29/08/16

A Toscana



O noso seguinte destino en Italia foi a rexión da Toscana
Comezamos por Pisa, de onde seguimos ata Florencia e Siena
Na capital da antiga república mariñeira visitamos o 'Campo dei Miracoli'
Ali encóntranse a catedral ou duomo, o baptisterio e maila famosa torre inclinada




Na basílica pisana destaca a súa fermosa fachada de pedra branca e mármore gris
No interior chaman a atención as esculturas do púlpito e os arcos, de certa influencia islámica
Pola súa parte, o baptisterio é o máis grande de todo o país, con máis de cen metros de circunferencia




Tivemos a ben facer a foto de rigor co campanario torto, que seica xa non corre risco de caer
Polo demais, Pisa é unha cidade que soubo conservar un aire medieval nas súas concorridas rúas
A continuación, dirixímonos cara a Florencia a través de quilómetros e quilómetros de viveiros de plantas




Dende o miradoiro do Piazzale Michelangelo ollamos as vistas da capital toscana
Sobre todo o demais destaca a magnífica cúpula erguida por Brunelleschi no Quattrocento
Unha vez no hotel descubrimos que nos chegara a equipaxe intacta, así que saímos para celebralo




A Piazza del Duomo encarna pola noite un escenario espectacular, un marco fermoso e cativador
Catedral, campanile de Giotto e baptisterio vense recubertos con mármores de Carrara, Siena e Prato
O resultado neste conxunto sen par no mundo é tal mestura de cores que recorda a propia bandeira de Italia





O Ponte Vecchio, sobre o río Arno, representa outro dos múltiples atractivos que acumula esta cidade
Pero sen dúbida o centro neurálxico da urbe atópase na Piazza della Signoria, xunto ao Palazzo Vecchio
No lugar concéntranse moitas obras de arte, algunhas réplicas e outras orixinais, coma o Perseo de Cellini








Non é de estrañar que tantos turistas experimenten nesta cidade a coñecida como síndrome de Stendhal
Moitos amosan os síntomas na Galería Uffizi, que recibe cada ano 2 millóns de visitantes de todo o mundo




Deixamos atrás Florencia, non sen ánimo de voltar, e emprendemos camiño cara a Siena
O lugar cuxa terra lles dá nome a varios tipos de marróns recibiunos cunha profusa tormenta de verán




A Piazza del Campo aínda estaba parcialmente cuberta desa terra, ben enchoupada
Dous días antes celebrárase unha das súas famosas carreiras de cabalos, o Palio dell'Assunta




Siena é unha cidade cunha difícil orografía, chea de costas cunha gran pendente
Xa con todo seco baixo o tórrido sol da Toscana seguimos a nosa viaxe, de novo ao sur
Agardábanos a capital do país e mais do que fora un dos máis vastos imperios da antigüidade


24/08/16

De Milán a Venecia



Vimos de percorrer un país fascinante, cun patrimonio cultural sobranceiro
Partimos da meirande cidade do norte, Milán, de onde nos diriximos cara ao leste
Na capital lombarda visitamos o seu inconfundible 'duomo', de estilo gótico flamíxero
Cunhas 135 agullas, a súa miniatura representa unha perigosa arma nas mans axeitadas



Se o exterior da catedral resulta impresionante, por dentro non abraia menos
As voluminosas columnas semellan acadar un ceo adobiado con motivos xeométricos
Entre as obras de arte do templo destaca este San Bartolomeu -o santo esfolado- renacentista




Ao seu carón encóntranse a galería Víctor Manuel II, que ten unha bóveda de vidro
Cun deseño de moda na Europa decimonónica, a pasaxe milanesa chegou a ser a maior de todas




A galería conecta a 'Piazza del Duomo' coa 'Piazza della Scala'
Recibe o nome do famoso teatro de ópera, coñecido como 'o templo da lírica'



Dende Milán emprendemos camiño cara ao Véneto
Fixemos a primeira parada en Sirmione, na entrada ao lago de Garda
Alí dános a benvida ao centro histórico un castelo medieval, a 'Rocca Scaligera'




O lago de Garda é a masa de auga máis extensa de toda Italia
Á beira dunha praia degustamos o 'spritz', o aperitivo típico véneto
Leva tres partes de viño branco seco, dúas de aperol e unha de soda




A seguinte parada na viaxe trasladaríanos ata unha traxedia de Shakespeare
Velaí o suposto balcón da famosa escena dunha obra de ficción do século XVI
Estamos en Verona, onde é costume apalparlle o peito a unha estatua de Xulieta




En Verona aproveitamos para mercar algo de roupa que precisabamos
Por cortesía dunha compañía aérea de orixe ibérica, botamos días sen a equipaxe
Así e todo, deunos tempo a gorecernos dun sol de xustiza e beber un te xeado xunto á Arena




Entre Verona e Venecia encóntrase Padua, onde visitamos a basílica de Santo Antonio
Trátase dun santuario pontificio, polo que estaba prohibido sacar fotografías no seu interior
Conformarémonos con amosar un magnolio de soberbias dimensións que había nun claustro 




Xa en Venecia, cruzamos a lagoa cara á illa de Tronchetto
Alí agardábanos unha embarcación que nos conduciría ata o centro



Ao arribar ao barrio de San Marco, destacan o campanario e o pazo ducal
A famosa Ponte dos Suspiros une a sede dos antigos gobernantes coa vella prisión




Dúas columnas, unha delas co león alado, escoltan o paso á praza de San Marcos
A catedral homónima é o monumento máis visitado deste gran museo ao aire libre veneciano






Na praza atópase o Caffè Florian, que con case 300 anos é un dos cafés máis antigos do mundo
Sobre estas liñas, as famosas pombas do lugar e unha lámpada feita con cristal de Murano de cor sepia
Tamén pasamos por un obradoiro deste tipo de artesanía, onde un mestre fixo un cabalo nun par de minutos




Diríase que en Verona non puidera dar cunha prenda máis axeitada para percorrer esta cidade
Xa postos,  quixemos vivir a experiencia de pasear nunha góndola, e o certo é que tivemos sorte
Acompañáronnos uns excelentes músicos, que amenizaron todo o traxecto dun modo inesquecible




E que garbo, o do gondoleiro, co que ía a xogo
Tras navergarmos polas afamadas canles, fomos a Rialto
Cruzando a ponte cara ao antigo mercado, ollamos a Canale Grande






Pola tarde fomos dar un paseo nun vaporetto pola lagoa de Venecia
Vimos así outras illas, como a de Murano ou a de Lido -a máis longa do arquipélago-




Chegados a este punto despedimos unha cidade máxica, de conto
Rematamos, desta forma, a primeira etapa do noso periplo pola bela Italia
O seguinte destino da viaxe estaría cara ao sur, a través dos montes Apeninos


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...