29/07/09

O arco da vella




Un día si e outro tamén este mes de xullo deixounos ceos grises
Si, o sol brillou pola súa perenne ausencia na canícula do verán
Pero en ocasións no horizonte cuberto abriuse unha fenda irisada
Da bóveda encapotada xurdiron sendas multicolor como a das fotos
A punto de coller as vacacións, estou a piques de rubir por ela
Pregúntome qué haberá á outra beira do arco iris, qué hei de ver
Se cadra atope o caldeiro dun leprechaun, ou sinxelamente o sol
Algo de bo tempo non viría mal, que a todos nos gustan as raiolas
E sobre todo a tranquilidade, desconectar por completo todo un mes



20/07/09

Adeus a Hugh Hopper


Recentemente faleceu Hugh Hopper, baixista de Soft Machine
Hopper levou o baixo durante os mellores anos do grupo
É dicir, entre o 1969 e o 1973, entre o 'Volume Two' e 'Six'
Foi daquela cando publicaron marabillas como 'Moon In June'





Moi probablemente a obra cumio da banda sexa o disco 'Third'
Contén o tema 'Slightly All The Time', un dos meus predilectos
Tanto polo seu lirismo como pola fondura do seu espírito
Chegue unha ollada á apertura por parte do baixo de Hopper



No 1971 publicaron 'Fourth', que comeza co potente tema 'Teeth'
Este disco marca o inicio da decadencia da banda de Kent
O xenial baterista e vocalista Robert Wyatt abandona o grupo
E Hugh Hopper fixo o propio no 1973, logo de 'Fifth' e 'Six'
Iso si, deixando tras de si unha contribución monumental
Todo un legado dun xeito de entender e de sentir a música
Sen fronteiras entre estilos na fusión do jazz e do rock

15/07/09

Xogando aos castelos


Con frecuencia, fálase da invasión das tropas napoleónicas
-Que, por certo, os galegos fomos os primeiros en repeler-
Tamén da invasión romana, que supuxo unha conquista duradeira
Pero na nosa Historia figuran outras invasións, menos coñecidas
En particular na Baixa Idade Media, nun período de vinte anos
Foi no século XIV, cando había máis dun cento de castelos galegos
Entre o 1369 e o 1387 fomos invadidos ata catro veces, nada menos
Primeiro tomaron o país as tropas do rei Fernando I de Portugal
Que foron expulsadas por mercenarios bretóns e tropas castelás
A incorporación do reino galego á coroa portuguesa pouco durou
Foron un par de anos nos que a Corte se trasladou á Raia ourensá
Posteriormente, no 1386 os ingleses emprenderon unha nova invasión
Desta volta foi polo mar, no contexto da Guerra dos Cen Anos
Os reinantes Trastámara eran aliados de Francia, os seus inimigos
As tropas do Duque de Lancaster tomaron o país outros dous anos
Contaban co apoio do exército portugués, pero non foi de abondo
As pestes e mailas tropas castelás recuperaron o territorio axiña
Pódese ollar esta partida de Risk na páxina de culturagalega.org
Hai interesantes mapas animados cos intentos de mudarnos a Historia
Tamén recomendo a lectura do artigo ao que acompañan os mapas
Posto que non está de máis botar a vista atrás para sabermos de nós
Sobre todo agora polo verán cando tanto celebramos feiras medievais

07/07/09

O fotógrafo Nils Holgersson


O autor destas imaxes é un fotógrafo chamado Nils Holgersson
Efectivamente, coma o protagonista da novela de Selma Lagerlöf
Pero non, non é o seu verdadeiro nome, senón o artístico
En realidade chámase Nils Riedweg, e nin sequera é sueco
O que non quita que faga unhas fotos espléndidas, coma estas
Corresponden á serie denominada algo así como "Nu:`jo:rk"


Estoutras son da serie "Pool", a máis referenciada de todas
A pulcritude técnica das fotos é máxima, como salta á vista
Souben delas e mais do autor unha vez máis vía Capítulo 0



E aquí temos ao autor, a Nils Holgersson en persoa
O artista suízo que colleu o nome do personaxe sueco
-Tal como o mago Copperfield fixera coa novela de Dickens-
Se queres ver máis fotos súas, podes clicar na súa páxina
E aquí podes atopar diversas series de instantáneas súas

O paseo do Miño

O do Miño é o paseo fluvial máis longo de todo o cinto verde de Lugo Consta de varios treitos, comprendidos entre as pontes q ue cruzan o p...