29/03/09

Como me coidan


Ultimamente estou a descubrir novos pratos, da man de Marta
Un dos máis versátiles é a quiche, como esta de chacina
Sobre un leito de ovo e nata, leva cabaciña e queixo do país
Todo recuberto de chacina e algo de feta esparexido

A quiche elabórase sobre unha base de masa de hoxaldre
Os ingredientes poden variar bastante, ao gusto de cada quen
Nesta outra ocasión, levaba xamón de Trevélez e queixo azul

A mesma base tamén pode ser empregada para os doces
É o caso desta torta de mazá, moi do noso gusto
A froita vai cortada en láminas sobre un leito de crema

A sobremesa sempre dá moito xogo na cociña
Para rematar, temos aquí un biscoito de cabaza
É suave e tenro como el só, e de sabor moi afroitado
Así que degustalo equivale a experimentar novos praceres
-Que non se diga que non somos ben larpeiros-

23/03/09

Volve Barrio Sésamo


Parece que por fin volven emitir "Barrio Sésamo"
E non se trata dunha reposición, senón dunha nova serie
Vai ser unha versión de "Play With Me Sesame", da CTW
Así que poderemos ver de novo a Coco ou a Elmo en acción


Moito me gustaban aqueles peluches parlantes
Certo é que tiñan un aire finisetenteiro irrepetible
-Tal como os chándales monocolores dunha soa peza-

O que nos amosen agora se cadra teña pouco que ver
Poida que se trate dunha reencarnación descafeinada
En todo caso, haberá que comprobalo cando o boten
-Aínda que un conserve pouco daquela ilusión dos pequenos-
Será na 2, tódolos días a partir das oito da mañá
O noso querido 'Monstro das Galletas' ben o merece

16/03/09

O sentido da vida


Seguimos con Monty Python, con "The Meaning of Life"
Esta película contén un fragmento do máis surrealista
Chámase "Find the fish", con Graham Chapman e Terry Jones
Ámbolos dous laméntanse da perda dun "peixe, peixiño, peixe"
"E a onde queira que eu fose, el viña comigo", repite Jones
E unha voz allea suxírelles onde poderían atopar o peixe
"Está na trompa!", di unha das veces, como con sorna
O escenario é do máis inquietante, por non falar dos personaxes
-Caracterizados de xeito inverosímil, tal como se comportan-
Xa digo, un dos cumios da disparatada obra dos Monty Python
E a 'primeira entre iguais' das curtas que conforman este filme

12/03/09

Monty Phython's Flying Circus


Falando dos Monty Python, dediquémoslles un chisco de tempo
Estou a acabar de ver a serie "Monty Python's Flying Circus"
Si, a mítica serie que se emitiu na BBC entre o 1969 e o 1974
-Consta de 45 capítulos, repartidos en catro temporadas-


Ao longo dese tempo, os Monty Python crearon sketches xeniais
"O loro morto", ou "A Inquisición Española", son célebres
Como o é "O Ministerio de Andares Parvos", tamén mítico
Pero, ademais dos máis coñecidos, hai outros non menos logrados
Destes, entre os meus predilectos figura "A Balada de Dennis Moore"
É un Robin Hood da época xeorxiana levado ás últimas consecuencias


Outra historia ben curiosa é a de "O Reparador de Bicicletas"
Nun mundo cheo de superhomes, el é o máis admirado por todos
O que vén confirmar unha vez máis que "máis vale a maña cá forza"


Esta é outra das tramas que me resultaron ben simpáticas
É coma unha parodia de "A Invasión dos Ultracorpos"
Neste caso, os humanos abducidos convértense en escoceses
Como non, chámase "O home vólvese escocés"; delirante


Podería colgar moitas outras mostras; son interminables
Resulta tópico dicir que se trata de humor intelixente
Tamén lle chaman humor británico, e as dúas cousas
Aínda que o certo é que non todos eran británicos
Terry Gilliam, autor das animacións, é norteamericano
Do resto, son todos ingleses, coa excepción de Terry Jones
Quen, polo seu apelido, ben se pode supór que é galés
Todos viven aínda, agás Graham Chapman, finado no 1989
-Moi coñecido polo seu papel de Brian no filme do 1979-
Eric Idle, John Cleese e Michael Palin completan o sexteto

09/03/09

A dura vida dun coello

Hai sketches revolucionarios, que marcan toda unha época
É o caso dos realizados por Monty Python a comezos dos 70
-Tanto polo seu carácter innovador como pola súa calidade-
E creo que non esaxero ao afirmar que este tamén fai historia
Fálovos de "Le llaman Conejo", un vídeo de Muchachada Nui
Os seus autores demostraron ter un talento extraordinario
Déronlle ao humor negro unhas pinceladas de compromiso social
O resultado é un relato que ben se pode catalogar como videoarte
É dicir, algo moi lonxe do que estamos afeitos a ollar
A factoría de Reyes, Sevilla, Cima ou Areces ten moito por dicir

04/03/09

The Art Stage




Estes cadros poden adquirirse nunha galería de arte virtual
En The Art Stage hai á venda obras de distintos novos artistas
Entre eles figura o meu amigo barcelonés Lluís Berroy
A idea, de feito, xurdíu en Barcelona, ante a carestía dos locais
A alternativa da galería virtual presentouse como unha solución
Sobre os cadros, sorpréndeme a luminosidade de Rubén Torras
Tiven a sorte de verlle outras obras na capital catalá
Nelas, a luz bañaba e moldeaba as figuras, dándolles forma
En xeral, os cadros rezuman frescura polas catro esquinas
Cheguen de mostra o colorismo de Jose Puig e de Antònia Bergas
Ou a subversión de Patricia Picón e do propio Lluís Berroy

O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...