29/09/09

Grilotoupa



Este becho sempre me fascinou, xa dende moi novo
Atopábao cando recollía grilos e outros insectos
É coma un ser mítico, metade grilo, metade toupa
Polo que puiden saber despois, poucos o coñecen
-E aínda menos o viron, como se fose mitolóxico-
Fálovos da grilotoupa, o grilo con patas de toupa
Dourada e grande, pode acadar os 5 cm de lonxitude


No mundo hai ben poucas especies de grilotoupas
A europea leva o nome de "gryllotalpa gryllotalpa"
Pero hai outros grilotalpídeos, como este da foto
Procede de Australia, a "gryllotalpa brachyptera"
Pensa que estás a vela tal como é a tamaño natural
E ate aquí chegou a lección de hoxe de entomoloxía


18/09/09

Outono


Volveunos o outono, como quen di da noite para a mañá
E con el os días curtos, cada vez máis, e con menos luz
As tardes que non duran nada, a chuvia que o molla todo
O vento traizoeiro, a friaxe implacable, as molladuras
Ter de novo que buscar ávido o refuxio dun café quente
Facer longas travesías ás escuras durante toda a semana
Viaxar de noite e con mal tempo, de condutor ou copiloto
Vestir coma as cebolas, capa sobre capa, para entrar e saír
Non esquecer o paraugas, calzar botas e... poñer boa cara



11/09/09

Os cuñados clonados


Só teño dous cuñados, un por parte de Marta e o outro de Ana
Así que me sorprendería comprobar que che se me multiplicasen
Pero iso foi o que ocorreu cando vin este documento estarrecedor
A foto dá fe de que nun piso de Narón están a replicarse sen control
Diego, o irmán de Marta, está a ser clonado alí unha e outra vez
Dubido que sexa obra súa; alguén ten que estár detrás deste acto
Probablemente un doutor maligno con plans para dominar o mundo
Teño que facer algo para impedir que Diego siga a reproducirse
De non ser así, as súas réplicas poderían converterse nunha praga
E temo que esta se estenda mesmo ate adquirir dimensións bíblicas
A este paso, un exército de clons do meu cuñado invadirá o planeta
E iso suporía a morte segura da civilización tal como a coñecemos
Ollade como se preparan no centro de comunicacións da súa base
Como meditan estratexias para se faceren co control das nosas vidas
Como se encontran en contacto co exterior para escoller o momento
Por iso eu vos digo: Tremede, porque non sabedes o que vos espera!

03/09/09

O cadro das vacacións


Pois isto é en parte ao que me adiquei durante as vacacións
A un cadro que xa comezara e que aínda non dei acabado
Nun principio ía ser dun xeito e máis tarde foi mudando
Funlle introducindo cambios e melloras conforme avanzaba
Foi transformándose a medida que ían xurdindo novas ideas
E ao final pouco ten que ver co planificado ao comezo
Pero o caso é que me gusta máis así que como o empezara
En fin, como na vida mesma, ese camiño que se fai ao andar
O bo deste cadro é que aprendín bastante traballando nel
A base de darlle voltas e voltas, deume ideas para o futuro
Ideas para novos proxectos con novas formas que desenvolver
No aspecto técnico, permitiume dar con fórmulas máis eficientes
Puiden averiguar como acabar antes e de maneira máis pulcra
O lenzo mide 73 centímetros de alto por medio metro de ancho
Coido que finalmente o convertín nunha especie de vidreira
Ou polo menos, ese é o aspecto que polo de agora está a coller
-Plasmar ao óleo exactamente o que tes na cabeza non é doado-
Xa veremos ao final como remata o conto e que tal queda

O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...