30/12/08

O Mario Kart

Isto vén a conto de acabar/empezar ben o ano
Que mellor que cunha partida ao Mario Kart entre colegas
Ou mellor aínda, cunha recreación real, en carne e óso
En concreto en Montpellier, con sona agora en todo o mundo
Esta cidade francesa é o escenario dos vídeos de Remi Gaillard
Que puiden coñecer a través do amigo incOmOdo, de 'i12befreak'
-Ultimamente deléitanos con isto e mais con exames delirantes-
Sirva logo de pequena homenaxe este vídeo que colguei aquí
Remi, caracterizado de Supermario, compite cos coches polas rúas
E mesmo lles tira plátanos, coma na consola, aos seus rivais
O audio procede directamente dunha carreira do mítico xogo
-O circuíto é se cadra a 'Montaña DK', ou a 'Dinoxungla'-
Ai, cantas horas de absoluto pracer compartidas cos coleguiñas...
E cantas por vir, cantas por vir... Por moitas máis!

27/12/08

A cociña de Jamie Oliver



Acabo de ver unha dobre entrega dun programa de cociña
En concreto da serie "Oliver's Twist", co chef Jamie Oliver
No primeiro capítulo, repasaron as variedades de pasta plana
Con Oliver estaba o seu mentor, o cociñeiro italiano Genaro
Tamén amosaron como podería ser en orixe unha boloñesa
E tamén como se fan, en cuestión de minutos, uns bos ravioli
Na segunda entrega, participou o chef de fusión Peter Gordon
Tratábase de mesturar ingredientes de partes opostas do mundo
Como poden ser o chile, a raíz de loto ou a lima seca iraniana
Ou unha salsa de tamarindo con herba de limón e azucre moreno
Con isto condimentaron e acompañaron unhas humildes luras
A verdade é que xa vira ámbolos dous capítulos desta serie
Pero non importa, posto que supón revivir un pracer sensorial
Jamie Oliver saltara á fama internacional xusto con esta serie
Na que o chef busca os ingredientes por Londres nunha scooter
Pero a que o catapultou definitivamente foi "Jamie At Home"
Nesta outra serie, o chef inglés cociña xa nunha casa rústica
E colle as verduras e os ovos directamente da súa propia horta
Aquí o tratamento visual dos fogóns xa é moito máis coidado
Abundan os primeiros planos, para non perder detalle ningún
Coma o das flores de cabaza recheas de queixos e rebozadas
Ou magdalenas cubertas de crema con faragullas de malva seca
Noutra serie de interés Jamie viaxa e cociña por toda Italia
E onde queira que vaia descobre os segredos das 'mammas'
Noutra serie máis, trata de inculcar uns menús escolares sans
Mesmo chega a reunirse con Tony Blair para lograr este fin
-Na xuntanza consegue un maior presuposto para os comedores-
E é que Oliver é o chef máis mediático de tódolos tempos
No último capítulo que vin hoxe, Jamie falaba dunha idea súa
Dicía que estaba interesado en facer cervexa a base de xenxibre
-Algunhas cervexas levan especias, coma as brancas belgas-
E, que curioso, eu elaborei un licor a base de xenxibre e canela
Ate tal punto chega a influencia da visión que da mesa ten Oliver

22/12/08

Finlandia


A nosa amiga poetisa, Olalla, viviu durante un ano en Finlandia
En concreto en Tampere, a onde fora cunha beca Erasmus
No primeiro curso da carreira dérame clase un mestre finlandés
Tratábase de Tapio Varis, que proviña desa mesma universidade
Ese mesmo ano, polo verán, eu botei case un mes naquel país
Da súa principal lingua, o suomi, encantábame a súa sonoridade
Non estivera en Tampere, pero si pasara en tren por alí
Lembro aquela rexión dos lagos completamente cuberta de abetos
Ademais de Helsinqui, tamén visitara Hanko, no extremo sur
Alí bañárame nas daquela mornas augas do mar Báltico
Tamén estivera en Turku, ou en Oulu, ao norte do golfo de Botnia
Onde experimentara o san costume local de chorrear nunha sauna
E xa en Laponia, visitara Rovaniemi, indo cara ao círculo polar
Foramos andando, Lijó e mais eu, ate aquela liña imaxinaria
Polo camiño, adentrámonos no bosque propio de aló, a taiga
Onde atopamos moito arando e algún formigueiro xigantesco
Pola noitiña, xa en terras árticas, a lúa era inmensa e de cor amarela
E ate aquí chegou a maxia do momento, polo que vos vou contar
Aquela noite durmimos no porche da suposta casa de Papá Noel
Era unha casa de madeira na aldea que se facía chamar Joulupukin
En realidade, non era máis que o reclamo dun complexo turístico
No que che podían vender mesmo unha alfombra de pel de reno
A liña imaxinaria non o era tanto, dado que estaba pintada no chan
E os elfos non eran tan baixiños nin tan simpáticos como criamos
Botábase en falta un empregado caracterizado de Santa Claus
E na oficina de correos había unha chea de cartas de nenos ilusos
Coma nós, que chegaramos alí coa mochila ao lombo chea de ilusión
Cando marchamos, coas ilusións rotas, volvimos en autobús

16/12/08

A poesía de Olalla


O Fiz Vergara é un dos grandes premios de poesía galegos
Eu diría que forma unha tríade co Esquío e co Espiral Maior
Pois ben, este galardón acaba de recibilo Olalla Cociña
Esta rapaza, colega miña e de profesión, escribe en liberdade
Quero dicir que non recibe presión de editorial ningunha
Nin escribe por encargo para publicar novos traballos cada ano
Ela plasma no papel o que lle peta e cando lle peta
Ademais, e non agardaba menos dela, sabe fuxir das poses
Como resultado, os seus poemarios rezuman autenticidade
Os seus son versos sensitivos, vivos, orixinais e fértiles
Velaí van algunhas mostras, doutra obra súa tamén premiada
Trátase de "As cervicais da memoria", publicada no 2005:

"arredor
da túa vertical
descende
o grito disecado do animal salvaxe
que cazaches esta noite

para poder deixarme ceiba a min"

Con esta obra gañara o premio de poesía Avelina Valladares
Deste poemario quixera deixar constancia destes outros versos:

"se cadra hoxe comezará a renacer
a primavera
por riba das ruínas do noso castelo"

Outro poemario que publicou Olalla chámase "aquí (intemperies)"
Contén imaxes de sumo interés, fogonazos de fermosura plástica
Detalles de vida expresados, negro sobre branco, coa verba núa:

"engarza os pétalos do sono nun colar ausente
extrae da tarde a luz
esculpe unha presenza"

Os seus versos son como revelacións por medio de flashes
Neste senso, Olalla escribe nunha bitácora cargada de beleza
Chámase "reveladora", na que os textos corren da súa man
Agora, agardo arrepañarlle axiña a un libreiro o seguinte trofeo
Refírome a "O mundo de Alicia", a súa última obra premiada
Quixera tamén agradecerlle a Olalla os libros cos que me obsequiou
E maila rica lubina ao forno que nos preparou o outro día
-Olalla procura honrar o seu apelido, así que cociña de marabilla-
Pero, sobre todo, que coide tan ben do meu querido amigo Xes

12/12/08

Asturies

Falando dos astures, fomos visitalos esta semana
Diego, o meu cuñado, está a facer un curso en Xixón
Así que aló nos diriximos aproveitando uns días libres

Xa estivera nesta cidade, pero menos tempo e polo verán
E desta volta teño que dicir que quedei marabillado
De feito, pareceume un lugar fantástico para vivir
A pesar do frío, do vento e do temporal que nos cadrou

Xixón é unha cidade curiosa, coqueta e arranxada
Con moitos espazos verdes e cunha arquitectura envexable
Abundan os balcóns acristalados, sobre todo no centro

O que máis me chamou a atención foi o encanto dos cafés
Eran lugares realmente cálidos e acolledores
Pensados e deseñados para o benestar da clientela
Había, polo menos, medio cento de cafeterías deste tipo
Ao pasar por diante, dábanche ganas de entrar en todas

Tamén axuda o carácter amable das súas xentes
E mailos prezos asequibles dos hoteis, cafés e restaurantes
Sen esquecer que se trata dunha cidade aberta ao mar
En resumo, un lugar con auténtica calidade de vida

Á volta, tivemos tempo para facer un par de paradiñas
A primeira foi no recinto histórico de Avilés
Tiña noticias de que valía a pena, e certamente así foi

Á ida pararamos en Luarca para xantar no porto
Fixémolo, por segunda vez, no recomendable 'Barómetro'
E á volta paramos en Cuideiru, nun 'comedor-cuberta'
Dende alí había unha vista excelente desta vila mariñeira


A última parada cadrou xa na plenamente galega Ribadeo
Onde a ecléctica Torre dos Moreno lle dá a benvida ao viaxeiro
Pechamos así unha escapada de tres días memorables

04/12/08

Darkover


Toda a neve destes últimos días fíxome sentir coma en "Darkover"
Refírome ao mundo creado polo maxín de Marion Zimmer Bradley
-Novelista xa finada que fora tamén autora de "As néboas de Avalon"-
Trátase dun planeta pequeno e montañoso, frío e cuberto de neve
O sol é roxo e mortecino, coma a luz; de aí o seu nome
É un mundo tecnoloxicamente atrasado, cunha sociedade feudal
De feito, as elites gobernan empregando o 'laran', a súa maxia
Os habitantes descenden, sen sabelo, dos náufragos dunha nave 'terrá'
Que á súa vez se trataba principalmente de británicos e asturianos
O idioma do pobo é unha mestura de inglés e de linguas celtas
Mentres que o dos nobres, o 'casta', deriva sobre todo do castelán
-Ate aquí un argumento de ciencia-ficción que dá moito xogo-
Os nobres, chamados 'Comyn', soen ser telépatas e de pelo vermello
Algúns mesmo se poden identificar por teren seis dedos nas mans
Isto débese a que os seus ancestros se cruzaran cunha especie nativa
Desenvolven o seu don -'donnas'- sintonizándose con pedras máxicas
-Chamadas 'matrices', das que non se desprenden de por vida-
E o seu principal centro de poder encóntrase no Castelo de Thendara
Pero esta sociedade choca coa dos terráns que chegaron ao planeta
Os que aterraron centos de anos despois coas súas naves espaciais
Prodúcese entón un continuo tira e afrouxa entre as dúas civilizacións
Os terráns dispoñen de naves cun potente e avanzado armamento
Mais ignoran a tecnoloxía secreta da que dispoñen os darkováns
En particular as torres das 'celadoras', que multiplican a forza do laran
O resultado é unha apaixonante saga cunha dobre vertente
Por unha parte a das aventuras medievais de capa e espada
E en contraposición a este mundo, o das futuristas naves espaciais
É dicir, a fusión perfecta dos xéneros de fantasía e de ciencia-ficción
Integran esta saga un total de catorce volumes, divididos por épocas
E, polo de agora, só tiven o inconmensurable pracer de ler oito deles

O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...