26/12/07

O disco do ano


Toca repasa-lo ano que remata
E este é para min o disco do 2007
O "The Mix-Up", dos Beastie Boys
Sen dúbida, o álbum máis maduro deste xenial trío
Contén unha auténtica ducia de ovos kinder
A cada cal máis vibrante, máis entretido
Trátase do seu primeiro CD con música instrumental inédita
-Xa publicaran un recopilatorio doutros álbumes-
E a verdade, é bon de pe a pa
Non hai tema ningún que frouxee
Fusiona rock, acid, reggae, funk, etc., etc., etc.
E o resultado é dunha riqueza cromática e rítmica sen par
Mesmo supera o "Ill Communication", do 1994
É dicir, o que era ata o de agora o seu mellor disco

12/12/07

Xmas


Vexo que xa se nos bota o Nadal enriba
-Témome que no sentido máis literal da expresión-
Así que vos deixo unha postal atípica
Trátase do lugués Paseo do Rato completamente nevado
Resulta curioso que mesmo o tempo se conxela nestas datas
Hoxe padecín os catro graos baixo cero non lonxe desta paraxe
Os amantes do esquí seica van esquiar
Os amantes da boa mesa fan o seu agosto
Os amantes a secas saben que fai frío fóra
O Nadal éche o que ten
Non deixa a ninguén indiferente

06/12/07

Sobre a Constitución

Vou mollarme un chisco
Para ben ou para mal, nacín en territorio rexido polo Estado Español
Ninguén me preguntou nunca que me parece a Constitución Española
Se me parece ben, se me parece mal, ou sinxelamente que me parece
E iso ós meus xa máis de trinta anos
Simplemente, é unha constitución que me impuxeron dende que nacín
A min ninguén me consultou nun referendo se a aceptaba ou non
Ninguén me deu aínda esa oportunidade
Así que sigo agardando
A este paso, se cadra ate que morra
E digo eu, acaso é unha biblia inamovible, como a constitución norteamericana?
Esa que é intocable dende hai 230 anos?
Acaso o mundo non cambia?
Acaso non cambiaron as circunstancias dende a Transición nos anos 70?
Acaso non é unha carta magna creada nun contexto moi particular?
Acaso non é froito das concesións dos demócratas ós fascistas?
Acaso non require modificacións para ser adaptada ós tempos que vivimos?
Acaso a xefatura do Estado a través dun monarca non é unha anacronía?
Acaso a figura medieval dun rei non hai ben tempo que quedou anticuada?
-E iso por moito que me digan que serve para codearse cos VIPs polo mundo adiante-
Por non falar da fluidez e normalización nas relacións Igrexa-Estado?
E tantas e tantas outras cuestións completamente anacrónicas?
Entón por que non me consultan como cidadán nun referendo?
Tan pouco importa o que eu pense ó respecto?
Ou é que acaso ó poder establecido non lle interesa coñecer a miña opinión?
E digo eu, que tipo de democracia é esa?
A quen pretenden tomarlle o pelo estes señores?
Dende logo a min non

05/12/07

Entremurallas




Como na boneca rusa, dentro dun monumento hai outros
E así, dentro das murallas luguesas agóchanse xoias
Espazos nos que "la notte" cobra valor
Nos que a negra baixa suave e a crema gaña enteiros
A rúa das casiñas coloridas é a de Campo Castelo
Na esquina inferior esquerda vense pedras da muralla
A barra é dun pub no outro extremo do recinto histórico
En concreto á beira da porta Miñá ou do Carme
En troques Campo Castelo limita coa porta de San Pedro
Cantas noites de amables conversas en cálidos ambientes
Cantos viños degustados no padal...

04/12/07

A muralla romana












É Patrimonio da Humanidade, coma o Todaiji de Nara
Pero non está tan lonxe
Trátase da muralla romana de Lugo
Foi construída en tempos dos césares para defende-la cidade
Pero os bárbaros acabaron por invadila de tódolos xeitos
Disque é a única muralla romana que se conserva enteira
Cuns dous quilómetros e medio de perímetro
Pódese percorrer a pé o adarve
O que adoita ser un grato paseo
Faga sol ou neve, como se pode ollar nunha das fotos
A torre que conserva ventás é coñecida como a Mosqueira
A foto nevada corresponde á porta de Bispo Odoario
Que é unha das dez portas actuais da muralla
O treito no que se ve a catedral coñézoo moi ben
Non en van, percórroo catro veces ó día
A UNESCO nomeouna Patrimonio da Humanidade no 2000
Hai agora sete anos


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...