31/12/10

A cidade do amencer



Soñei cunha cidade marabillosa de dourada luz fulxente
Tiña luminosas e amplas prazas feitas de granito albeiro
E contaba con altas escaleiras coa forma dunha buguina
Nela había fermosos cafés dispostos con exquisito gusto
Nos que me recoñecían vellos amigos novos por sempre
Semellaba encontrarme en Compostela e á beira do mar
Pero non era, e non podía ser de ningunha das maneiras
Era máis parecida á Kadath descrita por H. P. Lovecraft
No relato chamado Na busca da cidade do sol poñente
Tres veces soñou Randolph Carter a marabillosa cidade
E por tres veces foi subitamente arrebatado...”, como di


Como na canción, no soño ía flotando como unha dorna
Cando espertei, comprendín que aquela urbe era utópica
Posto que só podía existir e preservarse na miña cabeza
Así que rexeitei, por inoportuno, un traslado a Santiago
Cando abrín a ventá, isto foi o que vin dende onde vivo
Estaba nos albores dun novo ano e dunha nova década
Listo para afrontar, cando tocase, toda unha nova vida


23/12/10

Nadal incendiario



Hai tanto animaliño, tantos cochos, engordando nos pesebres...
Mentres, tanta xente segue en caída libre no pozo da miseria...
A espiral do conformismo que todo o engule medra cada día...
As voces críticas son silenciadas dos modos máis retorcidos...
E parece sobrar quen engraxe a engrenaxe desta maquinaria...
Pero, quen sabe, se cadra alguén se decida a prenderlle lume...
E, daquela, penso estar alí, en santa compaña, a avivar as lapas
Ate entón, teñamos un bo Nadal, compañeiros deste fiel servidor

17/12/10

Pesadelos antes do Nadal



Este libro, Depósito de cadáveres, reúne unha serie de relatos macabros
Editado por Toxosoutos, o autor chámase Miguel Anxo Martínez Oubiña
Trátase da segunda obra publicada por este xornalista e vello amigo meu
-A primeira titulábase En precario, unha novela sobre a mocidade actual-
Aínda que non a última, que é unha particular guía de viaxes polo Salnés
Entre os once contos que Miguel Anxo nos deixa en depósito hai de todo
Dende historias surrealistas con final infeliz ate ritos iniciáticos desta era
Gustáronme todas elas, pero, de ter que escoller, quedaría coa derradeira
É "A poza encantada", que describe unha reviravolta argumental de vertixe
Na foto, de Iñaki Abella, obsérvate o escritor que argallou estes pesadelos


10/12/10

O Mazo de Santa Comba



Falando de muíños, este é o máis completo que coñezo
Trátase do Mazo de Santa Comba, situado preto de Lugo
Á parte de muíño e mazo, úsase de aserradoiro e esmeril
Ten moa, serra, pedra de afiar e martelo, todo hidráulico
Así que se trata dunha factoría etnográfica en toda regra
E ecolóxica, pois todo se move coa forza da auga do río
Refírome ao Chamoso, que deixou estampas coma estas




A serra encóntrase no comedor principal do restaurante
Este estaba en obras, pero tiñan outro non menos cuco
Ao que fomos para degustar empanada de grelos e año
Ademais dun completo doce que aínda non probaramos
Unhas ricas copas de natillas con noces caramelizadas




Polo demais, o contorno do mazo é todo un espectáculo
E máis neste tempo de pólas a espirse de follas murchas


02/12/10

As Penas de Rodas



Estas grandes pedras redondeadas teñen por nome Penas de Rodas
Encóntranse en Outeiro de Rei, nun monte da parroquia de Gaioso
Son formacións graníticas que ficaron con este aspecto coa erosión



Trátase ademais dun lugar sagrado, con romaría a inicios de agosto
De feito, no solsticio de verán o sol ponse xusto entre os dous cons
Ao igual que ocorre con outras grandes penas no norte de Portugal
Tamén hai lendas sobre elas, como neste poema de Manuel María:

“En Gaioso, ollando a Chá
Hai dúas penedas ergueitas.
¡Semellan non ser verdá
redondeces tan ben feitas!
As Penas de Rodas son
dous ollos alucinados
Que espían con atención
os eidos máis alonxados.
Si ambas penas se desfán
arde, co mundo, un tesouro:
¡unha pena, de alquitrán,
a outra unha trabe de ouro!
Non sodes, non, cantería,
ouh penas de encantamento.
¡Temo que calquera día
vos poida levar o vento!”



Pero o bo de visitalas non é só o lugar, senón o propio feito de ir alí
De camiño, cruzamos o Ladra e paramos no restaurante homónimo
Dende a ponte, hai unhas vistas estupendas de ambas as dúas beiras
Como esta do caneiro do vello muíño que moía o gran antigamente




26/11/10

Kusturica



Mañá veñen a Lugo Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra
Como bos fans, hai tempo que collemos as entradas para o concerto
Será unha ocasión única para pasalo ben escoitando música en vivo
A banda ten unha decena de integrantes, nados en países balcánicos
De todos eles, o de maior sona é o realizador serbobosnio Kusturica
Dirixiu filmes como o aclamado Underground ou Tempo de Xitanos


Pero o que máis me entusiasma de todos é Gato Negro, Gato Branco
-Trátase dunha comedia negra con localizacións á beira do Danubio-
Con cancións tan potentes na súa banda sonora como o é Duj Sandal



O álbum que lle deu máis renome á formación foi Unza Unza Time
-Precisamente, contén algúns dos temas que ambientan esa película-
En resumo, que temos diversión garantida para os nosos pés e oídos
E todo grazas a que non viñeron tocar os de Placebo no San Froilán



18/11/10

Unha nova biblioteca



A miña vila natal conta dende este outono cunha nova biblioteca
Albérgaa un edificio emblemático da cambadesa rúa do Castriño
É dicir, a escasos cincuenta metros da nosa casa e dos meus pais
Durante trece anos, pasei todos os días por diante desta vivenda
-Dende preescolar ate o derradeiro curso de estudos no instituto-
Trátase, polo tanto, dun vello edificio que se me fai moi familiar
Polo que non puiden evitar emocionarme cando crucei a cancela


A Casa dos Fraga conta cun xardín de dous mil metros cadrados
 Nel, un soutelo dálles sombra aos que se acheguen con bo tempo



No seu interior, hai recunchos que convidan á lectura demorada
Pero tamén hai espazos pensados para o entretemento dos nenos




Subindo ao primeiro andar, accédese a distintas salas e galerías
Aquí hai espazos para o recollemento e o estudo, e moitos libros
Aínda que, polo de agora, non tantos como a min me gustaría ver
En todo caso, quen me dese que no meu tempo houbese algo así
Coa de tardes enteiras que pasei na antiga bliblioteca pública... !



10/11/10

Pratos quentes para días fríos


prato cordeiro

Agora que xa nos chegou o San Martiño toca xantar quente
Así que imos deixar aquí unha serie de propostas culinarias
En primeiro lugar, unha deliciosa pata de cordeiro ao forno
Ben condimentada, con herbas coma o romeu, e mais o allo
Coa súa gornición de patacas, cenorias, pementos ou cebola
Esta outra posibilidade permite aproveitar os froitos á sazón
As castañas ou os cogomelos, posto que están no seu tempo
Acompañan un galo de corral douradiño tras un lento asado

prato ghalo

A última propisición non é menos indecente: bolos recheos
É un prato completo, máis propio dos fríos países nórdicos
Trátase de milfollas recheas de salmón con queixos e noces
Unha bomba calórica que non deixará indiferente a ninguén

salmón 1



04/11/10

A por cogomelos



Hai uns días fomos ao Corgo, ao leste de Lugo, a por cogomelos
É unha zona ateigada de fermosos prados rodeados de arboredas
Ou sexa, o ideal para estes casos nos que toca relax a conciencia
Entre soutos, piñeirais e carballeiras atopamos moreas de fungos
Iso si, só unha ínfima parte correspondían a especies comestibles


Foi o caso das Macrolepiota Procera que vimos á beira dun prado
-Mágoa que, como logo comprobamos, xa eran exemplares vellos-
Connosco viñan Carmen e Fron, que levaron un manual xeitosiño
O cal convén para identificar as especies á menor dúbida que haxa



Si eran comestibles os Boletus Edulis que localizamos nun bosque
-Aínda non se pasaran e estaban no momento óptimo de recollida-
Polo demais, tamén demos cunha chea de cogomelos dos tóxicos
Como as velenosas do xénero Amanita, a Phalloides e a Muscaria
Desta última había en abundancia, cos seus rechamantes chapeus
Aínda que non se poidan comer, ben supoñen un gozo para a vista



28/10/10

Disfraces de píos



Os que viven do conto en xeral encaixan moi mal as críticas
Son todo fachada, polo que consideran a súa imaxe sagrada
E se o caricaturista tira a dar, entón desfanse en aspaventos
Desacreditar os dardos certeiros será daquela a súa reacción
Ate o punto de silenciar canto discrepe co seu punto de vista
Todo en aras dun respecto entendido de xeito unidireccional
Isto mesmo foi o que aconteceu ante os nosos ollos atónitos
Un artigo do xornal Galicia Hoxe foi censurado por disentir
Unha vez publicado resultou abortado na súa edición dixital
Pero quedou o papel á vista, que é o que ten a prensa escrita
-E por confinada que fique nas catacumbas das hemerotecas-
Logo da destrución da mensaxe, ocupáronse do mensaxeiro
Quen falaba, certo, por boca dunhas amplas minorías laicas
O articulista da contraportada do periódico xa non o é máis
Falo de Fran P. Lorenzo, que coa Igrexa topou, o desalmado
Parece que alguén moveu os fíos oportunos para conseguilo
E todo por dar ideas audaces para os disfraces deste Samaín
Copipego o texto esvaído, xa que segue a circular pola rede
Chámase Como nenos píos con disfrace de mártir, e di así:
"Despois de séculos de dominación, a Igrexa Católica aínda non se decatou de que o sincretismo relixioso que practica a galega xente non é un estrago calculado da súa doutrina apostólica e romana senón unha creación propia e singular deste pobo, unha máis. Santiago de Compostela é, nese sentido, un fecundo resultado da batalla histórica entre a ortodoxia vaticana e o paganismo local. Tamén o Camiño. Por iso todas as tentativas de reducir a espiritualidade dese roteiro á expresión unívoca dunha suprema fe en Deus son unha manobra avesa, calculada, para capitalizar un símbolo cultural e humano de Europa, patrimonio de todos así recoñecido. Neste sentido a visita do papa Bieito XVI a Compostela deixa fóra desta celebración aos milleiros de cidadáns que non profesan a relixión católica nin lle teñen lei a un dos patriarcas eclesiásticos que máis ten feito por estigmatizar e arredar do seo da Igrexa aos que non asumen a súa fundamentalista visión da fe e as súas teses retrógradas e lesivas, alérxicas ao tempo no que vivimos.
O desembarco papal non iría máis alá da descortesía política coas minorías que non o aturan a súa presenza se non fora porque esas minorías –máis ou menos masivas, pero sempre despreciadas por Núñez Feijóo– contribúen cos seus cartiños a sufragaren a inminente diatriba papal, disfrazada de mensaxe de amor.
O pasado domingo, nos diferentes oficios celebrados nas parroquias galegas, os cregos xa lle esixiron á freguesía o correspondente imposto revolucionario. A golpe de cepillo, como adoitan facer. Poida que a vontade das ovellas fora substraída polos seus pastores pero ese, sinceramente, non é problema dos que non pertencemos á secta; menos aínda daqueles que nin sequera aspiramos a mudar o eivado rumbo moral da institución. Se os practicantes queren poñer dez euros ou vinte do seu peto para avalaren a operación de márqueting da Xunta de Galicia e coroar un Xacobeo só grande en cifra de turistas, pois adiante. Pero non é admisíbel que ese saqueo millonario das arcas públicas se produza sin consulta previa, amparándose no suposto beneficio que lle reportará á cidade de Santiago a invasión das hordas católicas .
Haberá máis efectos colaterais no decorrer desta visita fetichista e pirotécnica do Papa. A suspensión do espazo civil, a clausura da libre circulación e o desenvolvemento dun estado de sitio efectivo, entre eles. Controis policiais, restrición do tráfico e rexistros domiciliares, incluídos, que afectarán singularmente a todas e todos aqueles cuxa vontade e albedrío van ser vulnerados en aras dun rédito político que, con iso contan os organizadores do sarao, beneficiará a todos os persoeiros que teñan acceso á fotografía oficial.
O alleamento da Igrexa Católica é un feito e velaquí temos un Goberno que subvenciona as proclamas delirantes e as bombas de racimo dialécticas da Conferencia Episcopal Española. Os bispos, os que concelebrarán a eucaristía express do Obradoiro, pedíanlle onte os cativos que na noite de Halloween –o Samaín céltico, a véspera de Todos os Santos– vistan precisamente de idem, de santos, e non de meigas, nin de zombies, nin de caveiras, para “estimular” a vida cristiá e loitar contra o profano desta celebración tan pouco pedagóxica. Propoño outros estilismos ben máis edificantes e píos: unha Santa Águeda cos peitos cortados encima dunha bandexa, unha virxe romana violada, un San Lourenzo con queimaduras de terceiro grao, ou un San Sebastián, cuberto de plasma e de saetas. Se é certo que o sangue dos mártires é semente da vida cristiá, non sei a que agardan eses pequenos para se sumaren á festa."


 Algo semellante está a ocorrer co último número de Retranca
O dono da súa imprenta négase a imprimilo por velo inmoral
Todo pola visión satírica que se dá da visita papal a Santiago
Esta é a portada renegada da revista, que sigo relixiosamente


21/10/10

A vida vivida por Toño



Veño de ler a última novela de Antonio Lorenzo Gómez Charlín
-Na foto, de Iñaki Abella, ao carón dunha estatua de Cabanillas-
É autobiográfica e leva por título La vida soñada de las sirenas
Versa sobre a vida dun atleta antes e logo de deixar o deporte
Mentres residía en Cambados e unha vez se foi para Tenerife
-De como vivía na vila das sereas e emigrou á illa de Calipso-
Narrada en terceira persoa, conta con sinceridade a súa historia
Así que recomendo a súa lectura, por canto ten de descarnada
Está públicada pola editorial Lulu Enterprises en Hammersmith
Toño é irmán de Jesús, amigo de toda a vida, e téñolle aprezo
É un gran conversador, sincero, culto e repleto de humanidade
Pertence á mesma xeración dos nenos do vídeo de TVE en Friol
E, coma eles, recibiu o mesmo tipo de educación: colonizadora
Nado no 1970, usa o galego dende sempre, pero non na escrita
Así, perdeuse un escritor valioso para a literatura galega actual
Porque alguén se preocupou de que infravalorase o seu legado
A lingua de toda a súa familia, do seu irmán, miña e súa propia
A ferramenta coa que labraría calquera libro que se propuxese
Pero da que prescinde porque non o instruíron de abondo nela
É triste pero é así, e este só un exemplo de moitos outros casos
Aínda que un exemplo que doe polo que ten de próximo e caro

13/10/10

Colonización



No 1979 un equipo da TVE gravou esta reportaxe en Friol
Trátase dun documento revelador, cun gran valor histórico
Dado que supón un retrato cercano daquela sociedade rural
En concreto, sobre o tipo de ensino que se impartía daquela
O vídeo analizaba as consecuencias da fin dos grupos rurais
-Que é como eran coñecidas as anteriores escolas unitarias-
Pero, visto hoxe, vai máis alá, por aspectos que nos desvela
Particularmente, sobre a política lingüística que se aplicaba
Durante a Transición, a formación impartíase só en castelán
Sen ter en conta que os rapaces puidesen ser galegofalantes
Considerábase, ademais, que o bilingüismo era un problema
Unha caste de defecto de fábrica que dificultaba a educación
Así que eran os cativos os que debían amoldarse ao sistema
Os que tiñan que apartar a súa lingua para poderen aprender
Deste xeito, a escolarización universal supuxo outro proceso
O da colonización lingüística a través do ensino obrigatorio
Un fenómeno perverso que se desenvolveu ate a actualidade
-E que, malia todo esforzo, semella non ter xa marcha atrás-
Hai trinta anos, o galego era o idioma materno dos raparigos
Da gran maioría, tanto en Friol como en todo o resto do país
E resulta que hoxe en día a situación se nos amosa á inversa
Aos fillos daqueles alumnos tamén lles custa expresarse ben
Pero agora é o idioma dos seus avós o que non adoitan falar
O grao de colonización foi tal que mesmo os pais consenten
Un último apuntamento: falo dos nenos criados nas cidades
Porque, o que é no rural, xa apenas pode falar rapaz ningún
Sinxelamente porque xa case non quedan nenos que poidan
O vídeo, de Vivir cada día, figura no blog do propio colexio

06/10/10

1600 anos do reino



Esta semana celébrase en Pontevedra un congreso inédito
Conmemorará os 1600 anos da fundación do reino galego
Esencialmente, trátase dunha convención de historiadores
Pero non podo deixar de pasar por alto o que isto implica
E é poñer en valor un período cuxa importancia se negou
Sabemos que foi o primeiro reino altomedieval de Europa
O pioneiro na emisión de moeda logo do Imperio Romano
Que gozou dunha gran riqueza literaria e cultural na época
Aínda así, segue a parecernos algo distante e mesmo alleo
Como se non tivese nada que ver coa nosa realidade actual
Pois nada máis lonxe, xa que somos herdeiros daquel reino
O carácter administrativo das parroquias non é nada baladí
A división do territorio en tres mil parroquias vén do s. VI
E hoxe resulta algo que nos distingue e que fai único o país
Ou que dicir do carácter comunal de tantos e tantos montes
Estes terreos en man común tamén son herdanza dos suevos
Como a toponimia ou a antroponimia, presentes hoxe en día
Sen ir máis lonxe, o meu apelido é suevo, como tantos outros
E suevas son palabras tan nosas como agarimo ou brétema
É máis, esas xentes foron as que realmente latinizaron o país
Eles viñeron enviados por Roma para administrar a Gallaecia
-Que era un territorio distante, abrupto e difícil de gobernar-
Por iso o galego é unha lingua baseada nun latín culto escrito
-Os outros idiomas romances parten dun latín vulgar e oral-
Estímase que o xerme do reino se produciu aló polo ano 410
E que o seu carácter independente se prolongaría ate o 585
Malia todo, cada vez máis indicios sinalan unha continuidade
En primeiro lugar como reino anexionado á Coroa Visigoda
E máis tarde como o país rexido por reis coa corte en León
Despois virían as escisións, por parte de León e de Portugal
-A antiga Gallaecia Asturicense e a Gallaecia Braccarense-
A partir do século XIII, a dependencia da Coroa de Castela
A arbitraria mutilación, no s. XV, da gran comarca do Bierzo
E por último, a integración na Coroa de España ate o s. XIX
-No 1833, o reino sería disolto pola rexente María Cristina-
En total, foron máis de 1400 anos de historia do reino galego
O que fai del o reino máis lonxevo que houbo en toda Europa
Así e todo, malia a súa relevancia hoxe apenas é tido en conta
Por iso resultaba necesario un congreso adicado á súa análise


O logo elixido fai referencia á bandeira do Galliciense Regnum
É o dragón verde que compartía emblema cun león encarnado
Este ser mitolóxico era utilizado como estandarte tardorromano
-A cola do verme indicáballes aos arqueiros o sentido do vento-
A forma escollida baséase na do dragón do escudo de Coímbra
Que, por certo, foi unha cidade lusa conquistada polos galegos
En dúas ocasións, primeiro no s. V e, posteriormente, no s. IX
O león pasaría a ser o brasón real e máis tarde o escudo leonés
-É, de feito, a imaxe máis antiga de toda a heráldica en Europa-
Pero o dragón permaneceu no imaxinario como símbolo galaico
Ao igual que ocorrería coa serea dos Mariño ou co Santo Graal


30/09/10

Gatos que ven cousas


Gato Casper

Estes outros felinos encóntranse moito máis preto de nós
Son modelos estilizados que posan mentres observan algo
Captounos co seu obxectivo a fotógrafa Vanesa Abelairas
Artista luguesa que ofrece estas imaxes na súa páxina web
-Un blog pouco convencional co nome de La Almohadité-

Gato Mimi

Gato Matías

As obras integran unha serie sobre gatos que ven cousas
Xa sexan un paxaro, uns peixes ou mesmo unhas sombras
Cada fotocomposición pode obterse plasmada nun broche
-E Marta xa ten un, posto que llo regalou a propia autora-

Armentón 11

Vanesa é a outra moza que figura nesta estampa costumista
O rapaz do medio é Samuel, parella dela e curmán de Marta
Nesta entrañable escena tamén aparece o seu gato, Mambrú

Armentón 2


O marco incomparable non é outro que a casa de Armentón
Coñecida alí como A Casa das Bruxas ou A Casa dos Gatos
Unha casiña de película que se menciona nun recente anuncio
 E que foi feita polos meus tíos políticos coas súas propias mans

Armentón 4

O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...