31/07/08

As vacacións (II)




Estou a piques de acadar o ceo coa punta dos dedos
A unhas horas dun profundo estado de paz
De esquecer o estrés dos once meses anteriores
-Como na pousada da oca ou na barreira do parchís-
Que ben se está cando se está ben...
Sen ter que estar sempre pendente do reloxio
Sen ter que facer centos de quilómetros ao día
Haberá que inaugurar as vacacións como merecen
Dirixirse cara onde se pon o sol para repousar
A frezar e desovar onde nacín, coma os salmóns
A descansar, en definitiva, en boa compaña
O que se di o descanso do guerreiro
A terracear e a charlar ate aburrirse
-Nun lugar con auténticas noites de verán-
A desintoxicarse de tantas e tantas lides
A resetear a memoria e a descansar a cabeza
Que, como se soe dicir, boa falta fai

29/07/08

As vacacións

Quédanme dous 'telediarios' para coller as vacacións
Na miña relixión, na que eu son o Sumo Pontífice, agosto é sagrado
Necesito o mes enteiro para poder desconectar
Para facer única e exclusivamente o que realmente me gusta
Para poder erguerme á hora que me pete, cun espertar natural
-Sen ter que estar pendente do ruxerruxe dun invento diabólico-
Para dedicarme só aos meus pasatempos favoritos
Á miña nutrición -esencial- e ás catas -importante-
Tamén á lectura -a miña paixón- e á poesía -a miña catarse-
E mais ás artes plásticas que levo dentro -non só do nariz-
Algo de praia e de montaña tamén caerá -que se agradece-
A pena é que non poida ter prevista unha viaxe -motivos familiares-
Pero estou seguro de que me van cundir tanto como faga falta

24/07/08

Smurfs Hardcore



E outra fricada-macarrada máis, que estamos de saldo
Trátase da portada dun cómic que nunca chegou a publicarse
-Dunha broma dirixida aos nostálxicos dos pitufos-
Nesta suposta versión actualizada toman a revancha
O pitufo fortachón volve reconvertido nun macarra de coidado
Armado ate as cellas con material de última tecnoloxía
E, como non, co malote a pitufina adaptada para a ocasión
Que se preparase Gargamel, se isto chegase a desenvolverse
Aínda que, como seica dicían, se tratase dun cyborg 'ad hoc'
Como chiste non está nada mal, non?
Mesmo podería dar xogo e funcionar en canto a vendas
Souben disto polo amigo Incómodo, de "i12befreak"
Quen quixo corresponder á reseña dos 'gatos armados'
E fíxoo, madialeva que si, dun xeito encomiable

22/07/08

Beowulf o Tecnovikingo



Seguimos coas fricadas propias deste tempo estival
Esta é unha caste de 'Love Parade' gravada en Berlín
Chámase 'Tecnoviking' e xa lle saíron unha chea de imitadores
O certo é que o tecnovikingo en cuestión é cuspidiño a Beowulf
-Ao Beowulf do filme de Robert Zemeckis-
Cando vin o vídeo, a primeira reacción foi escarallarme á risa
O efecto, música tribal incluída, estaba moi logrado
-Coma a curiosa coreografía do tecnormando-
A saber cantas horas levaban xa a voltas estes festivaleiros
Aínda que non descartaría que se tratase dunha posta en escena

18/07/08

I want to be freak








Esta bitácora vén de crearse hai escasas semanas
Chámase "i12befreak" e é colectiva
É dicir, o veículo de expresión dunha paixón común
Fana un grupo de colegas de Cambados sobrados de imaxinación
Nela un pode atopar cousiñas sorprendentes
-E todas con referencias friquis, como se pode apreciar-
Comezando pola Barbie de "Os paxaros" de Hitchcock
Seguindo por un coñecido transporte zoomorfo de "Star Wars"
-O AT-AT, feito por un dos dos membros do equipo-
Pero as armaduras para gatos foi o que máis me sorprendeu
Cheguei a elas a través dun enlace que se facilita no blog
Chámame poderosamente a atención a armadura de samurai
Se teño que buscarlles un referente, penso en Lovecraft
-En concreto en "The Dream-Quest Of Unknown Kadath"-
No exército de gatos de Ulthar que se topa Randolph Carter
-O home que buscaba en soños a Ignota Cidade do Sol Poñente-

14/07/08

Pasos de xigante





Para min este é un dos mellores álbumes de John Coltrane
O cal é moito dicir, tratándose de Coltrane
Poríao no podio xunto con "A Love Supreme" e "Blue Train"
-Outros discos incribles mesmo para o mellor saxo da Historia-
Curiosamente, cada un deles editado por un selo distinto
E que selos!: "Blue Train", do 57, fora editado por Blue Note
"Giant Steps", do 59, por Atlantic
E "A Love Supreme", do 65, por Impulse
Hoxe son clásicos, cuxos temas contan con innumerables versións
No caso de "Giant Steps", quedo coa do guitarrista Pat Metheny
Publicada no "Trío 99/00", ten un tempo máis lento
-Como recreándose en cada unha das notas delongadas-
Giant Steps tamén se pode traducir como 'chanzos de xigante'
Chanzos como os creados por Michael Levy no vídeo homónimo

10/07/08

Os 80 en El Jueves





Posiblemente se trate da mellor publicación española
-Posiblemente-
Falamos de "El Jueves", esa revista que sae os mércores
E que esta semana contén un monográfico sobre os 80
-Aqueles marabillosos anos de 'nocilla' e 'tulipán'-
Parece ser que este especial tivo bastante éxito de vendas
Á quiosqueira da esquina quitábanllelos das mans
E vendeu todos cantos tiña no primeiro día
Sorte que puiden arrepañar o último exemplar
Que era o que se encontraba exposto no escaparate
Por suposto, Alcázar e Pedro Vera non me fallaron
Ámbolos dous deron a súa visión da 'Movida'
-Non só da madrileña, senón tamén da de Vigo-
Non sen un bo chorrazo de acidez, claro está
E atención á visión de Furillo das drogas naqueles anos
Que tampouco ten desperdicio ningún, escatoloxía á parte
Como detalle, esta semana a revista trae uns agasallos
Son chapas con referencias a aqueles tempos de 'tulicrem'
De Epi, Blas e El Dioni, e tamén de Naranjito
O cubo de Rubick tampouco podía faltar
E, como non, a chapa que agora levo na chaqueta
A de Bud Spencer e Terence Hill listos para un reparto estelar

03/07/08

Aquelas tardes na Corniña

Cando lembro a miña infancia é no primeiro que penso:
As tardes que pasaba na Corniña
A Corniña é un lugar ás aforas de Cambados
-Unha rúa entre Fefiñáns e a Modia, cara ao interior-
Pero para min é moitísimo máis ca iso
Soía pasar tardes enteiras, día si e día tamén
Dende que saía da escola ate que volvía á casa pola noite
Ía sempre no coche co meu pai, moi contento de ir
Alí visitabamos uns amigos, a familia de Xelo
O seu fillo, Jose, era de canda min
Ao igual que outros dous veciños da mesma rúa
Un deles era Rafa, o Pelouro, e a outra era Anabel
De feito, estudabamos os tres no mesmo curso
O que son as cousas, tardei en decatarme deste detalle
-Ou polo menos iso é o que recordo-:
Eran os mesmos rapaces cos que compartía aula
Supoño que con 6 anos se ve o mundo doutro xeito
E, dende logo, o tempo pasa doutra forma
É máis, ignoro durante canto tempo non os relacionei
O caso é que pasaba horas e horas enredando con eles
En particular con Jose, o meu mellor amigo da infancia
Xogabamos tanto na rúa como dentro da casa
A vía tiña forma de U, e a casa encontrábase ao fondo
Daquela poucos coches pasaban, así que a rúa era nosa
Tratábase dun contorno semirrural, con viñas e leiras
Así que tamén estabamos en contacto coa natureza
Aquela era unha infancia sa, sempre correndo e suando
Non me custa nada verme correteando por alí:
Un anano gordechiño co pelo liso cubríndolle a fronte
Completamente despreocupado, vivindo unha nenez feliz
Hoxe en día emociónome cada vez que rememoro aquela época
-Aquela rúa onírica, o interior daquela casa acolledora-
Un arreguizo percórreme a espiña cada vez que me acordo
Como o boto de menos, sabedor de que non hai volta posible
E que ben o pasaba naquela especie de Nunca Xamais...
Este tipo de recordos non se poden expresar con palabras
Son imaxes asociadas a sensacións e a sentimentos
A estados de ánimo ubicados no máis fondo da memoria
Que se funden coas fábulas e cos contos que lía daquela
Lector voraz de min por aquel tempo, entre os 5 e os 10 anos
Logo viñeron os primeiros cambios fisiolóxicos
E cos estiróns as responsabilidades tamén medraban
Aquelas tardes fóronse facendo cada vez máis esporádicas
Ate que un día desapareceran por completo
Nestes vinte anos, a Corniña cambiou moito
Agora pasa unha 'vía rápida' á beira, e a xente é ben distinta
Sobre todo eu mesmo, seino -aínda que siga sendo tenro-
Pero hai algo que sempre perdurará mentres eu viva
E é o recordo entrañable dunhas tardes máxicas
Tardes de parchís e de adiviñas, e de amizades eternas


01/07/08

Galicia Confidencial

Non é só un foro de foros sobre temáticas diversas
Galicia Confidencial ten algo máis que a fai única
Escapa a máis censuras das que a priori se poida pensar
E reborda liberdadade, unha liberdade responsable
-Tal como advirte o seu encabezamento-
Se queres saber o que pasa neste país, le a prensa
Ou oe as radios, ou interpreta a tele, como vexas
Pero se de verdade queres saber canto se coce, este é o lugar
Por que? Pois moi simple, pola ausencia de censura
E porque ademais é un referente a nivel galego
O editor non actúa como 'gatekeeper' senón como moderador
Non hai unha persoa que diga isto si, isto non
Só alguén que modera o ton das entradas, non o seu contido
Dicir isto pode parecer pouco, pero dende logo que non o é
A información dos medios de masas está máis ca controlada
E por quen? A grosso modo polo capital, como non
Existe unha estreita interrelación entre os distintos vectores
E é que no fondo non somos tan distintos dos estadounidenses
A banca financia os mass media galegos
Os mass media regulan o fluxo de información
-Tanto política como económica ou social-
O capital financia os grupos políticos
Os políticos regulan o fluxo de información nos medios
-Tanto públicos como privados, non nos enganemos-
Ate aquí todo é relativamente normal, pero agora vén o mellor
A auténtica perversión deste sistema establecido:
Os políticos financian os medios privados con fondos públicos
Os gobernos regulan canto se publica neses medios
Ao cabo, a banca controla todo o fluxo de información
Deste xeito, resulta que se dilúe unha delgada liña
A que separa banqueiros de emporios mediáticos
A que divide xuntas de accionistas de gobernos democráticos
O que está fóra desta pomada debe existir na marxinalidade
É aí onde entra a figura do censor, que ten moitas formas
Se cres que isto é unha fantasmada, deixa de ler agora mesmo
-Crerás que se trata dunha mera teoría conspiratoria-
Pero se che interesa este tema, entra en http://galiciaconfidencial.com/
O apartado de Comunicación non che vai decepcionar
Aquí xa non se trata de ler entre liñas o que non se conta
Senón de que as persoas construamos libres o relato da verdade

O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...