28/08/15

Natureza no Quebec




Durante días, percorremos O Quebec na procura do seu lado máis salvaxe
Fixémolo por terra, polos ríos e polo mar para vermos osos ou baleas


Visitamos o parque nacional Jacques Cartier, onde nos agardaba unha grata experiencia
Vogamos nunha canoa rabaska, de orixe algonquina, por un curso fluvial da reserva



Vimos voaren en diante nosa bandadas de gansos canadenses
Gozamos do silencio e da calma que transmitían aquelas paraxes



Ademais de osos negros, tamén albiscamos alces e wapitis
E outras especies máis miúdas como mofetas ou marmotas
Todas residen na reserva de fauna dos montes Laurentinos


Os guías do parque amosáronnos as trampas que usan para distintas especies
Tanto para osos como para alces ou doniñas, á que corresponde esta foto
Unha vez capturados, colócanlles aos animais dispositivos de busca
Fano con correas que se acaban desfacendo co paso do tempo



Aproveitamos a visita para descubrirmos tamén o sotobosque boreal
Probamos baguiñas brancas comestibles con recendo a linimento
E vimos outras encarnadas a destacar sobre un lique frondoso





Tras pernoctarmos aínda máis ao norte, en Saguenay, fomos coñecer o seu fiordo
Na localidade costeira de Tadoussac vimos unha das casas máis antigas do país




Logo subimos a un barco que nos levaría mar adentro no golfo de San Lourenzo
Alí avistamos baleas, unha morea de focas e mais algunha que outra beluga




Tamén vimos un faro asentado sobre unha plataforma no medio do mar
Fixémolo antes de dirixirnos cara ao fiordo, que habiamos de cruzar nun ferry




De novo en terra, habiamos de visitar unha granxa de bisontes americanos
Esta especie resultara practicamente extinguida durante o século XIX
Estímase que puido chegar a haber ata 80 millóns de exemplares
Deles, só quedaron uns 200, que se libraron de casualidade
A razón do exterminio era acabar co sustento dos nativos




Tamén tivemos a oportunidade de coñecermos unha cabane à sucre
Así é como lles chaman ás cabanas nas que se elabora o xarope
Obtense ao ferver o zume dunha árbore, o pradairo azucreiro
Alí ofrecéronnos un menú típico con ragú, tourtière e tortiñas
Ademais degustamos o xarope solidificado en paus no xeo
E amenizáronnos o xantar con folk quebequés en vivo
Fíxoo, co seu repertorio, o músico Jacques Dupuis






Tamén en Lac-Beauport, no mesmo 'Camp du Trappeur', visitamos un museo
Estaba dedicado aos animais do Quebec e mais aos utensilios para a corta
Alí puidemos comprobar as distintas ferramentas que usaron os leñadores
Dende as antigas machadas do país ata as motoserras máis modernas




E tivemos ademais ocasión de practicar kayak en Lac-Delage
Cruzamos ata a outra beira do lago nunha tarde estupenda
Aproveitámola tamén para pasear e ver casiñas de conto





Por último, achegámonos ata as fervenzas de Montmorency, no río homónimo
Cunha caída de ata 83 metros, mesmo superan en altura as do Niágara
Este coñecido salto encóntrase ás portas da cidade de Quebec



25/08/15

Montreal



Durante unha semana, Marta e mais eu visitamos diversos lugares do Quebec
Comezamos por Montreal, a meirande cidade deste territorio integrado no Canadá
Trátase, despois de París, da segunda urbe francófona máis populosa de todo o mundo
O casco antigo xira en torno á praza que leva o nome do explorador bretón Jacques Cartier




A praza gaña en vida e en fermosura trala posta do sol
O público amoréase para visitar os patios dos restaurantes
Na parte superior da praza está o consistorio, erixido no s. XIX




Tralas viaxes de Cartier no s. XVI, Maisonneuve fundou a cidade en 1642
A urbe recibe o seu nome do monte que se encontra no medio da illa homónima
Dende o alto do Mont Royal hai unha estupenda panorámica do seu distrito financeiro




O parque que rodea o monte é un espazo moi concorrido
Os veciños de Montreal adoitan facer deporte nel verán e inverno
Cos súas 200 hectáreas, é un espazo natural cheo de vida todo o ano




A Biosphère é un dos edificios máis recoñecibles da cidade
Fora o pavillón dos Estados Unidos na exposición universal do 67
Tamén puidemos ver Habitat, o famoso complexo feito con módulos
Outra construción emblemática constitúea o estadio das olimpíadas do 76
Posúe a maior torre inclinada que existe, que alcanza os 175 metros de altura



Montreal destaca tamén por ter a maior cidade subterránea do mundo enteiro
Polos seus 32 quilómetros de galerías transitan a diario ata medio millón de persoas


Os descendentes dos colonos franceses forman a base da poboación local
A eles cómpre engadir os inmigrantes de países como Iltalia, Portugal ou Irlanda
E os chineses, que conservan tradicións coma o tai chi no barrio ao que lle dan nome




O barrio latino é, malia a súa deterioración, un dos máis vistosos da cidade
Ao seu carón encóntrase o barrio gay, un dos maiores de todo o continente
Nel, mesmo negocios coma os bancos usan a bandeira arco iris de reclamo





Na mesma rúa Sainte-Catherine, cara ao centro, asistimos ao Under Pressure 2015
Trátase dun dos múltiples festivais polos que é recoñecida mundialmente esta cidade
Este en particular celebra as múltiples expresións artísticas propias da cultura urbana




Montreal é todo un exemplo de multiculturalidade e mais de tolerancia
Nos parques mesmo hai randeeiras musicais para bambeármonos todos





Coma no resto do Canadá, os coches non levan matrícula no morro
Iso si, toda placa traseira ten o lema que recorda o seu pasado francés
Je me souviens, "eu lémbrome", en referencia ao asoballamento británico




De feito, a bandeira do Quebec está presente por todos os recunchos
En particular polo centro e polas rúas turísticas do Montreal máis antigo
Aquel que baixa cara ao encontro do vello porto desta fascinante cidade



O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...