27/02/14

Algunhas outras cervexas amargas



Se existe un rei midas no eido das cervexas, ese é o físico danés Mikkel Borg Bjergsø
Coma os augardenteiros de antano, percorre o mundo para elaborar beberaxes de autor
Nos últimos oito anos, este gurú do lúpulo revolucionou o mundo das microcervexeiras
Mestre de instituto, fundara a marca Mikkeller xunto co xornalista Kristian Klarup Keller
Hoxe en día, o seu marchamo é garantía de calidade, sabor intenso e riqueza de matices
Bo exemplo é a amplísima gama de variedades de Indian Pale Ale que locen o seu selo
Para gran fruición do meu padal, puiden degustar unhas cantas dun tempo a esta parte
En particular, as IPA americanas monovarietais, como é o caso da Bravo ou a Amarillo
Se o nome da primeira non defrauda os siareiros, o amargor da segunda non fica curto
Ademais, o seu é ouro líquido calidoscópico, variadas sinfonías sen notas que desafinen
Se na Bravo predominan as froitas, na Warrior o seu gusto mesmo recorda o hidromel



Outras cervexas destacables son a IPA e a IPA Dry Hopping da casa española La Cibeles
Ambas as dúas beberaxes artesás son dignas de mentar pola mestría da súa elaboración
A primeira está certamente equilibrada, mentres que a segunda goza dunha maior bravura


Outra IPA peninsular de indubidable calidade é Entropía, da cervexeira asturiana Bayura
De amargor froital, é resultado da acertada mestura de ata cinco tipos distintos de lúpulo
Para rematar, gustaríame salientar o traballo da microcervexeira Bieron Agudelo, de Barro
Os artesáns que a rexentan tiveron a ben crear unha IPA dentro da súa marca Saramagal
Refírome á Stipe, de gusto moi suave, moito máis cá tamén galega Kamek, de Menduíña


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...