24/03/11

O curioso caso do neno suicida



Un filme que si me fascinou foi este: O curioso caso de Benjamin Button
Non só pola película en si, que é fantástica -aínda que longuísima de máis-
Senón porque me recordaba un relato de Rafael Dieste que lera moi novo
O conto en cuestión, de apenas catro páxinas, chamábase O neno suicida
-Que fora publicado por Galaxia no libro Dos arquivos do trasno, de 1926-
Consiste na narración da súa historia nunha tasca por parte dun vagabundo
O argumento era moi semellante ao da obra de F. Scott Fitzgerald, de 1921
Pero no caso de Dieste o protagonista non saía avellentado do ventre da nai
Era aínda máis gótico, posto que o vello nacía nunha tumba dun cemiterio:

"-Alá polo mil oitocentos trinta, unha beata que despois morreu de medo viu saír do camposanto florido e recendente da súa aldea a un vello en coiro. Aquel vello era un recén nacido. Antes de saír do ventre da terra nai escollera el mesmo ese xeito de nacencia. ¡Canto mellor ir de vello para mozo que de mozo para vello!, pensou sendo espírito puro. A Noso Señor chocoulle a idea. ¿Por que non face-la proba? Así foi que, co seu consentimento, formouse no seo da terra un esqueleto. E despois, con carne de verme, fíxose a carne do home. E na carne do home aformigou a caloriña do sangue. E como todo estaba listo, a terra-nai pariu. Pariu un vello en coiro."

17/03/11

O filme dos pitufos



Este ano vou ter un agasallo de aniversario ben curioso
Xusto ese día estréase por aquí un filme sobre os pitufos
Deste xeito, os seres creados por Peyo recobrarán sona
De entrada, Sony xa comezou a campaña de promoción
O tráiler di moito sobre o espírito americano da película
-Que está ambientada, sorpresa, no plató da Gran Mazá-
Así e todo, seguro que irei, lentes sobre lentes, polo cine
Posto que o verán vai ser longo e as salas están frescas


11/03/11

Cando fai sol



Se hai unha semana chovía, dende aquela fixo sol
A uns días do cambio de estación, xa é primavera
Publiquei en diversas ocasións fotos da nosa rúa
-Imaxes con neve, co arco da vella ou ao amencer-
Pero nunca antes colgara aquí fotos con bo tempo
Así que me parece de xustiza facelo hoxe mesmo
Para poder así amosar tamén o seu rostro amable



Son instantáneas captadas ao mediodía, a plena luz
Xusto cando o sol está no máis alto e loce de cheo



04/03/11

As augas de marzo



Seguimos con máis música, coa propia deste mes que iniciamos
Escollín unha canción de António Carlos Jobim para pórlle faciana
As "Águas de março", do álbum "Matita Perê", publicado no 1973
Moi apropiado, por outra parte, xa que acaba de empezar a chover:

                                                   "São as águas de março fechando o verão
                                                    É a promessa de vida no teu coração
                                                    É pau, é pedra
                                                    É o fim do caminho"


Ademais do tema que abre este disco, deixo aquí o que lle dá nome
É unha versión en concerto do tamén brasileiro Milton Nascimento
Data do 2002, anos despois do falecemento do autor destes versos




O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...