27/01/09

Rebelión no xardín


Garden Variety Revolution by *domnx on deviantART

Oppression by *domnx on deviantART

Seguimos con máis carteis de Domnx
Estas láminas forman parte tamén da galería Propaganda
Nesta ocasión o motivo é o anano do xardín
-Porque cantos gnomiños non hai oprimidos no mundo-
Toda unha alegoría da vida infrahumana de tantas persoas
Para ilustrar esta revolta, o autor bota man dos clásicos
Recorre á tradición cartelista soviética dos anos 20
-Relacionada á súa vez coas novas ideas xurdidas na Bauhaus-
Se visitas a galería, verás que hai unha serie sobre animais
Destes, gustaríame salientar o cartel da Iniciativa Hamster
-"Better, faster, stronger... hamster"; que máis se pode dicir-
"Baixa da roda e vive a túa vida", dinos o seu elocuente lema
Hai carteis sobre máis animais, coma o panda, a morsa ou o koala
Todos alusivos á loita polos seus dereitos, o cal me parece moi ben
-E máis nos tempos que corren, cos gorilas en perigo de extinción
Ou cos manatís concentrados en áreas cada vez máis reducidas-
Claro que si, que loiten por vivir a súa vida; e nós con eles

22/01/09

Aínda máis neve


Que este está a ser un inverno frío e duro quedou xa ben claro
Para quen diga o contrario, teño aquí uns documentos gráficos
Son unhas fotos sacadas dende o noso quentiño e sequiño pisiño


As vivendas que se ven, estilo caserío vasco, datan dos anos 30
Mención especial para a casiña que temos xusto en fronte ao piso
-Aínda sendo a máis pequecha, as contras roxas danlle certo encanto-


Entre as casas formouse unha voráxine de folerpas en plena nevarada
Vendo isto é cando dá máis gusto encontrarse 'á calor do fogar'


Quixera salientar tamén unha perspectiva dos lousados nevados
-A sucesión de chemineas recórdame un coñecido filme musical-
Por certo, o que se ve na esquina superior dereita é a muralla romana


Despois da tempestade vén sempre a calma, antes de que volva nevar
A última imaxe corresponde a ese momento de tregua que dá a neve


19/01/09

Propapaganda


True Blue by *domnx on deviantART

Esta é unha das outras cousiñas ás que me refería
O cartel, a modo de selo conmemorativo, é de domnx
Quen en deviantart dispón dunha galería ben nutrida
Hai máis obras relativas ao medio século dos pitufos
Pero esta da "propapaganda" é a que máis me impresionou
Polo demais, poden atoparse virguerías do máis variado
O art nouveau 'revisitado' ocupa unha parte salientable
Son, na súa maior parte, estampados que quixeras lucir no peito
-De feito, a min dáme que por aí vai boa parte do negocio-
Tamén se ofrecen estas láminas para levar na pantalla do móbil
-Pero, a verdade, por aí si que non me acaba de pegar de todo-
En todo caso, o que está claro é que a arte si se populariza
Que a subcultura logo se torna en cultura de primeira división
Sempre foi así, para que enganarnos, e esta é unha proba máis
Así que xa sabedes, a portar con orgullo propaganda subversiva
Xa queda menos para a revolta que aupará o auténtico azul ao poder!

16/01/09

A Tola Historia das Galaxias


A propósito de Stars Wars, ultimamente dei con varias xoias
A primeira foi a portada do "¡Yoda!", hai uns posts
E estas sonvos outras polo estilo, de diferentes orixes
O cartel é creación de Domnx, un artista pop coa obra na rede
Débolle saber del a Eledhwen -e outras cousiñas aínda por ver-
En canto ao vídeo, atopeino en boingboing, unha páxina curiosa
Nárrao unha rapaza que en teoría non víu os filmes completos
-Disque fala dos fragmentos que ollou e de oídas de terceiros-
A cultura popular finisecular dá para moitas interpretacións
Todas estas versións, e mais moitas outras, son boa proba
-E aínda o que nos queda por ver por aí, aínda o que queda...-


Star Wars: Retold (by someone who hasn't seen it) from Joe Nicolosi on Vimeo.

15/01/09

Freddie Hubbard



Uns que veñen e outros que se van
Hai uns días deixounos o trompetista Freddie Hubbard
Tiña 70 anos, e máis de 40 álbumes publicados
Entre os que figuran "Red Clay" (1970) ou "Sky Dive" (1973)
Con grandes temas, como "Povo" ou "Bolivia"
E é que era un xenial intérprete, e aínda mellor compositor
Cada tema seu que fun atopando foi coma unha gran descuberta
"Povo" golpeounos nun pub nun San Froilán que aínda lembro
E souben de "Red Clay" por unha versión de Christian McBride
-Fora aquel un concerto singular da Semana de Jazz de Lugo-
A súa é unha música viva e sentida, pero sobre todo versátil
Coma a de McBride, son innumerables as versións dos seus temas
Desenvolveu o seu traballo en especial nos anos 70, certo é
Pero dáme que a frescura da súa música se vai manter por sempre

12/01/09

Javisán tivo unha nena


O noso amigo Javi Feijoo, AKA Javisán, xa é papá
Acaba de ter unha nena no Provincial de Pontevedra
-Aínda que en realidade quen a tivo foi Romina, claro-
Tras dez horas no hospital, finalmente foi todo ben
A miniña chamarase Ainara, un nome moi de moda
-Coma Aldara, Ainoa, Nerea, Nekane, etc., etc.-
A nivel persoal, esta noticia non é nada baladí
Quero dicir que non é "unha filla máis" dun colega
E é que Javi é o primeiro da miña quinta que ten un fillo
Así que supoño que este fito marca o inicio dunha época
-Unha nova era no horizonte a medio prazo, imaxino-
Digo eu que chegou o tempo dunha nova xeración
De dedicarse a enxendrar vástagos e darlles paso a eles
Será algo propio da idade, algo escrito nos xenes
Algo instintivo que se materializa a partir dos 30 anos
-Pregúntome que pensará Carmen sobre esta cuestión-
Dáse ademais unha curiosa circunstancia con Javisán
Dado que sempre foi un salientable fan de Star Wars
-Para os da Coruña, dicir que é o equivalente a Chacho-
Agora vai ter ocasión de soltarlle á nena a famosa frase
Vai poder dicirlle aquilo de "Ainara, eu son o teu pai"

09/01/09

Munchkin Cthulu



Este fóicheme o mellor descubrimento no que vai de ano
Trátase do "Munchkin Cthulu", creado por Steve Jackson
É un xogo de rol de cartas, baseado no Munchkin orixinal
En concreto, unha das dez ambientacións coas que conta
-Hainas de guerras espaciais, de gangsters e ate de piratas-
E para máis señas, a de máis éxito, con xa tres expansións
Como o seu nome sinala, aborda o universo de H.P. Lovecraft
Un mundo de monstros ominosos, visgosos e innominables
De deuses primixenios e doutros chegados do espazo exterior
Como é o caso de Cthulu, o monstro de maior nivel no xogo
Ao igual ca no resto dos Munchkin, hai que subir niveis
Faise enfrontándose ás criaturas que se agochan trala porta
-O roubo de tesouros que custodian permite equiparse mellor-
E o primeiro xogador que chegue ao nivel 10 será o que gañe
A diversión está garantida, dou fe, con cada 'patada á porta'
Coidado, pois mesmo se pode perder a noción espazo-temporal
-E acabar daquela en dimensións ocultas de seres blasfesmos-
A descuberta deste pasatempo débolla nesta ocasión a Beni

O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...