Durante as vacacións tiven a oportunidade de coñecer mellor o esteiro do Umia, entre Ribadumia e Cambados
Trátase duha extensa área de extraordinaria riquezal natural e paisaxística, que forma parte do complexo intermareal Umia-O Grove
Unha ruta de sendeirismo de 3 quilómetros de lonxitude, denominada "Entre dúas pontes", une as pontes de Barrantes e da Barca pola beira do río
Conforme se avanza río abaixo, os xuncos e as canas van gañando presenza nas beiras do Umia
Alí onde o terreo non é firme instaláronse unhas plataformas de madeira que facilitan o tránsito dos sendeiristas
O río ábrese paso non só entre os canavais, senón tamén entre cultivos coma os das viñas de albariño
O resultado é un conxunto paisaxístico dunha beleza por momentos sobrecolledora, como se pode acaso intuír nestas fotos que non lle fan xustiza
A pesar de se tratar dun río, adivíñase a proximidade do mar pola influencia das mareas
Coa baixamar e mais a preamar, a paisaxe muda no esteiro facendo que emerxan e se somerxan as insuas
Unha longa plataforma de madeira atravesa a Xunqueira ata o tramo final da ruta
Aquí, no medio do humidal, o río semella dividirse en diversos cursos fluviais separados por linguas de terra
Outra ruta de sendeirismo que vai dar a este lugar é a da Pastora-Umia, que descende dende a maior elevación do núcleo urbano de Cambados
O camiño pasa á beira da fraguiña de Ouso da Torre, toda unha pequena selva situada nun humidal sempre vivo
Ambas rutas converxen nas proximidades da Ponte da Barca, que une Cambados con Castrelo e mais con Sisán, en Ribadumia
Pola marxe esquerda do río desemboca o último afluente no lugar homónimo de Tabueiros, que fun tamén visitar para coñecer mellor a outra beira
O amplo territorio do esteiro ten un carácter salvaxe que o converte nun lugar único en todo o país
Estímase que por esta zona de especial protección para as aves pasan ata 16.000 exemplares de especies acuáticas
E dentro do complexo intermareal, estas marismas teñen ademais un certo aquel cinematográfico que evoca a Doñana ou mesmo aos Everglades
O río desemboca na ría ao pasar pola punta de Espiñeiro, o extremo meridional da parroquia de Cambados
Aquí hai unha praia medio fluvial, medio marítima, onde destaca a vista das illas Illeiras, Leste e Oeste, e das Toxas, Grande e Pequena
A partir desta paraxe, as augas do río pasan a ser da ría, comezando polo Mar de Frades
Chegan logo á illa de San Sadurniño e ás demais illas e costas da ría da Arousa, a máis produtiva do mundo
Completan así un percorrido de ata 70 quilómetros antes de mesturarse coas augas do Ulla e coas do océano Atlántico
Ningún comentario:
Publicar un comentario