15/09/13

Do Taj Mahal a Varanasi



 O último estado que visitamos na India foi o superpoboado Uttar Pradesh
Cuns 200 millóns de habitantes, é o territorio indio no que vive máis xente
Comezamos por Fatehpur Sikri, unha cidade Patrimonio da Humanidade
Construída no tempo dos mogois, semella hoxe en día conxelada no tempo
Xa en Agra, fomos ata o Taj Mahal, o monumento máis coñecido do país
Trátase dun mausoleo levantado no s. XVII polo emperador Shah Jahan
-A finalidade da obra era gardar os restos da súa esposa Mumtaz Mahal-
A porta para acceder aos xardíns xa dá idea da monumentalidade por vir




A vista dende a devandita porta ao Taj Mahal representa todo un arquetipo
Co seu reflexo no estanque, é a máis recoñecible deste patrimonio mundial




 Pero existen outros puntos de vista desta icona, se cadra menos populares
É o caso do tiro dende unha das superficies que se atopan nos seus laterais
Ou dos detalles das incrustacións de pedras preciosas na fachada do edificio
Por non falar dos corredores do interior deste mausoleo de planta octogonal





 As imaxes dende os arcos do eco da mesquita lateral tamén resultan curiosas
-Ao non estar orientado cara á Meca, non pode dedicarse ao culto islámico-
Mais non menos a panorámica do río Yamuna dende os minaretes traseiros



Xustamente río arriba encóntrase o Forte de Agra, construído un século antes
O seu promotor fora o emperador Akbar, o mesmo que erixira Fathepur Sikri
 Ao igual ca o Taj Mahal, as súas paredes están feitas de mármore translúcido
 Isto permite que o sol as atravese e fai que muden de aparencia e cor coa luz




 O Yamuna é afluente do río Ganxes, que ten o seu centro espiritual en Varanasi
Coma os peregrinos, acudimos a este lugar venerado por eles como ningún outro
E dende o amencer, camiñamos polas súas vellas rúas, tan cargadas de historia



  

Varanasi é considerada unha das cidades habitadas máis antigas do mundo
-Coma a propia relixión hinduísta, a súa orixe pérdese na noite dos tempos-
Os fieis levan milleiros de anos visitándoa para faceren ablucións no Ganxes
Río que, por certo, había anos que non estaba tan cheo como cando o vimos
Tanto é así, que non puidemos pasear en barca para gozar da vista dos ghats




 Pero si puidemos observar as piras de leña nas que incineran os crentes finados
-Moitos veñen morrer para interromper o samsara ou ciclo das reencarnacións-
Cada unha delas pesa uns trescentos quilos, co fin de que ardan ben os mortos



 O último lugar ao que nos achegamos na viaxe foi Sarnath, preto de Varanasi
No famoso Parque dos Cervos dera Buda o seu primeiro sermón no s.V a.C.
Séculos despois, o emperador Ashoka chantara aquí a súa columna dos leóns
O que se conserva do seu capitel deu orixe ao escudo da República da India
Así que procuramos visitar o museo que o alberga antes de voltar para a casa
Volvemos algo fatigados, mais coa certeza de ter visto algunhas marabillas
E un pouco mellor coñecedores, ademais, dunha das grandes civilizacións  


10/09/13

Os templos do Kama Sutra



Outro estado da India que visitamos, cara ao sur, foi o de Madhya Pradesh
Máis verde, recóndito e rural, o seu nome tradúcese como a terra do centro
Dirixímonos alá viaxando en tren durante un bo traxecto, almorzo incluído




Orchha, a capital do antigo principado dos Bundela, supuxo a primeira parada
Visitamos o raj mahal ou palacio real, un patrimonio nacional erguido no s. XVII
As vistas dende o alto desta fortaleza eran, pese ao día cuberto, espectaculares




Ao longo da vila de Orchha había uns cantos santóns hindús, chamados sadhus
Sen familia nin propiedades, os sadhus poden distinguirse polas raias da fronte
Illado no río, había un cenotafio ao que acudían os peregrinos á alba e ao solpor
-É tradición incinerar os cadáveres en piras xunto a este monumento funerario-



Tras descansar nun hotel de marcado sabor colonial, saímos cara a Khajuraho 
De camiño, o chofer parou á beira da estrada para darlles de comer aos monos



A vila de Khajuraho (léase Ghallurao) era un dos pratos fortes desta viaxe
Alí atópase un famoso complexo coñecido como os templos do Kama Sutra
-Os muros amosan unha morea de escenas eróticas esculpidas en pedra-
Levantados hai arredor de mil anos, hoxe son Patrimonio da Humanidade



Entramos nun templo adicado á deusa Lakshmi, aínda hoxe aberto ao culto
Ademais de escenas propiamente do Kama Sutra, hai outras moitas tántricas
Se nas primeiras participan dúas persoas, as segundas teñen carácter grupal



Son relevos tan detallistas, que mesmo se aprecian as tatuaxes das figuras
É o caso dos escorpións nas ninfómanas, que anunciaban a súa condición



Á marxe da beleza intrínseca dos templos, o lugar estaba certamente coidado
Tivemos tamén ocasión de visitar o templo cun dos shivalingam máis grandes
A representación simbólica dos xenitais divinos enchía todo o espazo interior






Aínda tivemos tempo para coñecer por dentro o templo adicado ao culto Jain
-O xainismo, coetáneo do budismo, oponse tamén ao politeísmo brahmánico-
No seu interior, de espírito austero, había imaxes de varios dos seus profetas
E ata aquí chegou a etapa na que coñecemos o rostro máis relaxado do país


06/09/13

Jaipur



A seguinte etapa da nosa viaxe pola India foi, se cadra, a máis completa
Fomos cara a Raxastán, a terra dos reis, o estado máis extenso do país
De camiño, demos con non poucas peregrinacións coloridas e animadas
A isto hai que engadir os adornos e mais as bucinas de feira dos camións
O efecto conxunto era o dunha continua sensación de romaría pintoresca




En ruta, paramos a xantar no palacio de Samode, construído no s. XVI
O edificio era, realmente, un escenario digno das películas de Bollywood





Xa preto da capital do estado, visitamos os templos hinduístas de Galtaji
Erixidos nunha fermosa paraxe natural, neles viven unha morea de monos


Os peregrinos acoden para se purificaren nas augas sagradas daquel lugar



Máis preto de Jaipur, subimos ao forte amurallado de Amber, do s. XVI
-Antiga capital da Rajputana, antes da fundación da propia Cidade Rosa-



Fixémolo ao lombo dun dos moitos elefantes que crían e adestran na zona
Así que o paseo ata o palacio fortificado resultou toda unha experiencia



Dende a fortaleza, onde corría o aire fresco, había unhas vistas estupendas
O xeito de baixar de alí, na traseira dun jeep, foi un pouco máis prosaico
Tamén contemplamos, de camiño, o Jal Mahal, un palacio no medio dun lago



Ao noso paso por Jaipur, vivimos non menos experiencias inesquecibles
Nunha tenda de tecidos, Marta probou un sari que lle quedaba moi ben



Tamén visitamos o reloxo de sol máis grande e máis preciso do mundo
E gozamos da beleza do palacio do maraxá e das pezas do seu museo




Por último, demos un paseo en rickshaw polo recinto histórico da cidade
E así, puidemos admirar as caprichosas formas do Palacio dos Ventos



O solpor foi un broche de ouro para a nosa estadía nunha terra de conto


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...