31/12/18

Selma en 2018


Aló vai outro ano baixo a atenta ollada desa pequena persoa coa que convivo
En teoría, criámola nós, mais na práctica évos ela quen nos reeduca conforme medra
Pouco máis facemos que mantela mentres nos acompaña e nos trae dita cada día que pasa
Supoño que niso consiste a maxia da paternidade, ou polo menos é como Selma nolo fai ver a nós




Como a moitos dos cativos da súa idade, encántalle disfrazarse
Este ano tivo ocasións abondas para facelo, comezando polo Entroido
Tamén puido caracterizarse como unha guerreira galaica durante o Arde Lucus
E asistiu á festa dos Maios e mais xogou cos seus amigos a seren indios contra o verán




Ademais de visitarmos acotío os avós e os tíos na Coruña e en Cambados, tamén viaxamos
En primeiro lugar percorremos boa parte de Portugal, onde pasamos por Coímbra ou por Lisboa





Xa polo verán fomos a Inglaterra, onde visitamos o Paultons Park
Alí, en Hampshire, pasámolo en grande nas atraccións do Peppa Pig World
E en Londres percorremos o centro da cidade e coñecemos os principais monumentos




Tamén tivemos oportunidade de atravesar as Rías Altas, dende Ribadeo ata Cedeira
Outro tanto fixemos polo golfo Ártabro, con paradas en Ferrol, Betanzos ou Bergondo




Unha ocasión especial foi a da festa de aniversario da rapaza
Celebrouno na compaña da maior parte dos seus amigos de Lugo
Con sete anos, Selma segue igual de falangueira, rexoubeira e agarimosa
Tanto ela coma o seus pais desexámosvos que teñades un 2019 cheo de ledicia


30/11/18

Defende a Galega



Con hoxe son xa 28 as sextas feiras en que os traballadores da CRTVG vestimos de loito
Son os chamados venres negros, cos que levamos seis meses reivindicando o cumprimento da lei
Trátase dunha mobilización histórica, da que os profesionais da delegación de Lugo en absoluto fomos alleos




O que demandamos son uns medios de comunicación enteiramente públicos e independentes
Isto implica a renovación da dirección, que non se produciu, e a creación dun Consello de Informativos
O incumprimento da Lei 9/2011 propicia a manipulación e comporta a redución do ente á mínima expresión
De feito, o propio director xeral asegurou que a produción propia se ía acabar limitando aos servizos informativos




Dende un primeiro momento, os meus compañeiros e eu sumámonos a unhas protestas sobradamente xustificadas
Saímos dando a cara para expresar a nosa disconformidade cunha situación irregular que xa se prolongou demasiado tempo
De xeito paralelo, participamos nos paros organizados pola representación sindical, cuxo fin coincide en parte con estas reivindicacións




Dende a pasada primavera, tanto no traballo coma durante as vacacións, secundamos as mobilizacións
Cada venres cubrímonos con roupa negra e fotografámonos unidos por unha causa que é nosa e mais de todos
É a causa da plataforma Defende a Galega, que esixe uns medios públicos independentes, obxectivos e de calidade
E, por suposto, expresamos a máis enérxica repulsa ás represalias sufridas por algúns dos compañeiros máis comprometidos
Agardamos que algún día se fagan efectivas estas demandas e por fin poidamos traballar nuns medios realmente de todos os galegos


02/10/18

Marmelo da casa


Neste tempo de outono é o momento da colleita de moitas das árbores froiteiras
Entre elas, o marmelo, co que non só se pode elaborar doce, senón tamén compota
Cando o froito está verde, ten aínda unha lanuxe da que se irá desprendendo ao madurar




Unha vez maduros, os froitos comezan a caer do marmeleiro
Estes son ecolóxicos, posto que non recibiron tratamento ningún




Xa lavados, córtanse en anacos finos e vanse alternando capas de froita e de azucre
Neste caso empregamos azucre moreno de cana, tamén ecolóxico, que se irá licuando
Tamén podemos engadirlle outros froitos tan propios desta tempada como son as noces




Para a compota, chegará con triturar a polpa da froita unha vez cocida
En canto ao doce ou carne de marmelo, o proceso é bastante máis laborioso
Deberá facerse a lume lento durante horas, ata que se converta nunha pasta vermella
En función do grao de cocción escollido, o resultado final vai ser máis ou menos encarnado
E o sabor pouco terá que ver cos marmelos industriais ou pseudoartesanais que adoitan vender



01/09/18

Londres en familia



Nesta data sinalada, primeiro de setembro, a nosa filla fai sete anos
Este verán obsequiámola coa súa primeira viaxe en avión, ata Londres
Tamén botamos un día en Southampton, onde visitamos o Paultons Park
Unha das zonas do parque é o Peppa Pig World, con numerosas atraccións
Entre elas, a escola de Madame Gazelle, o 'windy castle' ou os 'muddy paddles' 




O parque encóntrase nos antigos xardíns dunha mansión xeorxiana incendiada no s.XX
Ademais do Peppa Pig World, consta doutras zonas, coma o Lost Kingdom ou o Critter Creek




Tamén ofrece actuacións musicais, en que tanto os nenos coma os maiores podemos cantar e bailar
O certo é que o pasamos moi ben e que foi unha xornada que de seguro Selma non ha esquecer na vida




Os días seguintes dedicámolos a coñecer algúns dos principais monumentos da capital inglesa




Dirixímonos ata a Torre de Londres, onde vimos os famosos sentinelas facendo garda
Ademais, escoitamos as explicacións dos non menos coñecidos gardiáns da torre, os 'beefeaters'
Tamén tivemos a oportunidade de ver de preto os célebres corvos deste castelo que é patrimonio mundial 




No interior das murallas desta fortaleza medieval puidemos retratarnos cun casco de época




Á beira deste forte, sobre o Támesis, encóntrase a icónica ponte da Torre
A través dunhas esclusas, as embarcacións de recreo acceden a unha dársena moi próxima
Alí xantamos nun florido restaurante chamado The Dickens Inn, que antigamente, no s.XVIII, era un almacén




Tamén paseamos moito e coñecemos algúns dos recunchos verdes que se agochan na City
Pola beira sur do río vimos a réplica de The Globe, o teatro onde Shakespeare estreara obras inmortais
Percorremos varias veces este paseo fluvial, coñecido como o Queen's Walk de South Bank, a zona do noso hotel




Tivemos a 'sorte' de ver a torre do Big Ben, no palacio de Westminster, en obras
Tamén pasamos en varias ocasións polo mercado de Borough, un dos máis antigos da cidade




Dende o barrio onde nos hospedamos, Southwark, tamén fomos ata St Pancras e King's Cross
Nesta estación vimos ringleiras de 'potterheads' prestos para se fotografaren nunha virtual plataforma 9 e 3/4




Tamén fixemos unha ruta guiada a pé dende Hyde Park até o centro do West End
Polo camiño, pasamos por Buckingham Palace, polo Green Park e mais polo St James Park




Na National Gallery admiramos obras dalgúns dos mellores pintores impresionistas franceses




Foi o caso de Un baño en Asnières, de Seurat, ou do Tigre na treboada tropical, de Rousseau
Tamén vimos Os Xirasoles, entre outros cadros de Van Gogh que, certamente, lle gustaron á pequena
Antes de despedirnos, xantamos no Rain Forest Café, un restaurante dirixido aos cativos e ambientado na selva


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...