Estou farto de coñecer xente encantada de coñecerse
Xente incapaz de experimentar empatía
Xente incapaz de poñerse no lugar dos demais
Auténticos cocóns incapaces de ollar alén do seu embigo
Muros pechados que só se abren cara ós seus espellos
Animais gregarios que só compadecen os seus pares
Autómatas sen alma que só se identifican cos seus clons
E que en raras ocasións realizan unha mínima autocrítica
Todo isto vén a conto de que, de sempre, padecín unha leve misantropía
E hoxe levanteime con esta doenza un tanto agudizada
Por suposto, eu son o primeiro en recoñecelo
Que por algo hai que empezar
Non se trata de ser máis cabrón ou máis abofé que o resto
Falo do corporativismo inherente ó xénero humano
O cal nunca me producíu unha especial simpatía
Creo que hai que saber recoñecer tamén os erros propios
E non só os alleos, non só a palla no ollo alleo
E cando digo 'alleos' refírome ó senso máis xeral do termo
Refírome a todo o que é distinto a un mesmo
A todo o alleo ó seu e ós seus
Pero a ninguén lle gusta que lle dean leccións
Que lle recorden que os seus actos teñen consecuencias
Que cada quen recolle o que sementa
E que a desidia acomodada, co tempo, pasa factura
Cada quen é libre de actuar como lle pete, evidentemente
Pero coido que non está de máis lembrar algunhas obviedades
Sobre todo cando falamos da necesidade de empatizar
Máis que nada por aquilo da inevitable convivencia
E non porque si, porque todo ten a súa explicación
-Salvo os días que nos tocou vivir
Que, xuntos, axiña suman anos
Os anos axiña suman décadas
E as décadas pasan como un suspiro
Porque os nosos días breves son-
1 comentario:
Mal día polo que vexo. De todas formas un pouco de desprezo polo xénero human non ven mal de cando en cando, sobre todo cando un corre o perigo de ser fagotizado pola pior cara do mesmo. De dodalas formas os humans tendes cousas boas, digocho eu como robot que leva moito tempo observadobos. Saudos e arriba ese animo.
Publicar un comentario