23/03/17

Estampas da muralla



Dun tempo a esta parte decidín sacarlle un maior proveito á muralla romana de Lugo
Sempre que podo, sobre todo á volta do traballo, gozo dun paseo polo adarve do monumento
Vaia por onde un vaia, as vistas son espléndidas por todo o percorrido, que supera os 2.200 metros
Estas fotos corresponden a un dos treitos máis coñecidos, o da torre da Mosqueira, coas ventás orixinais




Normalmente vou a pé pola ronda da Muralla, que rodea enteiro o monumento romano
Así que todos os días paso á beira da porta de Santiago, situada en fronte á catedral luguesa
Dende aquí ata a porta Miñá, a máis antiga de todas, o tramo ten por nome o Paseo dos Cóengos




Tamén paso por diante da capela de Santa María, hoxe sala de exposicións
Mais, sen dúbida, con bo tempo o paseo resulta moito máis agradable polo adarve
Baixo estas liñas, o camiño parapetado e maila vista que ofrece da rúa Ourense, onde vivo





Á mesma altura, mais pola parte interna da muralla, hai un canil municipal
Aí poden levar a pasear as súas mascotas os veciños de todo o centro da cidade





Como resido na mesma rúa dende a metade da década pasada, pasei infinidade de veces por aquí
Verán e inverno, dia e noite, con sol, con chuvia, con néboa, con xeo, con neve e mesmo con tractores




Nos últimos anos rodearon a muralla en varias ocasións centos de vehículos agrarios
Tratábase de protestas dos gandeiros por mor dos baixos prezos pagados polas industrias lácteas
A tractorada máis longa chegara a durar case dous meses, tempo en que deixaron libre un carril da ronda




Ademais da vía que rodea a muralla, existe outra ronda interna, aínda que polo de agora só nalgúns treitos
Non é ese o caso de Campo Castelo, onde a traseira das casas está declarada Patrimonio da Humanidade
No futuro, agardo que deixen de circular vehículos arredor do monumento e se limite o tráfico a bicis e peóns


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...