28/01/16

O Veral



Un dos lugares con máis encanto dos arredores de Lugo é O Veral
Por esta parroquia próxima a Friol transcorre a "Ruta das Chousas"
Trátase dun itinerario duns catro quilómetros de gran valor ecolóxico
Comeza pola beira do río Mera, un afluente do Miño de suma beleza




Onda o punto de partida da ruta hai unha insua cun gran carballo no medio
Cabo del está a Aula da Natureza do Veral, dedicada á educación ambiental
E da outra beira encóntrase unha planta de cría de troita para repoboar os ríos
Ao igual cá propia aula, a piscifactoría depende da Consellería de Medio Ambiente




Río arriba localizaremos unha antiga canteira de granito
Hoxe alberga unha pequena lagoa na que crían ras ou tritóns
Ademais, os membros dun club de escalada practican nas paredes



Da outra beira do río hai un centro de recuperación de fauna silvestre
Ao igual cá aula ou o criadeiro, as instalacións pertencen a Medio Ambiente



Na ruta tamén atoparemos uns muíños e alpendres en ruínas
De aí que este itinerario posúa ademais un certo valor etnográfico
O musgo ou os couselos cobren hoxe as edificacións usadas antano




A ruta recibe o nome das parcelas de monte cercadas con valos
Por entre elas discorre a senda que transitamos, de innegable feitizo
Tanto é así que en calquera intre pode aparecérsenos en diante un trasniño




Como refuxio de fauna que é, O Veral é un espazo natural protexido
Pero como non todo pode ser perfecto en ningures, topámonos con isto
No medio da ruta, á beira do camiño hai unha plantación recente de eucaliptos
Por se fose pouco, fóronos chantar ao lado mesmo duns cantos carballos centenarios




Aberracións puntuais á parte, O Veral ben merece unha visitiña periódica
A paisaxe é viva, cambiante, posto que vai mudando con cada estación do ano
Polo inverno cómpren catiuscas para transitar polos tramos máis enlamados da ruta
Polo demais, é un pracer facer sendeirismo tanto polo monte como pola beira do río Mera


O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...