29/04/11

O elefante zombi




Os elefantes zombies como alegoría desta nosa sociedade
Esa é a mensaxe que trata de transmitirnos este novo blog
Trátase da última aposta de Adelasuma, autora incansable
-Coñecida aquí por traballos anteriores como Adela-blog-
Nela fálanos dunha 'estampida de paquidermos ultralentos'
E emprega este oxímoro como metáfora do cambio por vir
Suliña así o paralelismo entre ambas as dúas idiosincrasias
-A destes calmosos mortos viventes e mais a dos galegos-



20/04/11

O pitufo Zoupón



O escritor Sechu Sende vén de obsequiarnos cun artigo ben entrañable
Chámase Lingua, profes e desenhos animados, e nel fala d'Os Pitufos
Do papel que estes debuxos xogaron na súa infancia e na súa mocidade
-E en concreto, da importancia que para el tería a voz do pitufo Zoupón-
Por canto a historia narrada non ten desperdicio, aconsello lela enteira:

"O Pitufo Zoupóm, com os seus tatejos e todo, falava um galego tam especial… A sua voz insegura, feble, mas intensa…, acordades-vos da sua voz? Era umha dessas vozes marabilhosas, inesquecíveis. Umha voz acolhedora. E tinha as vogais abertas e fechadas mais nítidas que nunca escoitara. (...) E um dia que estudavamos o vocalismo dei-me conta, enquanto escoitava o professor. Aquela voz. Aquela voz, aqueles sons, aquelas vogais abertas e fechadas tam nítidas… Era a voz do Pitufo Zoupom! Bernardo, o nosso professor de língua, era o Pitufo Zoupom!"

16/04/11

Anguita



No 80 aniversario da Segunda República, quixera louvar unha figura senlleira actual
-Máis que nada, polo bo presidente da Terceira República que este home había ser-
Doce anos despois de abandonar a primeira liña, Julio Anguita segue a sorprendernos
Primeiro polas súas declaracións proféticas do ano 99 sobre a crise que padecemos
-En plena voráxine privatizadora e inmobiliaria, advertía dos futuros recortes sociais-


E agora soubemos que hai sete anos renunciara á pensión vitalicia de ex parlamentario
-Recoñecía, polo visto, que co retiro que lle correspondía por mestre xa tiña dabondo-
Detalles todos que honran a Julio Anguita como persoa pública progresista de verdade
E como o grande estadista que se perdeu nos 90 para presidir o noso goberno estatal
-Desa confederación plurinacional que convimos en denominar comunmente "España"-
Non poderiamos rematar esta loanza sen lembrar o seu decálogo para levantar cabeza



07/04/11

Zappa: ratas e pexegos



O ano anterior a Weassels Ripped My Flesh fora prolífico para Zappa
Un dos mellores álbumes de 1969, e da súa carreira, foi este, Hot Rats
-A cuberta tamén ten o seu aquel, con ese sombreireiro tolo sen chapeu-
O disco fora gravado en 16 pistas, algo que nin os Beatles facían entón
Comeza con Peaches En Regalia, hoxe convertido en standard de jazz


Outro tema con sona desta gravación mítica é a canción Willie The Pimp
O cantante é Captain Beefheart, un colaborador habitual de Frank Zappa
A estes dous primeiros hai que engadir outros catro temas máis, redondos
Ademais de pexegos e de ratas, o disco fálanos de paraugas e de camelos
-E contén unha suite, The Gumbo Variations, cuns ventos extraordinarios-



01/04/11

As denociñas de Zappa



Había moitos anos que dera con esta portada nas tendas de discos
Sempre me pareceu que a imaxe posuía unha gran forza expresiva
Pero non me decidira a escoitar o álbum ate hai ben pouco tempo
Esta carátula ten a súa historia, como non podía ser doutra forma
Fóralle encargada polo propio Frank Zappa ao artista Neon Park
Propuxéralle partir da base dunha cuberta do magazine Man's Life
-Unha publicación de aventuras para os moi machos dos anos 50-


A outra idea que derivou na ilustración final foi un anuncio de 1953
-Saía no número de setembro da revista Saturday Evening Post-


 O resultado foi unha imaxe das que quedan gravadas na retina
A pintura pop dun home que se esgaza a cara cunha denociña
-Que á súa vez ten a forma dunha máquina de rasurar eléctrica-
Toda unha icona, un referente, fácil de atopar en moitos lugares



A música que contén este disco do ano 1970 non é menos xenial
Salientaría, de entre os seus cortes, o Toads of the short forest
E, sobre todo, o estupendo The Orange County Lumber Truck
Versioneado por Fudge nun disco homenaxe de bandas surfeiras
-Entre outras moitas versións deste temazo composto por Zappa-


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...