Pola metade da viaxe realizamos unha incursión a Gales
Alí fixemos un percorrido pola costa norte ate Llanberis
De onde collemos un tren a vapor ao cumio do Wyddfa
-Con 1085 metros, a montaña máis alta de todo o país-
Os trens teñen o seu encanto, pois datan do século XIX
Unha vez arriba, degustamos oggies, empanadas galesas
-Feitas con carne, cebola, patacas e queixo, e moi ricas-
Eran ideais para as brumas dun clima que se fai coñecido
Xa de volta, e sempre nun parque natural, vimos Llanberis
A foto ben podería ser a dunha paisaxe rural galega, non?
Seguindo pola rexión de Gwynedd, agardábanos un castelo
Era o de Caernarfon, do s. XIII e un dos meirandes do país
Coa baixamar, esta vila mariñeira recordoume a miña propia
Mesmo había unha illa da outra beira, a antiga illa de Mona
-Que na Antigüidade era considerada sagrada, e aínda o é-
Daba gusto pasear polas súas rúas e ver os carteis dos pubs
Mesmo puidemos aprender algo da lingua britónica que falan
En cymraeg, aberto dise ar agor, benvido é croeso e té panad
Caernarfon tamén foi do que máis me gustou da viaxe, abofé
Quedan pendentes outra visita e unhas pintas no Black Boy
Ningún comentario:
Publicar un comentario