Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore
Trátase de Providence, onde homenaxea a H.P. Lovecraft xunto co ilustrador Jacen Burrows
O cómic conxuga por tanto dous dos meus autores predilectos en prosa e mais en banda deseñada
Providence narra as aventuras de Robert Black, un reporteiro estadounidense, en 1919
O xornalista deixa o seu posto como redactor no New York Herald para percorrer Nova Inglaterra
Na procura da cara oculta de Norteamérica, vaise topando con toda unha galería de personaxes lovecraftianas
O argumento ten o seu punto de humor negro, moi negro
Entre as historias narradas intercálanse extractos do diario de Robert Black
Así, o lector pode coñecer o que cre que viu e, ao mesmo tempo, saber con que se topou realmente
Un libro milenario escrito por un árabe tolo, que logo había ser coñecido como o Necronomicon, tamén ten o seu protagonismo
Un dos personaxes principais a partir da metade da novela é o propio H. P. Lovecraft
Ao igual ca outro xigante anterior do terror americano, Poe, reside na cidade que lle dá nome á obra
Black establece unha relación de amizade con el que o leva a prestarlle os apuntamentos sobre a súa viaxe
Neles améntase, por exemplo, a Randall Carver, trasunto do protagonista do ciclo de aventuras oníricas de Randolph Carter
O periodista funciona, deste xeito, coma un resorte que activa no escritor a inspiración precisa seguindo o plan dunha sociedade secreta
Alan Moore leva máis de corenta anos figurando entre os principais autores de cómic no ámbito mundial
Nos 80 escribira o guión de obras mestras da novena arte como son V for Vendetta, Swamp Thing ou Watchmen
Na seguinte década concluiría a novela gráfica From Hell, e xa neste século, The League of Extraordinary Gentlemen
Antes de Providence, publicara varias miniseries encadradas no universo Lovecraft, como son The Courtyard e Neonomicon
Lamentablemente, as novelas gráficas de Alan Moore aínda non foron traducidas á lingua de Rosalía
Pero si están dispoñibles no noso idioma as obras de Lovecraft, na biblioteca homónima editada por Urco
Para quen desexe adentrarse nos mundos do literato de Providence, recoméndolle Nas montañas da loucura
Esta novela, pertencente ao ciclo de Cthulhu, está ambientada nunhas hipotéticas galerías subterráneas da Antártida
Tocante ás máis temperás obras do ciclo do soño, as miñas favoritas, están reunidas en varios volumes pola editorial galega
Para acompañar a primeira lectura, propoño a Sinfonía no. 2 de Phlip Glass, e Simple Things de Zero 7 para as aventuras oníricas
Ningún comentario:
Publicar un comentario