25/05/09

Días de visitas


Foron estes días de visitas dos nosos amigos a onde vivimos
Deles, foron Meli e Tito os que máis tempo quedaron connosco
Esta foto na insua de Seivane dá fé do seu paso por Lugo
-Os carballos centenarios afunden as ponlas nas augas do Miño-


Tivemos que cruzar unha ponte colgante para acceder á illa
E xuntos percorremos os seus dous quilómetros de perímetro
-Había que baixar o churrasco de tenreira que viñamos de degustar-


Visitamos tamén a fortaleza de San Paio de Narla, en Friol
Esta torre, do s. XIV, dá unha idea da vida medieval nun castelo


Seguimos cara atrás este relato que se difumina entre noites de viños
Paseamos tamén á beira do río Rato, no cinto verde da cidade


Este paseo conecta co do Miño, entre prados á sombra dos freixos
-Entre lagos con ras e parrulos e caneiros que se adentran no río-
E así transcorreron os días, comendo, bebendo, falando e paseando



18/05/09

Electric Light Orchestra



Volvendo sobre a Electric Light Orchestra, velaí van máis vídeos
Estes son anteriores a "Discovery", sobre o que falaba hai uns días
Trátase de "Livin' Thing", de "A New World Record" (1976)
E mais de "Mr. Blue Sky", de "Out of the Blue" (1977)
-Ademais de músicos, eran malabaristas das palabras-
Anos máis tarde, estes temas empregáronse en bandas sonoras
"Livin' Thing" no cru filme de "Boogie Nights" (1997)


"Mr. Blue Sky", pola súa parte, pechou "Martian Child" (2007)
-Unha das últimas películas protagonizadas por John Cusak-
É un tema tan variado como irregular, cun arranque fabuloso
Co vídeo podemos comprender a teima dos lentes de sol de Jeff Lynne


Posteriormente, a E.L.O. sacaría outros temas excelentes
De entre eles, decántome polo robótico "Yours Truly 2095"
Esta canción, que ben valería para "Wall-E", é do disco "Time" (1981)

13/05/09

A palillar!




A artesanía é sempre un labor certamente encomiable
En calquera das súas vertentes, e o encaixe non o é menos
E temos a sorte de ter unha amiga, Meli, palilleira de pro
Nos últimos meses, Meli acudiu a diversas 'palilladas'
Trátase de convencións para intercambiaren artes palilleiras
Ou sinxelamente para se gabaren da delicadeza das súas obras
-Posto que cada palilleira amosa os seus mellores traballos-
Para dar conta destas xuntanzas, Meli creou unha bitácora
Nela vai publicando as experiencias vividas nas palilladas
E, como non, as fotos daqueles encaixes que máis lle gustaron
Este blog xurdiu aínda hai poucos meses, pero xa promete
-Polo orixinal da temática, polo interés que esperta o ambiente-

07/05/09

Diga 33


Hoxe, neste día para nós tan sinalado, Marta está de aniversario
E cumpre o que se soe dicir "a idade de Cristo menos un mes"
A modo de dedicatoria, deixo aquí unha foto de cando era pequena
Ten as fazuliñas pintadas, pois data dun entroido a comezos dos 80
As cores, a luz e a expresión facial recórdanme un cadro de Rubens
Tamén deixo un tema de Alex North interpretado polo xenial Bill Evans
Creo que ben expresa o que non se pode dicir con palabras

02/05/09

Descuberta


Cúmprense trinta anos dun disco que marcou época
Ou máis ben que serviu de ponte entre dúas décadas
Fálovos de "Discovery", da Electric Light Orchestra
A finais dos 70 comezábanse a editar protovideoclips
Eran vídeos sinxelos, feitos para promocionar os singles
-Un dos máis memorables é "Bohemian Rhapsody", de Queen-
E a E.L.O. subiu a este carro a partir deste álbum
Ate daquela, só fixeran meras gravacións de actuacións
A partir de entón, gravábase o grupo nun decorado
E o seguinte paso era engadir animacións e efectos visuais
Sirva como exemplo o tema "Wishing", de decoración lisérxica
Certamente, as animacións non poden ser máis pobres e cutres
Pero aínda así ten o seu encanto e maila súa autenticidade
-Como auténtico é o bigote estilo 'rei das tartas' do baixista-
No aspecto musical, é digno de mención o seu orientalismo
Non en van, a historia de Aladino é o motivo da portada do LP


Como dicía, este álbum publicouse a cabalo entre dúas décadas
Entre as maneiras finisetenteiras e a produción propia dos 80
Como resultado, algúns temas soan discotequeiros e pop á vez
É o caso de "Last Train To London", cunha curiosa mestura de sons
Outros, pola contra, teñen un estilo plenamente 'discoseventies'
Por exemplo, "Shine A Little Love", digno dos mesmos Beegees


Neste disco, a banda inglesa tamén nos soubo contar historias
Para min, a de "The Diary Of Horace Wimp" é a máis completa
-O título, por certo, é digno dun relato de H. P. Lovecraft-
De novo, temos aquí animacións cutriñas e sinxeliñas de todo
E o careto de Jeff Lynne omnipresente sempre nun primeiro plano
-Aínda que, iso si, semioculto tralos lentes de sol e as mestas crechas-
Por último, mención especial ao uso e abuso do vocoder
Algo moi propio daquel tempo, polo que de novidade tiña

O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...