01/09/10

Moscova



Xa estamos de volta da viaxe que nos levou ate Rusia
En total foron once os días que pasamos por esas terras
Os catro primeiros estivemos pola capital, por Moscova
En torno a ese lugar tan especial como é a Praza Roxa
Neste Obradoiro ruso destaca a catedral de San Basilio
Os seus detractores din que máis ben semella unha tarta
Pero o certo é que a min me parece todo un prodixio
E máis tendo en conta que foi construida no século XVI
Unha obra imaxinativa por diante, por detrás e por dentro



Outro edificio que me fascinou encóntrase xusto en fronte
Trátase do Museo Histórico, dun belo estilo neoclásico ruso
Está feito de tal forma que semella estar nevado todo o ano
En horas nocturnas catedral e museo gañan aínda en encanto
Ao igual que as sete torres irmás mandadas erixir por Stalin
 É a isto ao que se refire a famosa canción Noites de Moscova




Neste senso, o metro é un espazo sempre nocturno na cidade
Aquí elevado á categoría de obra de arte nas distintas estacións
Nelas pódense ollar vidreiras, mosaicos ou estatuas de bronce
A máis coñecida é a do soldado co can cuxo fociño tocan todos
-Unha sorte de ritual dun pobo esaxeradamente supersticioso-





Volvendo á Praza Roxa, na terceira cara está o muro do Kremlin
-Na cuarta, as inmensas galerías comerciais GUM, do século XIX-
 Á cidade orixinal accédese a través da ponte da Torre da Trindade
Unha vez dentro, destaca a praza das Catedrais, con catro en total
A máis antiga é a da Asunción, levantada por Iván IV o Terrible
Pero a máis importante é a da Anunciación, de elegantes bulbos



Tamén nos deu tempo a visitar a pinacoteca da galería Tretyakov
-Onde quedamos abraiados con cadros coma este de Kuindzhi-
O mausoleo de Lenin, dun impresionante aspecto retrofuturista
Ou o Parque da Vitoria, un grande espazo verde situado ás aforas
  Alí, unha altísima columna conmemora a fin da 2ª Guerra Mundial
Mentres que os tanques soviéticos repousan ao longo de toda a área



E isto é todo canto deron de si os días que pasamos entre moscovitas
Na quinta xornada agardábanos unha incursión ás anteriores capitais


Ningún comentario:

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...