21/01/08

Píntao como queiras


Había tempo que non falabamos deles
E iso que lle dan nome, alegoricamente, a este recuncho
Seica por fin se decataron de que cumpriron medio século
-Ou polo menos se decidiron a facelo público-
E disque van celebralo por todo o alto
É dicir, cunha xira por vinte cidades de toda Europa
E mais cunha edición limitada de pitufos coma este
"De tres mazás de altura" e completamente branco
A finalidade é que cada quen os pinte como lle pete
Todo o que sexa incentiva-la creatividade benvido sexa
Así que me parece unha idea estupenda
Pero non queda aí a cousa
Ademais, vai publicarse un novo álbum
Chamarase "Os pitufos e o libro que o di todo"
Todo xestionado por "Peyo Productions"
-A empresa dos herdeiros do finado debuxante belga-

18/01/08

O cabaleiro


Nunca tivestes un cabaleiro no pescozo?
Ou, o que é o mesmo, unha tortícole torticeira?
Pois iso é o que me vén de pasar a min
Botei toda a semana de baixa, tocando o violín
Ou saudando chiscando o ollo e co matapiollos ergueito
Ou soprando bicos de lado, como o calvo da lotería
Nunca fun tan de esquerdas
Agora xa todo pasou, por sorte
E espero que non me volva ocorrer nunca máis
Porque son uns espertares indesexables

09/01/08

O planeta prohibido


Tempo era de ir presentando as bitácoras dalgúns amiguetes
Sen ánimo de ofender, comezarei por esta
Chámase "O planeta prohibido"
Narra as peripecias, aventuras e desventuras de Robby o Robot
É dicir, do alter ego dun salientable membro da miña tribo
Quero dicir da miña 'tribo semiurbana' cambadesa
O seu nome é o dun personaxe dun filme de ciencia-ficción dos anos 50
Partindo deste fío condutor, a realidade chega a supera-la ficción
Ante todo, Robby é un amante da noite e da banda deseñada
E ben sabe que compartimos unha visión epicúrea e hedonista da vida
O amor polo bon beber, polo bon comer, pola boa música...
E moito máis, xa digo, toda unha filosofía de vida
Que trepidantes partidas desputamos no Super Mario Kart...
-Por poñer só un exemplo-
Xa teño falado un pouco do seu blog
Remítome ó pasado 27 de outubro, na entrada de "Robby o Pitufiño"
-Que foto máis simpática, autenticamente de álbum!-
Pero coido que cumpría, e merecía, unha 'presentación en sociedade'

04/01/08

Os puntos sobre os is



Estou farto de coñecer xente encantada de coñecerse

Xente incapaz de experimentar empatía

Xente incapaz de poñerse no lugar dos demais

Auténticos cocóns incapaces de ollar alén do seu embigo

Muros pechados que só se abren cara ós seus espellos

Animais gregarios que só compadecen os seus pares

Autómatas sen alma que só se identifican cos seus clons

E que en raras ocasións realizan unha mínima autocrítica

Todo isto vén a conto de que, de sempre, padecín unha leve misantropía

E hoxe levanteime con esta doenza un tanto agudizada

Por suposto, eu son o primeiro en recoñecelo

Que por algo hai que empezar

Non se trata de ser máis cabrón ou máis abofé que o resto

Falo do corporativismo inherente ó xénero humano

O cal nunca me producíu unha especial simpatía

Creo que hai que saber recoñecer tamén os erros propios

E non só os alleos, non só a palla no ollo alleo

E cando digo 'alleos' refírome ó senso máis xeral do termo

Refírome a todo o que é distinto a un mesmo

A todo o alleo ó seu e ós seus

Pero a ninguén lle gusta que lle dean leccións

Que lle recorden que os seus actos teñen consecuencias

Que cada quen recolle o que sementa

E que a desidia acomodada, co tempo, pasa factura

Cada quen é libre de actuar como lle pete, evidentemente

Pero coido que non está de máis lembrar algunhas obviedades

Sobre todo cando falamos da necesidade de empatizar

Máis que nada por aquilo da inevitable convivencia

E non porque si, porque todo ten a súa explicación

-Salvo os días que nos tocou vivir

Que, xuntos, axiña suman anos

Os anos axiña suman décadas

E as décadas pasan como un suspiro

Porque os nosos días breves son-

02/01/08

Matrimonio con fillos


A mellor serie de televisión da Historia
"Married with Children", da Fox
E a máis duradeira desta cadea
-Co permiso dos Simpsons, claro está-
Emitiuse durante 10 anos, do 87 ó 97
Narra as desventuras de Al Bundy
Un home infelizmente casado
Un infeliz que intenta ir tirando
A pesar dos pesares e da súa familia
O seu é un personaxe sen igual
Estamos a falar do antiheroe definitivo
Todo un mito televisivo
Non menos mítica é a súa postura no sofá
Coa man metida por dentro do pantalón
-Cantos imitadores lle saíron nestes anos...-


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...