26/07/10

Bottom



Hammersmith era o lugar no que estaba ambientada a serie Bottom
-De feito, aparecía xa na cabeceira desta premiada sitcom da BBC-
Os autores, Rik Mayall e Adrian Edmondson, eran tamén os actores
Interpretaban dous personaxes que convivían nunha infravivenda



O humor desta comedia encantoume dende o primeiro día que a vin
A súa vis cómica, dunha parodia levada ao extremo, resultaba brutal
Así que non cansaba de rir coas barrabasadas destes dous antiheroes




Outra serie deles é The Young Ones, coñecida aquí como Os Novos
O guión era de Mayall, que interpretaba un estudante de Socioloxía
Pola súa parte, Edmondson facía o rol dun punky chamado Vyvyan


Folga dicir que para min estas dúas series foron das mellores que vin
-O guión resultaba anarcoimaxinativo, algo que hoxe se bota en falta-
Sen dúbida, o seu espírito marcará sempre o meu xeito de ver o mundo


16/07/10

Londres: Hammersmith



Rematamos a viaxe onde a empezaramos: en Londres
Alí paseamos por Hyde Park e achegámonos ao centro
Onde puidemos ollar o Eros que coroa Piccadilly Circus


Pero o que máis me gustou da cidade foi Hammersmith
Este barrio ao suroeste supuxo todo un descubrimento



Ten unha espectacular ponte vitoriana de finais do XIX
Dende a que se ven solpores sobre o Támesis coma este



Alí demos, ademais, cuns pubs con estupendas terrazas
Foi o caso de The Blue Anchor, que data do ano 1722
-É dicir, un dos locais máis antigos de toda a cidade-
Sentimos que o auténtico Londres non era outro ca este
O que estabamos a saborear coas súas excelsas cervexas
Así foi como nos embriagamos de imaxes para o recordo
 


13/07/10

De York a Cambridge



Na recta final da viaxe comezamos o día en York
Alí visitamos a catedral, co seu fermoso contorno
Tamén estivera aquí, e lembraba o cabalo da calesa
Exactamente co mesmo fondo que se ve nesta foto
Lucía daquela case a metade de anos dos que teño



Dentro da catedral, a luz penetra por todas partes
Así que o efecto nas vidreiras resulta espectacular
Na cripta, víase algo da arte dos invasores vikingos



Demos un paseo pola beira da muralla medieval
E mais polas rúas do recinto histórico da cidade
Coma no resto do país, encantounos o cartelismo
Alí é un oficio elevado mesmo á categoría de arte



Como tamén nos gustaron moitos dos escaparates
Pensados todos para convidarte a entrar nas tendas



Pola tarde, dirixímonos á universitaria Cambridge
Cidade con numerosos espazos verdes e botes no río




Alí vimos os seus máis prestixiosos colexios maiores
Observamos absortos o movemento do Corpus Clock
E puidemos presenciar unha cerimonia de graduación
 


09/07/10

De Windermere a Ripon



Volvendo a Inglaterra, dirixímonos cara ao norte, a Cumbria
Alí fomos por outro parque nacional, o do Distrito dos Lagos
Onde paseamos en barco por boa parte do lago Windermere



A estas alturas da viaxe xa fixeramos un grupiño de amigos
Varios arxentinos, un mexicano e unha parella de brasileiros
Ademais de -por que será?- españois atlánticos ou arraianos
Todos xente estupenda, coa que deu gusto estar acompañados
Dende aquí un saúdo para Ana, Junior, Chucho ou os Juans
Fostes o sal duns días nos que o pasamos fenomenalmente


De Windermere fixamos rumbo á miña querida Yorkshire
Condado coñecido de vello do que gardaba moi grato recordo
Antes de chegar a Bradford, fixemos parada preto de Ripon
Foi para visitar unha grande abadía actualmente en ruínas



O contorno natural era extraordinario, coma o monumento
Había teixos do tempo das edificacións, soutos e pradairos
E tamén aproveitamos para degustar a cervexa de xenxibre
-Era chispeante, co sabor ao tubérculo, algo picante e rica-
Da antiga Abadía de Ripon quedamos con imaxes coma esta


07/07/10

De Llanberis a Caernarfon



Pola metade da viaxe realizamos unha incursión a Gales
Alí fixemos un percorrido pola costa norte ate Llanberis
De onde collemos un tren a vapor ao cumio do Wyddfa
-Con 1085 metros, a montaña máis alta de todo o país-





Os trens teñen o seu encanto, pois datan do século XIX
Unha vez arriba, degustamos oggies, empanadas galesas
-Feitas con carne, cebola, patacas e queixo, e moi ricas-
Eran ideais para as brumas dun clima que se fai coñecido



Xa de volta, e sempre nun parque natural, vimos Llanberis
A foto ben podería ser a dunha paisaxe rural galega, non?


Seguindo pola rexión de Gwynedd, agardábanos un castelo
Era o de Caernarfon, do s. XIII e un dos meirandes do país
 


Coa baixamar, esta vila mariñeira recordoume a miña propia
Mesmo había unha illa da outra beira, a antiga illa de Mona
-Que na Antigüidade era considerada sagrada, e aínda o é-



Daba gusto pasear polas súas rúas e ver os carteis dos pubs
Mesmo puidemos aprender algo da lingua britónica que falan
En cymraeg, aberto dise ar agor, benvido é croeso e té panad
Caernarfon tamén foi do que máis me gustou da viaxe, abofé
Quedan pendentes outra visita e unhas pintas no Black Boy
 


01/07/10

De Stratford a Chester



No segundo día de viaxe fomos de Bristol cara a Liverpool
Polo camiño fixemos parada na vila de Stratford-upon-Avon
Onde visitamos a casa natal do escritor William Shakespeare
Unha vivenda do século XVI do estilo coñecido como Tudor
-O mesmo que lucía o fermoso restaurante no que xantamos-





Aquí abundaban as embarcacións de recreo, polo río e na canle
-Unha paixón inglesa que habiamos de ver en repetidos lugares-



De Stratford fomos a Chester, cidade coñecida polas súas rows
-Unhas protogalerías comerciais que datan do Baixo Medievo-





Chester conserva os muros da que era a antiga Deva romana
-Cidade sagrada en As néboas de Ávalon, de M.Z. Bradley-
Sobre unha das portas encóntrase un reloxio senlleiro no R.U.




Da muralla, preservouse a metade do seu perímetro orixinal
Percorrer o seu sombreado adarve supón un agradable paseo


Chester foi un dos destinos que máis nos engaiolaron da viaxe
-Aconsello picar nas fotos para apreciar os pequenos detalles-
Así que deixamos esta marabilla co ánimo de volver algún día
Rematamos o día en Liverpool, nun hotel da época victoriana
O Britannia Adelphi, que goza dun delicioso encanto decadente


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...