26/12/07

O disco do ano


Toca repasa-lo ano que remata
E este é para min o disco do 2007
O "The Mix-Up", dos Beastie Boys
Sen dúbida, o álbum máis maduro deste xenial trío
Contén unha auténtica ducia de ovos kinder
A cada cal máis vibrante, máis entretido
Trátase do seu primeiro CD con música instrumental inédita
-Xa publicaran un recopilatorio doutros álbumes-
E a verdade, é bon de pe a pa
Non hai tema ningún que frouxee
Fusiona rock, acid, reggae, funk, etc., etc., etc.
E o resultado é dunha riqueza cromática e rítmica sen par
Mesmo supera o "Ill Communication", do 1994
É dicir, o que era ata o de agora o seu mellor disco

12/12/07

Xmas


Vexo que xa se nos bota o Nadal enriba
-Témome que no sentido máis literal da expresión-
Así que vos deixo unha postal atípica
Trátase do lugués Paseo do Rato completamente nevado
Resulta curioso que mesmo o tempo se conxela nestas datas
Hoxe padecín os catro graos baixo cero non lonxe desta paraxe
Os amantes do esquí seica van esquiar
Os amantes da boa mesa fan o seu agosto
Os amantes a secas saben que fai frío fóra
O Nadal éche o que ten
Non deixa a ninguén indiferente

06/12/07

Sobre a Constitución

Vou mollarme un chisco
Para ben ou para mal, nacín en territorio rexido polo Estado Español
Ninguén me preguntou nunca que me parece a Constitución Española
Se me parece ben, se me parece mal, ou sinxelamente que me parece
E iso ós meus xa máis de trinta anos
Simplemente, é unha constitución que me impuxeron dende que nacín
A min ninguén me consultou nun referendo se a aceptaba ou non
Ninguén me deu aínda esa oportunidade
Así que sigo agardando
A este paso, se cadra ate que morra
E digo eu, acaso é unha biblia inamovible, como a constitución norteamericana?
Esa que é intocable dende hai 230 anos?
Acaso o mundo non cambia?
Acaso non cambiaron as circunstancias dende a Transición nos anos 70?
Acaso non é unha carta magna creada nun contexto moi particular?
Acaso non é froito das concesións dos demócratas ós fascistas?
Acaso non require modificacións para ser adaptada ós tempos que vivimos?
Acaso a xefatura do Estado a través dun monarca non é unha anacronía?
Acaso a figura medieval dun rei non hai ben tempo que quedou anticuada?
-E iso por moito que me digan que serve para codearse cos VIPs polo mundo adiante-
Por non falar da fluidez e normalización nas relacións Igrexa-Estado?
E tantas e tantas outras cuestións completamente anacrónicas?
Entón por que non me consultan como cidadán nun referendo?
Tan pouco importa o que eu pense ó respecto?
Ou é que acaso ó poder establecido non lle interesa coñecer a miña opinión?
E digo eu, que tipo de democracia é esa?
A quen pretenden tomarlle o pelo estes señores?
Dende logo a min non

05/12/07

Entremurallas




Como na boneca rusa, dentro dun monumento hai outros
E así, dentro das murallas luguesas agóchanse xoias
Espazos nos que "la notte" cobra valor
Nos que a negra baixa suave e a crema gaña enteiros
A rúa das casiñas coloridas é a de Campo Castelo
Na esquina inferior esquerda vense pedras da muralla
A barra é dun pub no outro extremo do recinto histórico
En concreto á beira da porta Miñá ou do Carme
En troques Campo Castelo limita coa porta de San Pedro
Cantas noites de amables conversas en cálidos ambientes
Cantos viños degustados no padal...

04/12/07

A muralla romana












É Patrimonio da Humanidade, coma o Todaiji de Nara
Pero non está tan lonxe
Trátase da muralla romana de Lugo
Foi construída en tempos dos césares para defende-la cidade
Pero os bárbaros acabaron por invadila de tódolos xeitos
Disque é a única muralla romana que se conserva enteira
Cuns dous quilómetros e medio de perímetro
Pódese percorrer a pé o adarve
O que adoita ser un grato paseo
Faga sol ou neve, como se pode ollar nunha das fotos
A torre que conserva ventás é coñecida como a Mosqueira
A foto nevada corresponde á porta de Bispo Odoario
Que é unha das dez portas actuais da muralla
O treito no que se ve a catedral coñézoo moi ben
Non en van, percórroo catro veces ó día
A UNESCO nomeouna Patrimonio da Humanidade no 2000
Hai agora sete anos


28/11/07

Viaxes a Oriente (II)


Outra viaxe a Oriente que realicei foi a Xapón
O país dos bonsais e do delicioso ramen
-Ámbolos dous de orixe chinesa, pero mellorados-
O templo que sae na foto é o Todaiji de Nara
A cidade que fora durante séculos capital nipona
Trátase dunha colosal construción de madeira
Máis ou menos un cubo de 50x50x50 metros
É, xunto co Fuji Sama, do máis impresionante do país
Puiden ollalo co gallo dunha visita ó meu colega Fer
Quen xa leva máis de catro anos naquelas terras
Fora na compaña de Beni -si, si, o do robot Robby-
Polo inesquecible, un queda con ganas de volver
Para deixarse abraiar polo barrio tokyota de Shibuya
Ou para degustar máis ramen da mellor calidade
Un prato tan sinxelo -sopa de fideos- e tan sabroso
Aínda que imposible de atopar por estes lares

27/11/07

Viaxes a Oriente

Quero hoxe lembrar a miña última viaxe a Oriente
Na que puiden percorrer os catro puntos cardinais da China
A foto é das pagodas xemelgas de Guilin, no sur do país
Están no centro dun lago e iluminanas ata as once da noite
A dourada é a do sol, e a prateada a da lúa
Trátase dun dos puntos turísticos máis atractivos
Tanto para os estranxeiros como para os propios chineses
Non só polas pagodas, senón polas paisaxes que rodean a cidade
Polos altos e alongados outeiros á beira do río Li, o río de Cristal
Polas covas, tamén iluminadas, como a da Frauta de Cana
Polos nativos que pescan con cormoráns nas súas barquiñas
Polos búfalos de auga que se alimentan das algas do río
A etnia maioritaria nesta rexión non é a Han
-A do noventa por cento dos chineses-
Senón a Chuang, a segunda máis numerosa do país
Cantas pinturas chinesas retrataron estas paraxes...

23/11/07

Bundles

Que disco! Que-disco!
Feito por músicos en estado de graza divina
Os de Soft Machine, os magos de Canterbury
"Bundles", do 75, é ó meu ver o seu mellor álbum
Que xa é moito dicir, deste grupo de xigantes
Os Soft Machine naceran en plena psicodelia
De feito foron os primeiros en usar luces de cores
Na mesma sala dos comezos de Pink Floyd
Falo de alá polo ano 67, cando todo era posible
Daquela estaba todo por inventar nos concertos
Máis tarde evolucionaron cara ó Jazz
"Bundles" é unha fusión sublime de rock e de jazz
Está composto por Mike Ratledge e Karl Jenkins
-Os que nos 90 serían os pais de "Adiemus"-
E conta cos riffs memorables de Allan Holdsworth
Boa proba é a 1ª parte de "Hazard Profile" -"cara A"-
Pero o cumio está na secuencia que inicia "Bundles"
Este e os temas que lle seguen son unha obra mestra
E a portada do disco é acorde coa calidade do traballo
Mágoa que non habían volver facer algo así

22/11/07

Nils Holgersson


Que dicir de Nils Holgersson!
Ese si que é un personaxe
Foi creado pola sueca Selma Lagerlöf
Unha das primeiras Nobel de Literatura
Aló polos albores do século pasado
"A marabillosa viaxe de N. H. a través de Suecia"
Así era como se chamaba no texto orixinal sueco
Logo os xaponeses fixeron unha versión anime
"Nils -'Nirusu'- no Fushigi na Tabi", chamábase
Iso foi xa a principios dos anos 80
E así foi como puiden coñecer esta historia
Que entrañable, que recordos...
Máis tarde xa puiden ler a novela varias veces
O de Nils tamén é un personaxe subversivo
-Tanto como o de Pippi, aínda que non o pareza-
Pero á súa maneira, co seu espírito ecoloxista
Debera ser unha obra de referencia para os verdes
Para todo verde que se prece como tal
Que grandes obras, as das escritoras suecas
-Estas son as suecas das que puiden desfrutar...-
Se aínda non liches esta novela, a que esperas?
De poderes, segue tamén os pasos de Nils
Viaxa dende o sur ata o norte de Suecia
Ata a mesma Laponia, coma os gansos salvaxes
Eu, no seu momento, non perdín ocasión de facelo
E de verdade que non me arrepinto






21/11/07

Pippi Langstrump




Logo da peregrinaxe anual ó "Escorial" xa estou de volta
Con novas tan afables como esta
A do centenario do nacemento de Astrid Lindgren
A escritora sueca que escribíu Pippi Lagstrump
Ou o que é o mesmo, Pippi Mediaslongas
A que sae na foto é Inger Nilsson
A actriz que encarnou a Pippi nas pantallas
A pequena musa daquela época hippy
Tan roiba, tan penicosiña, tan riquiña ela
Coido que de pequeno estaba algo namorado dela
Como da princesiña da Historia Interminable
-Pero esa xa é outra historia-
En todo caso, que grandes escritoras deu Suecia
Como non, outro día falarei de Selma Lagerlöf
A autora de Nils Holgersson

16/11/07

A ascensión do Gran Mal


Para concluírmos esta semana pseudocultureta
-E seguindo o fío discursivo, como mandan os cánones-:
Veleiquí "A Ascensión do Gran Mal", de David Beauchard
Trata da difícil relación do autor co seu irmán epiléptico
De feito, o gran mal ó que fai referencia é a epilepsia
-Dado que é unha das denominacións que recibe en francés-
A historia comprende dende os anos 60 ate a actualidade
Consta de seis tomos -este é o cuarto-, a cada cal mellor
Obsérvase como medra, evoluciona e empeora a doenza
E como a familia protagonista loita sen tregua contra ela
Un cómic de referencia sobre os conflitos fraternais
Á vez crítica, íntima, intelixente e emotiva

15/11/07

Persépolis


Xa postos, imos comentar un chisco máis sobre Persépolis
Trátase da opera prima de Marjane Satrapi
Fálase de que é o primeiro cómic feito por unha iraniana
E de que o autor francés David Bouchard a animou a facelo
O mesmo David B. responsable de "L'ascension du haut mal"
Que á súa vez tamén é un personaxe de Persépolis
-Que pequeno é este mundo de pitufos!-
En resume, revolucións e guerras persoais e públicas
Ditaduras e liberdades, "sorrisos e bágoas" con algo de xeito
E agora vén a frase típica:
"Se che gustou a peli gustarache o libro"
Pois iso

13/11/07

Dos debuxos para maiores (II)

É outro filme (de animación?) interesante
Trátase de "De Profundis", de Miguelanxo Prado
Unha sucesión de láminas que cobran vida
Acompañadas pola música de Nani García
É dicir, unha obra integramente galega
Que bebe de fontes coma os cadros de Lugrís
O fondo mariño como fonte de inspiración
O mar como motor dun onirismo primixenio
A volta ás orixes míticas dun pobo coma o noso
Ás orixes atlánticas, ás estrelas e ós petroglifos
Había tempo que non vía algo tan pulcro
E ó mesmo tempo tan certamente noso

12/11/07

Dos debuxos para maiores


A animación estase reinventando a si mesma
A animación de toda a vida, a dos debuxos
E mesmo a partir dos clásicos máis recentes
Como é o caso desta brillante Persépolis
O cómic é unha desas obras que che axudan
No sentido máis amplo deste verbo
-A pasa-lo tempo, a entender mellor o mundo...-
O filme baseado na novela gráfica é bastante fiel
Máis resumido, como é lóxico, aínda que con novas achegas
Pero igual de cru e igual de entrañable
Con toda a inocencia da autora na súa infancia
-É autobiográfica e está narrada en primeira persoa-
Con tódolos seus desenganos na súa adolescencia
E con tódolos seus desenganos... na súa mocidade
En particular no terreo das relacións humanas
E sen esquecer o triste panorama da realidade política
A versión orixinal en francés é impecable
Coas voces de Chiara Mastroianni e de Catherine Deneuve
E, en todo caso, o cómic xa se pode conseguir nun só volume

02/11/07

Os solpores na ría


Hai que ver como corre o tempo
Xa estamos en novembro
Cos seus solpores na ría
Como o captado nesta instantánea
A ría de Arousa dende Cambados
Cando o sol se pon na boca mesmo da ría
É o que ocorre no entretempo
Tanto en abril como agora en novembro
Polo verán o sol ponse máis ó norte
Por riba dos montes da Barbanza
-A Curota, a Curotiña-
E ponse máis ó sur polo inverno
Exactamente sobre o Grove
Así que agora é cando máis locen
Eses momentos máxicos
Os crepúsculos encarnados
O sol inflamado sobre o horizonte
O lume aceso a mergullarse no mar

31/10/07

O Samaín


Hai dúas citas ineludibles ó longo do ano
Unha é a noite de Walpurgis
Na que é obrigado colocar ramallos de maio
Deixar un ramallo na casa e outro no coche
A outra é a que se celebra hoxe
A que os antergos chamaban a noite de Santos
Daquela aínda non había Halloween
E tampouco se lle chamaba Samaín
Pero xa se deixaban cabazas con luces dentro
Isto xa se facía no noso país hai medio século
Deixábanse as cabazas nos camiños
Daquela a xente era máis inocente
E, claro, podía haber quen se asustase
Así que é algo noso, xa de sempre
Pero agora chámanlle doutro xeito
Disque son cousas da "globalización"
Da tan manida "globalización"
Pero o caso é que é certo
Que carallo, si que é certo...


27/10/07

Robby o Pitufiño


Velaquí as aventuras de Robby o Pitufiño
Son Beni e Vane, Vane e Beni
-Avaneví abenibé-
No Piago
En Lugo
No Miño
Beni encollera
E collía na palma dunha man
Na foto vese na palma da man de Vanessa
Semella un pitufiño do pequeno que está
Xa é coñecido o desenlace destas aventuras

25/10/07

O queixo azul

Porque unha cousa leva á outra quero adicarlle un espazo
Xa me gustou máis do que me gusta
Pero ségueme gustando
É o queixo azul
Cabrales
Picón
...
É así ata sesenta queixos máis
O da foto é Cabrales
Cunha galleta mariñeira
E unha folla que semella de figueira
Combina con todo
Coma o negro
Pero como máis me gusta é con paté
-Ultimamente-
Son os pequenos praceres
O que nos queda nesta vida tan escraviña
A cor azul proporciónanlla os fungos
E seica é isto mesmo o que ocorre cos pitufos
Ou se cadra é como inflúen na percepción do observador

24/10/07

Azul

Hai cousas que son azuis xa de por si
O mar, o ceo, o queixo, disque o sangue real
O azul é tamén a cor do Blues
Porque é a cor da tristura
Pero tamén é o da pureza
Coma o dos príncipes dos contos de fadas
Xa o di a canción
O amor é azul coma o mar, azul
Logo non é casual que os pitufos sexan desta cor
Que quere isto dicir?
Pois que o autor quería salientar a súa bondade
Ou sexa, a pureza de corazón destes seres
Mais dun xeito visual, gráfico e poético
Para que logo digan da subcultura...

23/10/07

Paternidade blaugrana (II)

Sigamos a falar de Papá Patufet
Porque resulta interesante un certo trasfondo
Este señor de pel azul viste de encarnado
E leva unha barretina na súa cabeciña
Pero con todas as da lei, de cor roxa
Non como os seus acólitos, de pucho branco
De feito, as criaturas visten todo de merengue
Non precisamente como o seu mentor
A que dá que pensar?

22/10/07

Paternidade blaugrana

Teño unha teoría
Os pitufos son realmente seres vexetais que maduran
E se non, eis o Papá Pitufo, todo roxo de maduro
Ou o avó, de cor amarela, xa pasado
Outra teoría é aquela que di que emula o Papá Noel
Entre papás anda o xogo
E agora a pregunta do millón
Como se reproducen, por esporas?

19/10/07

Outra de castelos


Antes de irme de fin de semana déixovos estas fotos de castelos
Para agasallarvos a vista
Trátase do castelo de Edimburgo, que data do século IX
E mais do castelo de Chambord, que data do XV
O primeiro está no centro da capital escocesa
De feito falamos do monumento máis visitado de Escocia
O segundo é o castelo francés por antonomasia
Está na rexión do Loira, e conta con 365 chemineas
Son concepcións distintas de castelos
Un é militar e o outro é un señor pazo
O que debe de custar manter un edificio así...

18/10/07

Entre hobbits e pitufos



Hoxe topeime con esta foto e non puiden evitar replicala

Trátase de Hugo Weaving, alias Elrond/Mr Smith

Non menos interesante é o detalle dos caracteres élficos

Os hobbits, polo de pequechos, recórdanme os pitufos

E logo, serán tamén un virus?

17/10/07

Falando en prata

Hoxe imos falar en serio
Na medida do posible
Imaxina que es un pitufo
Mides menos de medio palmo
Tes toda a pel de cor azul cerúlea
Vistes medio esquixama branco
Na cabeza levas unha barretina branca non menos ridícula
E, para colmo de desgrazas, só tes catro dedos
Por non contar que vives dentro dun cogomelo
E xa se sabe que os cogomelos non duran todo o ano
Daquela, pero que clase de vida sería esa?
E din que a realidade supera a ficción?
Ninguén me pode negar que existen infinitos universos paralelos
Haberá algún, entón, no que vivan tales criaturas?
E nese caso, que tipo de miserable existencia levarían?
Está claro que temos que estar xogando no plano dos símbolos
Pero esa é outra historia

16/10/07

Unha de cogomelos

Como estamos no outono propoño unha saída ó campo
Imos buscar cogomelos, a alma da gastronomía outonal
Os encarnados con pintas brancas son moi bonitos
Pero non se comen, que as amanitas muscarias son velenosas
En troques, o cogomelo gordo e marrón poida que sexa comestible
Ó mellor é un boletus edulis, moi requerido na cociña
Pero, ollo, ó mellor non, e acabamos no hospital


En caso de dúbida, o máis aconsellable é mercalos nunha tenda
A min, como máis me gustan os cogomelos é á crema
É dicir, con tona, pementa negra, noz moscada, allo...
...Aceite, viño, sal, pasas, noces, xamón, bacon, salmón, polo...
E, por que non, tamén con pitufos
Polo seu aspecto, diríase que residen en cogomelos coma estes
Ou nunha mestura dos dous
En boletus encarnados con pintas ou en amanitas ben gordas
Pregúntome que tal estarían con cogomelos á crema cos anteriores ingredientes

15/10/07

Un pouco de etimoloxía


Imos dedicarlle un chisco á orixe do nome dos pitufos
Procede dunha mestura do italiano puffo e do catalán patufet
O italiano puffo é a tradución do francés schtroumpf
En canto a patufet, significa trasno en catalán
De feito, o comic de Peyo traducíuse antes ó catalán que ó castelán
E de aí vén o nome de pitufos, tanto en castelán como en galego

12/10/07

Os hulks azuis

Todos somos un pouco pitufos
Como estes bonecos derivados do petróleo
Eu tamén tiña uns coma estes cando era pequeno
Pero non sobrevivirion á miña infancia
(Ou se cadra si?)
Son coma Hulk pero de cor azul
E mais co típico pucho francocatalán aínda que branco

11/10/07

O carácter subversivo dos pitufos

Viven en comunas, sen cartos nin propiedade privada
Sen crenzas relixiosas, sen núcleos familiares
O malo viste coma un clérigo, o bo vai de roxo
Velaí o carácter subversivo duns seres ideados hai cincuenta anos
Se cadra foi un dos xermolos do maio do 68 e doutras revolucións por vir
Que todo axuda na formación dun imaxinario e dun subconsciente colectivos

10/10/07

Os pitufos sen castelo

Son cousas do marketing, pois de algo hai que vivir
Acontecéralles ós señores de Exin hai agora un cuarto de século
Tras sacar ó mercado distintos modelos de castelos
Por aquilo de vender, fabricaron unha versión "pitufada"
Pero, que se saiba, nunca estes seres azuis habitaron fortificacións
No seu lugar, disque residirían en vivendas funguiformes
Tal como este cogomelo orondo propio desta estación outonal
Polo seu aspecto semella unha amanita velenosa
Así que non había servir para a gastronomía á sazón
Como ingrediente, se cadra os propios pitufos serían menos indixestos

09/10/07

O auténtico Castelo dos Pitufos


Aquí está o auténtico Castelo dos Pitufos de Exin
A que é como o alcázar de Segovia?
Si, pero coas cores invertidas
Obviamente, eu tiña un coma este de pequeno
-25 anos despois, que sería del... -

08/10/07

As cores do castelo dos Pitufos

























A que parece o castelos dos pitufos?
Pois non, que este non é de plástico
Trátase, tamén, do alcázar de Segovia
Dun detalle curioso desta construción
E si, realmente semella de xoguete
Ten un estilo bastante centroeuropeo
Pero o ladrillo delátao
Como edificio castelán que é
Tamén resultan peculiares as cores
Polo menos nesta foto
Son como as do castelo dos pitufos
Mais invertidas
Cos lousados azuis e os ladrillos laranxa
No dos pitufos os ladrillos serían azuis
Os lousados das torres, alaranxados
Da cor das laranxas maduras
Como serían os pitufos deste castelo?
Tamén alaranxados, no canto de azuis?
Hai que ver que contraste harmónico
Moito azul con algo alaranxado
Se é que está todo estudado

05/10/07

O alcázar de Segovia




Mentabámolo ó respecto de Neuschwanstein

Veleiquí o alcázar de Segovia

Coas súas vistosas torres

Data do século XII

De cando a reconquista

Efectivamente, inspirou o castelo bávaro

Chegue unha ollada a esta fotiña

E tamén parece de conto de fadas

Coido que tamén debeu de inspira-lo castelo dos pitufos

Ou non?

04/10/07

O castelo de Neuschwanstein


Mítico castelo, o de Neuschwanstein
Realmente de conto de fadas
Disque os de Disney se inspiraron nel
E este, á súa vez, no alcázar segoviano
É bávaro e data do século XIX
Polo inverno resulta impoñente
Pero polo verán tampouco esta mal
O balcón recórdame un videoxogo
Ou poida que unha escena de Matrix
Si que cambia segundo a estación
Como todo pero aínda máis
Seica o rei de Baviera se encaprichara
E este foi o resultado, unha obra única
Mais multiplicada polos espellos
Coma un esperpento valleinclanesco
A escapada ideal para o Oktoberfest
Onde os pitufos teutóns cargan xerras
Xerras e xerras de rica cervexa

03/10/07

O castelo de Himeji

Se cadra é o castelo con máis sona de Oriente
Trátase do castelo de Himeji, cos seus 500 aniños
Coas súas flores de sakura do mes de abril
-Quen me quitou a min o mes de abril-
Puido ser escenario dalgunha viaxe gulliveriana
Cando o personaxe de Swift visitou o Xapón
-E tantos anos despois hai un Suzuki Swift-
Himeji sitúase uns quilómetros ó oeste de Kobe
É un dos principais reclamos túrísticos do país
Deste gran país de pitufo/as de ollos rasgados

02/10/07

Sobre o Dr Smurf

Só sei que non sei nada

E cada día entendo menos

Só partindo desta premisa podo falar sen dicir ren

Cando digo que se penso logo existo

Non digo nada que non se saiba xa

Pero quen sabe

Se cadra todos deberiamos reflexionar un chisco

Polo menos os cinco minutos que recomendan os budistas

Pois diso se trata

Ou se cadra non

Quen sabe diga

Quen sabe fale

Ou quen sabe cale

Ou que faga o que lle pete

Que cada quen é libre

Nun momento dado

01/10/07

Benvidos ó Castelo dos Pitufos

Non somos ninguén

Somos pequenos, diminutos

E tristes como a cor azul

Somos pitufos

Cada quen un distinto

Pero todos iguais

Con cadansúa torre de marfín

Con cadanseu castelo dos pitufos

Benvidos ó meu

Poñédevos cómodos

Isto só acaba de empezar

Éche o que hai

Pero haberá máis

O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...