26/03/25

Viva a Comuna!

Hai escasos días conmemorabamos o 154 aniversario da proclamación da Comuna de París
O 18 de marzo de 1871, a primeira revolución do proletariado conducía a un goberno obreiro
Varias das últimas obras do autor galego Carlos Meixide xiran arredor deste período histórico
A primeira, Viva a Comuna!, narra o auxe e a caída deste precedente da revolución bolxevique
A partir de feitos reais, recrea os tempos convulsos en que foi deposto o último monarca francés
Foi no marco da guerra francoprusiana, que daría pé á III República e á revolta do pobo parisiense
Os revolucionarios da capital gala eríxense precisamente nos heroes que protagonizan esta novela
A través dunha prosa onde prevalece un fondo espírito humano, desenvólvese toda unha trama coral
O resultado é un monumento de 600 páxinas ao que puido ser e non foi, unha oda aos ideais socialistas


Viva a Comuna! foi publicado por Xerais, pero ten un spin-off editado hai uns meses polo propio autor
Trátase de Tres irmáns, onde varios rapaces que foron testemuñas da revolta relatan as súas vivencias
Así, describen o asañamento co que acabou reprimido un goberno que avogaba pola educación universal
E como o Estado se ocupa de devolverlle á burguesía a xestión dos medios de produción que abandonara
Parte da galería de personaxes, tanto reais como ficticias, da anterior novela histórica volven desfilar ante nós
En particular a poeta anarquista Louise Michel, quen fora condenada a dez anos de desterro en Nova Caledonia
Narradas en primeira persoa, as historias dos seus pupilos resultan conmovedoras, cargadas de valores humanos
É neste libro onde se recoñece en maior medida a prosa meixidiana, co estilo que caracteriza o groso da súa obra
Aínda que se pode entender como continuación de Viva a Comuna!, o certo é que acepta unha lectura independente
No primeiro caso, resulta o colofón perfecto para unha gran novela, a guinda do pastel dunha edificación monumental
No segundo, todo un regalo para as emocións e para o intelecto, que tanto logrará facernos reflexionar como empatizar

Paisaxes de Lugo (X)

Hai agora nove anos iniciara unha serie de entregas sobre as paisaxes da provincia de Lugo Comezara centrándome nas imaxes captadas en dife...