Tres sílabas ten xa o número de anos que nos fai hoxe mesmo a rapaza
Neste verán aínda inconcluso decidimos levala de viaxe a un lugar moi especial
Aproveitando a estadía no Val do Loira, achegámonos a Poitiers para visitar Futuroscope
Tras imbuírnos de cultura, divertímonos daquela coa ciencia e mais coa tecnoloxía multimedia
O que é un dos principais parques temáticos de Francia nacera nos 80 como unha especie de tecnópole
Dende entón, non deixou de medrar ata albergar máis de 30 atraccións e acoller millóns de visitantes cada ano
Unha vez aterramos no lugar, fomos de cabeza a viaxar no tempo na compaña dos Rabbids
Como toma de contacto coa tecnoloxía 4D aplicada a unha atracción interior, resultou realmente simpático
O parque ten o seu propio planetario, onde vimos a curta Cosmic Collisions, sobre a formación da lúa
Tamén fomos espectadores en varias das salas equipadas co sistema de proxección IMAX
Nelas contemplamos, en grandes pantallas, diversos documentais sobre o espazo ou o fondo do mar
Xa nas atraccións mecanizadas, tanto cazamos tornados como partimos nunha nave con base en Marte
Entre labores tan intensos, houbo tempo para o relax de múltiples formas, como un paseo en bici acuática
Dende un miradoiro xiratorio podían contemplarse vistas de todo o parque
E na típica casa do revés vimos como estaba todo patas arriba e costa abaixo
Nunha ocasión, na contorna dun fungo xigante sorprendeume polas costas un amable alien verde
Baixo estas liñas, Marta e Selma repousan na recepción do hotel onde nos hospedamos, do propio parque
Con case 40 anos de historia, Futuroscope segue ampliándose e renovándose
O espectáculo nocturno que o pecha conxuga xogos de luz e de auga con proxeccións
É o broche de ouro perfecto para unha experiencia sensorial, didáctica e, ante todo, entretida
Ningún comentario:
Publicar un comentario