24/03/18

David Bowie no MIHL



Nas salas do MIHL, en Lugo, estase a expoñer unha importante colección sobre David Bowie
A mostra, que chega dous anos despois da morte do artista, homenaxea a súa  figura maila súa obra
Integrada por máis de medio milleiro de singles e LPs, a exposición comeza polos traballos máis temperáns
É dicir, de finais dos 60, cando o músico aínda non mudara un nome que coincidía co do cantante de The Monkees




Séguenlles os 25 álbumes de estudio que sacara en solitario o autor inglés
Dende o David Bowie de 1967 ata o Blackstar, que precedeu dous días o seu pasamento




Durante a súa longa traxectoria, Bowie publicara máis dun cento de singles e maxi singles
Neles non desaproveitou a oportunidade de colaborar con innumerables artistas de todos os xéneros musicais




As pezas pertencen ao coleccionista Carlos Lúxor, alter ego do músico leonés Carlos Antonio Suárez
Ademais de discos de estudio e singles, tamén recolle edicións pirata e vinilos flexibles coas obras de Bowie
Un apartado especial é o relacionado cos traballos cinematográficos do autor, dende actuacións ata bandas sonoras




Algúns dos seus papeis máis coñecidos sons os dos filmes Bo Nadal, Mr Lawrence e Dentro do Labirinto
Destes traballos, a colección tamén ten numerosas pezas, que figuran entre o abundante merchandising sobre o autor




A colección que Carlos Lúxor atesoura complétase con diversas obras realizadas por diferentes artistas plásticos




Fun ver esta exposición xa en dúas ocasións, e en ambas había público a ollala
Quen aínda non tivese oportunidade, poderá visitala no museo lugués ata finais de abril 


23/02/18

Paisaxes de Lugo (II)



Hai un ano publicaba unha serie fotográfica con paisaxes das terras de Lugo
Esta nova entrega comeza co último lugar retratado, as ruínas de Castro Candaz
Desta volta, as instantáneas seleccionadas corresponden só aos últimos doce meses
Mais, coma no primeiro post, todas as imaxes foron captadas co meu móbill nas coberturas




Este banco con vistas ao mar encóntrase nunha praia de Barreiros
Pola súa parte, o soberbio rebolo de arriba está situado xunto aos canóns do Sil
No medio, hai un vasto territorio que cubrir, cunha área de case 10.000 quilómetros cadrados
Baixo estas liñas, vemos algunhas embarcacións no porto de Burela e unha granxa de rubia galega en Friol




Esta paraxe cuberta de neve encóntrase nas inmediacións da Fonsagrada
Tamén na montaña, Navia de Suarna é coñecida pola ponte romana ou polo seu castelo




De todas as fortificacións, a que mellor se encontra é a torre de Xiá, en Friol
Tamén coñecido como o castelo de Narla, xa temos falado abondo del neste blog
Tamén da muralla romana de Lugo, por onde adoito pasear sobre todo de volta do traballo
Debaixo, vese un detalle da fachada do mosteiro de San Vicente, no monte homónimo de Monforte




O Miño cruza o territorio mencionado de norte a sur, como ocorre co resto do país
Portomarín ou Lugo ofrecen algunhas das estampas máis coñecidas do paso deste río




Sobre estas liñas, vemos unha imaxe do bosque do balneario de Guitiriz
Embaixo, un drone a sobrevoar unha leira con grelos no tamén chairego Abadín




Esta explotación ecolóxica de razas autóctonas está situada na Pontenova
Nela conviven os burriños fariñeiros coas ovellas e cos carneiros da variedade galega




O Rato é outra das localizacións de luxo que se poden atopar no cinto verde de Lugo
Coas imaxes deste paseo concluímos a nova entrega da serie, que de seguro non será a derradeira


30/01/18

O parque de Rosalía


Hai un parque en Lugo que levo case dúas décadas ollando a diario
Refírome ao de Rosalía, situado xusto en fronte a onde teño o centro de traballo
Nos últimos anos dediqueime a fotografar os cambios que experimenta co paso das estacións
Entre o outono e o inverno é un lugar, polo xeral, solitario e sombrío, onde os paseos conducen á nostalxia




O estanque dos parrulos constitúe un dos puntos máis concorridos do parque por parte dos nenos
O outro é, por suposto, a zona de xogos infantil, que se encontra a escasos metros da porta do meu choio




Dende a ventá do meu posto de traballo puiden obter imaxes tan primaverais coma esta
É nesa época do ano cando o sol se pon xusto no medio do paseo que parte da entrada principal




Esta é unha foto do mesmo lugar, sacada dende os xulgados da cidade
Aquí teño botado xornadas laborais completas, moi entretidas, como se pode imaxinar




A pesar da súa relativa quietude, o parque de Rosalía de Castro é un lugar cambiante
Muda non só co paso dos meses, senón tamén cos xogos de luces que se producen ao longo do día




Cando cae a tarde, as sombras apodéranse de vagar dos espazos que agocha
Algúns deles gañan se cadra en beleza cos tons crepusculares que acompañan a noitiña




Xa en plena noite, o mirador do parque segue a ofrecer unhas fermosas vistas
E o lugar amosa estampas propias doutros tempos, de cando foi creado hai case cen anos


29/12/17

Selma en 2017


Este 2017 que está a piques de rematar foi un ano moi importante na vida da miña filla
Principiou nada menos que os estudos de Primaria, polo que xa domina as letras minúsculas
Ademais, visitou varios países da Península Ibérica, o centro de Ourense e mais a cidade de Vigo
Na foto en que figura en pé, abaixo, vémola marcando tendencia pola praza de Lugo, onde é o propio





A petición súa, un ano máis realicei un vídeo coas lembranzas da nena ao longo destes doce meses
Entre elas figuran as súas actuacións de teatro e de danza, os nosos aniversarios e uns cantos concertos
Agardamos que o ano vindeiro traia novas e aínda mellores experiencias para ela, para nós e mais para todos vós



O San Xoán da Piringalla

A da Piringalla é a fogueira máis grande das terras lucenses e unha das meirandes de todo o país Supón a máxima expresión da celebración do...