambrú

Armentón 2


O marco incomparable non é outro que a casa de Armentón
Coñecida alí como A Casa das Bruxas ou A Casa dos Gatos
Unha casiña de película que se menciona nun recente anuncio
 E que foi feita polos meus tíos políticos coas súas propias mans

Armentón 4

21/09/10

Gatos rusos



Durante a viaxe a Rusia puidemos ver unha chea de gatos
Tanto nas rúas como nas vivendas, e de razas ben variadas
De feito, é o animal de compañía máis común naquel país
Estes primeiros que amosamos aquí estaban a tomar o sol
-Arrimadiños ao Palacio de Inverno, en San Petersburgo-



Non demos con ningún azul ruso, pero sí con outro curioso
Na mesma cidade, hai unha estatua dedicada a esta mascota
Encóntrase nun curruncho a preto de catro metros de altura
A xente non paraba de tirarlle moedas para que quedasen alí
Suponse que é algo que dá boa sorte, como ocorre nas fontes
Por último, percibimos o axexar dun ser peludo dende arriba
Era a ollada láser dun exemplar de angora dende a súa atalaia


15/09/10

San Petersburgo



Demos fin á nosa viaxe a Rusia na cidade de San Petersburgo
Alí puidemos admirar a Catedral do Salvador sobre o Sangue
-Semellante á de San Basilio, pero erixida hai apenas cen anos-
Como moitos monumentos, este atópase á beira dunha canle


E é que esta antiga capital resulta unha especie de Vienecia
Foi feita ex proceso no século XVIII para ser sede da Corte
Levantada da nada cunha morea de palacios, canles e pontes
Entre estas destaca a Ponte do Banco, flanqueada por grifóns



De todos os palacios, o máis coñecido é unha gran pinacoteca
Efectivamente, refírome ao Palacio de Inverno, do s. XVIII


O edificio alberga as principais obras do Museo do Hermitage
De entre elas, a Danza de Henri Matisse é das de maior sona


Tras a visita ao museo, xantamos nun restaurante noutro palacio
-Onde nos ofreceron un recital de piano e un espectáculo cosaco-
Aquí teño que facer un inciso para recoñecer a sorte que tivemos
Dende que partiramos de Moscova eramos seis persoas no grupo
E ser tan pouca xente, e ben levada, facilitounos moito as cousas



Deseguido dirixímonos ao acoirazado Aurora, un museo flotante
Dende este buque dérase a orde de asalto ao Palacio de Inverno
Ese canonazo marcara o inicio da Revolución de Outubro (1917)
Na proa do barco figura a bandeira que identifica a Armada rusa
-Que fora instaurada douscentos anos antes por Pedro I O Grande-
O mesmo emblema que coroa o Museo Naval de San Petersburgo
Trátase dunha cruz de Santo André de cor azul sobre fondo branco
Aínda que, iso si, nun principio só era a bandeira naval da Coruña
-De feito, a bandeira actual da provincia marítima é igual á galega-
Precisamente para non confundila coa da mariña rusa, mudárona
Quitáronlle unha das aspas da cruz para así evitar malentendidos
Foi a petición da daquela todopoderosa mariña de guerra rusa
E sen inconveniente ningún por parte de España para satisfacela
A reforma fíxose no 1891, tras case medio século de utilización
De non ser así, hoxe por hoxe ondearía neste país outra bandeira
Paréceme unha interesante historia da que nunca se fai mención
Ademais dunha lección sobre a orixe humilde do noso emblema



Ao día seguinte visitamos o Palacio de Verán ou de Catalina II
A residencia encóntrase en Pushkin, vila chamada así polo poeta
Tratábase doutro edificio fastuoso e versallesco, e xa eran moitos



Deste espazo, o que máis me agradou foi o fermoso parque traseiro
Nel había un lago de tranquilas augas que convidaban ao repouso
Pouco restaba para a volta e para que estes días fosen xa pasados
Aínda que podo asegurar que recordarei a experiencia por sempre


09/09/10

Vladimir e Suzdal



A 200 quilómetros ao norleste de Moscova encontramos Vladimir
Cidade capital do principado sucesor do Rus de Kiev no século XII
-Estado medieval á súa vez antecesor do Gran Ducado de Moscova-
Entre os seus principais atractivos destacan varios templos da época
Como a catedral da Asunción, a meirande en Rusia durante séculos
Ou a igrexa da Intercesión sobre o río Nerl, tamén de pedra calcaria
Que lles dá nome a estes munumentos Patrimonio da Humanidade



Tamén integra este conxunto a Porta Dourada, un arco do triunfo
Ao día seguinte dirixímonos a Suzdal, unha pequena vila a 30 km
Fundada no século X, foi centro do Principado de Rostov-Suzdal
Aquí foi onde puidemos ollar as típicas casiñas de madeira rusas




Non en van, este era o material das primeiras construcións do país
Fogares e igrexas, poboados enteiros, facíanse cos piñeiros da zona
Os mesmos cos que se elaboraba o mobiliario do interior das casas
Esta arquitectura atopou o seu máximo expoñente no templo de Kizhi



Isto puidémolo comprobar no museo da arquitectura tradicional rusa
Onde un dúo folk nos interpretou unha doce canción con voz e gusli
De alí achegámonos ao Kremlin de Suzdal, dos máis antigos do país
No contorno desa cidadela encóntrase a famosa igrexa da Natividade
Cos seus cinco bulbos representando nada menos que o ceo estrelado




Aquí visitamos o fermoso Mosteiro do Salvador e de San Eufemio
Onde de novo fixeron as delicias dos nosos oídos, desta vez un coro
-Ademais dun recital de campás que ofrecen cada día aos visitantes-
As cúpulas do templo monacal eran nesta ocasión verdes e douradas
Non é nada baladí, pois cada cor está relacionada cun culto distinto
A azul representa a Virxe, o ouro a Xesucristo e a verde a Trindade
E así deixamos Suzdal, un dos lugares máis interesantes de Rusia
Tiñamos por diante unha visita á capital dos tsares por excelencia


01/09/10

Moscova



Xa estamos de volta da viaxe que nos levou ate Rusia
En total foron once os días que pasamos por esas terras
Os catro primeiros estivemos pola capital, por Moscova
En torno a ese lugar tan especial como é a Praza Roxa
Neste Obradoiro ruso destaca a catedral de San Basilio
Os seus detractores din que máis ben semella unha tarta
Pero o certo é que a min me parece todo un prodixio
E máis tendo en conta que foi construida no século XVI
Unha obra imaxinativa por diante, por detrás e por dentro



Outro edificio que me fascinou encóntrase xusto en fronte
Trátase do Museo Histórico, dun belo estilo neoclásico ruso
Está feito de tal forma que semella estar nevado todo o ano
En horas nocturnas catedral e museo gañan aínda en encanto
Ao igual que as sete torres irmás mandadas erixir por Stalin
 É a isto ao que se refire a famosa canción Noites de Moscova




Neste senso, o metro é un espazo sempre nocturno na cidade
Aquí elevado á categoría de obra de arte nas distintas estacións
Nelas pódense ollar vidreiras, mosaicos ou estatuas de bronce
A máis coñecida é a do soldado co can cuxo fociño tocan todos
-Unha sorte de ritual dun pobo esaxeradamente supersticioso-





Volvendo á Praza Roxa, na terceira cara está o muro do Kremlin
-Na cuarta, as inmensas galerías comerciais GUM, do século XIX-
 Á cidade orixinal accédese a través da ponte da Torre da Trindade
Unha vez dentro, destaca a praza das Catedrais, con catro en total
A máis antiga é a da Asunción, levantada por Iván IV o Terrible
Pero a máis importante é a da Anunciación, de elegantes bulbos



Tamén nos deu tempo a visitar a pinacoteca da galería Tretyakov
-Onde quedamos abraiados con cadros coma este de Kuindzhi-
O mausoleo de Lenin, dun impresionante aspecto retrofuturista
Ou o Parque da Vitoria, un grande espazo verde situado ás aforas
  Alí, unha altísima columna conmemora a fin da 2ª Guerra Mundial
Mentres que os tanques soviéticos repousan ao longo de toda a área



E isto é todo canto deron de si os días que pasamos entre moscovitas
Na quinta xornada agardábanos unha incursión ás anteriores capitais


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...