08/07/23

Pola beira do Mera

 


Poderiamos chamarlle a última fronteira do cinto verde de Lugo, e non habiamos esaxerar
Falamos do Mera, que desemboca no pai Miño río arriba na beira oposta á cidade amurallada
Parella ao curso fluvial, discorre unha ruta que percorre as parroquias rurais de Orbazai e do Veral
Completala dende o centro urbano e regresar supón unha doada andaina dunha vintena de quilómetros
E dadas as marabillas naturais que se poden atopar, paga a pena poñer un pé tras doutro sen coidar os pasos




Por motivos que explicaremos máis adiante, o camiño parte do Monte Segade, e vai pola beira dereita do rego
Unha das árbores máis recoñecibles deste primeiro treito é un castiñeiro centenario, situado aos pés das escuras augas do Mera




Entre a fauna que podemos atopar polo río figuran familias enteiras de parrulos




Tocante á flora, os carballos das ladeiras altérnanse coas especies propias da ribeira
Neste tempo, ademais, multitude de fentos e algún que outro estalote balizan o carreiro




Recentemente, as pasarelas de madeira do paseo foron renovadas
Falta lles facía, posto que levaban anos en mal estado e mesmo resultaban perigosas




Ao carón dun muíño reconvertido en vivenda hai unha presiña onde a auga permanece estancada




No sendeiro tamén se poden atopar formacións rochosas con paredes de penedos
E incluso algunha que outra praia fluvial oculta entre as cortinas de vexetación tupida




Un dos tramos máis fermosos, xa contra o final, atravesa un prado entre o arborado




O paseo remata na Mera, moi preto da aula da natureza e do centro de recuperación de fauna silvestre do Veral




Aí decidín dar media volta, posto que é onde comeza outra senda, a chamada Ruta das Chousas




Xa no retorno, volvín cruzar o claro antes de atravesar o monte xa na ruta circular do Mera
Completei, deste xeito, a chamada Ruta dos Muíños, que é algo máis curta cá que fixen posto que só chega ata Astariz




Na volta, fun río abaixo ata un valo de pedra que impide continuar pola beira das augas negras do Mera
Pertence ao Muíño do Castro, cuxo peche foi denunciado posto que se supoñía que incumpría a lei de augas
Unha vez rodeado, dirixinme á confluencia co Miño, que río abaixo baña Lugo e cruza o país ata desembocar no mar


Barcelona en familia

  Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, come...