18/05/20

O Carme


Neste desconfinamento gradual, en Lugo temos a fortuna de poder ir á aldea no centro da cidade
A escasos metros da muralla romana, e a menos dun quilómetro da casa, podemos visitar o barrio do Carme
Así que aproveitamos para percorrer as súas corredoiras durante os paseos dunha hora que nos permitiron realizar




Cando fai bo tempo, deixámonos perder polos carreiros vetustos do barrio
Trátase dunha extensa área que comunica a rúa do Carme coa ronda do Carme
Por diversas circunstancias, foise zafando da especulación urbanística dos últimos anos
Como resultado, na actualidade está a ser posta en valor como unha zona verde e recreativa




As nogueiras son as árbores que máis abundan no barrio do Carme
Pero neste paraíso verde hai tamén unhas cantas figueiras e moitos sabugueiros
Couselos, celidonias e outras flores poboan os valados deste tramo do Camiño Primitivo




Precisamente neste tempo é cando florecen os sabugueiros
Coas súas flores, maceradas en auga con limóns, fixemos un concentrado
Unha vez fervido con azucre, bótaselle á auga para lle dar un rico sabor a primavera




Despois da a última visita ao Carme cruzamos a Porta do Carme cara ao centro
Ali, nunha terraza de Campo Castelo, degustamos o primeiro refresco en dous meses
E compartimos a ledicia da nosa filla, emocionada por poder tomar, por fin, algo nun bar


20/04/20

Estampas do confinamento


Estas fotos non son da miña autoría, senón que foron realizadas pola miña filla
Fíxoas coa súa propia cámara, un agasallo que soubo aproveitar nas últimas semanas
Desta forma, durante o confinamento estivo a experimentar coa máquina na creación de imaxes




Os xogos de simetrías foron dos máis practicados co aparello
A cámara, que ao mesmo tempo é xoguete, permite multitude de combinacións




A rapaza tamén xogou cos diversos filtros de cores
E, como corresponde á súa idade, non cansou de se autorretratar




As imaxes en negativo deron tamén moito xogo 




En negativo e de todas as formas, os xoguetes tamén foron retratados
As bonecas, coma Arale, son as amigas coas que a nena puido xogar nesta primavera




Os libros tamén foron os seus amigos, fosen Pippi, Harry ou Marcopola os seus protagonistas
A cámara, ademais, permite deformar a faciana das persoas retratadas e engadir moreas de efectos




Coma o resto dos cativos, Selma poderá pasear de novo a partir do luns vindeiro
Será un pouco cada xornada, con tempo de sobra para seguir practicando a fotografía
Esta última estampa do confinamento non foi obra súa, senón dun pai orgulloso da súa pícara


23/03/20

Paisaxes de Lugo (IV)


Como cada ano por estas datas, comparto aquí algunhas paisaxes lucenses que vin nos últimos meses
Todas foron captadas co meu propio móbil, a maioría durante saídas no traballo a diferentes puntos da provincia
Para os que agora estades confinados nos vosos fogares, espero que vos resulte gratificante ollar estas pequenas marabillas
A primeira imaxe corresponde ao encoro de Vilasouto, no Incio, mentres que a de abaixo é no dos Peares, na praia da Cova, no Saviñao




Sobre estas liñas, vemos a bruma sobre o río Fervedoira, en Lugo
Nas coberturas na Mariña tamén aproveitei para realizar fotos do mar
Foi o caso dos cantís do Vicedo ou do faro da illa Pancha, en Ribadeo




Como me fascinan as masas de auga, as fotos dos grandes ríos deste territorio son recorrentes
Non podían faltar os canóns do Sil nin o Miño, antes e despois da corta de ameneiros, ao seu paso por Lugo




Esta foto da Devesa da Rogueira, no Courel, é a máis recente no meu Instragram
E estoutra instantánea do río Neira, xunto á ponte de Covas, en Baralla, a máis antiga




As cerdeiras en flor da Ribeira Sacra, acompañadas de abellas, constitúen un reclamo para a vista
Tal como as múltiples pontes do cinto verde de Lugo, comezando polo viaduto da Chanca, do século XIX




Non quixera rematar este repaso polas imaxes dos últimos doce meses sen compartir fotos coma estas
Son estampas cotiás de vida social ao aire libre no centro de Lugo, coma a Verbena Galega d'Antes ou Campo Castelo


O San Xoán da Piringalla

A da Piringalla é a fogueira máis grande das terras lucenses e unha das meirandes de todo o país Supón a máxima expresión da celebración do...