29/06/10

De Stonehenge a Bristol



Acabamos de viaxar unha semana enteira por Inglaterra e Gales
Como hai moito que contar, vaiamos por partes de principio a fin
Empezaremos polo primeiro día, no que pasamos por Stonehenge
Aventurámonos a visitar o monumento o propio solsticio de verán
Só deixaron achegarse ao círculo de pedras durante a festa da noite
Así que acabada a celebración, a distancia xa era a dun día calquera
Pero aínda así foi abondo para apreciar toda a súa maxia megalítica


Deseguido dirixímonos a Salisbury, coñecida pola súa alta catedral
E é que a súa torre, con máis de cen metros de altura, rabuña o ceo
Polo que é o campanario considerado máis elevado de todo o país



Por último, descubrimos a cidade de Bath, cos seus baños romanos
E con moito ambiente e animación por parte dos seus artistas da rúa


Aínda que xa era coñecida na antigüidade, floreceu no século XVIII
Como resultado, o seu estilo predominante é o neoclásico xeorxiano
-De feito, aquí residira a escritora Jane Austin, referente desa época-



Rematamos o día en Bristol, degustando as cervexas locais no porto
Paseando pola noite, quedamos coa imaxe deste outro templo gótico



17/06/10

Mondrian



Efectivamente, este é un cadro de Mondrian, un pintor que me fascina
Piet Mondrian, holandés, representou a evolución mesma da pintura
Partindo do postimpresionismo, foi cubista e fundou o neoplasticismo
A súa obra, nun principio figurativa, soubo desprenderse do superfluo
Deste xeito, simplificouse de tal xeito que acadou a abstracción total
Este cadro, un dos máis coñecidos, seica data de inicios dos anos 20
Nel xa só figuran as cores primarias, ademais do branco e mailo negro
Parece ser que este home tiña unha manía: a aversión cara á cor verde
Salvando as distancias, ultimamente ocórreme un pouco isto mesmo
Esa cor non me acaba de encaixar, como xa se puido ollar nesta ventá
-Polo menos no que se refire á miña artesanía, non no resto, claro está-
Se cadra, digo, porque considero que se debería preservar na natureza
Feita esta reflexión, deixo aquí un vídeo sobre como evoluiu Mondrian



02/06/10

Os debuxos de Beni



Estes debuxos foron realizados polo meu curmán Beni Montero
-O único máis novo ca min dos vinte e tantos curmáns que teño-
Están expostos en “O Lagar”, á beira da súa casa, en Cambados
De feito, a maioría deles representan lugares senlleiros da nosa vila
Aínda que tamén os hai con oficios tradicionais, coma as redeiras
Ou coma o caso das mariscadoras de a pé na ribeira de San Tomé



Polo seu gran formato, ao lonxe mesmo semellaban fotografías
Están feitos coa técnica do carbonciño, que acentúa os volumes
Seica as obras gustaron: todas tiñan posto o cartel de “vendido"




O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...