29/12/19

Selma en 2019


Deste ano que agora remata a nosa filla gardará unha morea de lembranzas
Caéronlle uns cantos dentes de leite e pegou un bo estironciño, non só no aspecto físico
Desenvolveu máis aínda a súa empatía e seguiu medrando como persoa cun bo feixe de vivencias
Neste 2019 esta pequena fada subiunos por vez primeira a un escenario para participar nunha obra teatral
Tamén continuou adquirindo coñecementos sobre linguaxe musical e danza tradicional, ademais de baile moderno





No Arde Lucus, Selma volveuse armar coma unha guerreira galaica
E, caracterizada coma unha pequena exploradora, fixemos xuntos rutas a pé




Este ano aprendeu a nadar mellor, tras rematar un curso enteiro de natación
Tamén fixemos unhas cantas viaxes con ela, sobre todo durante as pontes da primavera
Levámola ata Cantabria, onde probou deliciosas anchoas e pintou coma as mulleres das cavernas
E puidemos ir de visita a Salamanca, onde gozou das estupendas vistas das torres e mais da Serra de Francia




Xa en pleno verán, pasamos parte das vacacións cos seus avós ou cos seus tíos e primos





O prato forte do estío chegou cando fomos de viaxe a Copenhague
Alí viu a Sereíña, a Torre Redonda ou o Parque Tívoli, onde quedou marabillada





Antes de empezar o cole, tivo un reencontro cos seus compañeiros
Celebraba o seu oitavo aniversario, nesta ocasión cunha festa de temática científica





As ciencias reveláronse como unha das súas principais paixóns
Así que este curso iniciou unha actividade extraescolar para poder realizar experimentos
Tamén no colexio, unha mala caída xogoulle unha mala pasada e sufriu unha pequena fractura que axiña curou
O peor foi que lle coincidiu co San Froilán, polo que pasou as festas con escaiola e estribeira, privándose dalgunhas das atraccións




Unha vez superado este pequeno mal trago, celebramos con ledicia un Samaín terrorífico




Xa no último mes, acudimos un ano máis ao Culturgal, en Pontevedra, onde nos topamos cos Bolechas
Alí, no medio de tantas propostas culturais, pintáronlle á nena unha sereíña disque ao estilo da Maruxaina de San Cibrao




En Lugo sacáronnos unha foto de familia, co gallo do aniversario da muralla como ben mundial
E, como cada ano por estas datas, a nosa filla puido visitar o poboado de Nadal da praza de María Pita
Mentres compartimos a ilusión de Selma pola chegada do Apalpador, desexámosvos un aínda mellor ano 2020


09/11/19

Brueghel


 Este ano conmemórase o 450 aniversario da morte de Brueghel o Vello
Para homenaxear o mestre flamengo, organizáronse unha serie de exposicións
Entre elas, destaca a que está a ter lugar nos Museos Reais de Belas Artes de Bruxelas
Alí foi onde finou o xenio e é onde se atopa a segunda maior colección das súas obras no mundo
Está, por exemplo, a 'Paisaxe nevada con patinadores e trampa para paxaros', que se encontra sobre estas liñas
Esta revolucionaria pintura, en que se reflexiona sobre a fraxilidade da existencia humana, é a máis copiada de cantas realizou




A obra que se conserva de Pieter Brueghel o Vello é moi escasa
De feito, só se contabilizan 45 pinturas repartidas por todo o planeta
A 'Paisaxe coa caída de Ícaro' é outra das que se poden ollar neste museo
Ou a non menos coñecida 'Caída dos anxos rebeldes', aquí amosada en detalle
Como se pode apreciar, a táboa incorpora e transmuta criaturas propias do Novo Mundo




O 'Combate entre o Entroido e a Coresma' é outra das obras presentes nesta mostra
Como tamén se pode contemplar o 'Censo en Belén', onde o pintor recrea de novo a neve en Flandres
Tamén hai unha copia de 'O viño do San Martiño', a pintura de maior tamaño de todas cantas se atribúen a Brueghel




Na exposición tamén se poden ollar unha serie de cadros cuxa autoría corresponde a Pieter Brueghel o Novo
Un deles é esta 'Volta da romaría', como tamén está presente o 'Baile de voda labrega', ambos de temática costumista




A exposición, que levaba anos preparándose, ten por nome 'Bruegel: Unseen Masterpieces'
Nela faise uso da tecnoloxía 3D para explicar, ademais de reinterpretar, a obra do xenio flamengo
Nesta ligazón pódese acceder a unha visión en detalle de cada unha das principais pinturas que nos legou


03/10/19

Den Blå Planet


Den Blå Planet, "o planeta azul" en danés, é o maior acuario do norte de Europa
Situado en Kastrup, moi preto do aeroporto de Copenhague, nel conviven milleiros de criaturas




Un dos reclamos máis recoñecibles do Acuario Nacional de Dinamarca ten forma de tubo
Trátase dun corredor no interior dun gran cilindro de cristal que atravesa un tanque xigantesco de auga
Nel pódense ollar exemplares dunha morea de especies dos océanos, coma o tiburón martelo ou a tartaruga de mar




Outra das seccións máis sorprendentes do acuario é a dos ríos e lagos tropicais
Entre os peixes presentes destaca a arapaima, do Amazonas, que acada os tres metros de longo




Os cativos poden ir dos lagos africanos aos mares do sur nun submarino especial para eles




Fóra do acuario tamén hai xogos para os máis pequenos, con trueiros para pescar nunha charca
Á beira, encóntrase o estreito de Öresund, que separa a illa danesa de Selandia de Escania, en Suecia
De feito, dende o exterior das instalacións pode verse a ponte homónima, que une Dinamarca co territorio sueco




O edificio que alberga o acuario resultou premiado no Festival Mundial de Arquitectura de 2013
Conta con cinco brazos de diversos tamaños que parten do centro, o que lle dá un aspecto de remuíño
E cada un das aspas está especializada nun tipo de ecosistema, que poden ser as augas locais, tropicais ou oceánicas


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...