28/09/11

Os zombis do Freakmacine



O Freakmacine é un festival de curtas que se vén celebrando na Coruña
Comezou hai tres anos nunha casa okupa, e este ano colaborou o CGAI
Partindo da ciencia-ficción, foise ampliando cara a xéneros coma o gore
O curioso do asunto foi que souben disto prestándolles atención ás fotos
Resultou que en todas as que vía nos medios había familiares ou amigos
Vanessa, a moza do meu curmán político Samuel, é a que posa deitada
Iso na foto de arriba, publicada na Voz, e abaixo está o propio Samuel
-Grande amante do xénero, como demostra ano tras ano por Noiteboa-



O pistoletazo de saída do festival foi un desfile de zombis pola Coruña
E neste primeiro Zombiewalk participaron tamén varios colegas nosos
Disto decatámonos tamén a través da prensa, ollando fotos coma esta
-Correspondente á edición da Coruña da Voz de Galicia deste sábado-
Aquí posan Jérémy e Adela tan ricamente nos Cantóns antes da marcha
Os mesmos que, xunto con Cristina, saían nun vídeo do noticiario de V
Así que, familiares e amigos coruñeses, só me queda dicirvos o seguinte:
Que orgulloso estou de todos vós e que guapos e fotoxénicos que sodes



12/09/11

Os primeiros días de Selma



Todo comezou aquí, na planta de obstetricia do hospital Lucus Augusti
Un centro hospitalario acabado de nacer tamén, tan só dez meses atrás



As habitacións, ben deseñadas e equipadas, mesmo parecían nórdicas
Nesta foi onde transcorreron os primeiros días dunha Selma cambiante
O rostro ía mudando en cuestión de horas, recompoñéndose tras o parto


Ao tempo que comezaba a perder lanuxe, a fronte estaba a redondearse
Dun día para outro transformábase a súa faciana dun xeito espectacular



Aos catro días do seu nacemento xa lles deron a alta á meniña e a Marta
Daquela retornamos ao noso tranquilo fogar para iniciarmos unha vida nova
Cuns horarios estritos, adaptados ás necesidades dun ser de medio metro
-Alguén que non distingue entre día e noite e só sabe do xantar e da sesta-



Esta é unha das súas posturas favoritas, coa que bota gases e logo dorme
Aquí ollamos un detalle da morenaza que nos está a conquistar o corazón



Outro dos seus momentos predilectos ao longo do día é despois do baño
-Cando a secamos coa toalla e lle damos cremiña hidratante sobre a pel-
Só me queda lembrar ese grande instante no que se fixo algo máis maior
Refírome a cando, xa con oito días, lle caeu o reseco cordón do embigo

02/09/11

O nome da nosa filla



O nome da nosa filla significará, ao mesmo tempo, "paz" e "protección divina"
Será un nome admitido como galego, aínda que de moi diversas procedencias
E compartirao nada menos que coa primeira gañadora do Nobel de Literatura
-Esta muller cuxo retrato aínda hoxe figura nos billetes suecos de vinte coroas-



O seu será tamén o nome da personaxe protagonista dun filme de Lars Von Trier
Unha muller, nai, traballadora e mais invidente, interpretada pola cantante Björk
-Autora, á súa vez, das cancións da homónima banda sonora orixinal da película-



Compartirá nome tamén coa actriz coprotagonista de dous filmes sobre Hellboy
E mais cunha das irmás xemelgas de Marge, da serie de animación dos Simpson
-En concreto, a que ten o pelo en forma de "M", letra presente no nome da nena-



Levará tamén o nome do monstro que vive no lago Seljord, ubicado en Noruega
E chamarase como outro lago máis, este outro situado no estado de Pennsylvania



Tamén se chamará como o concello suízo menos habitado, no cantón dos Grisóns
E incluso se nomeará do mesmo xeito que un cráter localizado no distante Venus



Se a estas alturas aínda non sabes como se vai chamar, voucho poñer máis claro
Responderá ao mesmo nome que a protagonista dun libro escrito por Jutta Bauer
Trátase dunha ovelliña que non cesa no empeño de indagar na busca da felicidade


Benvida ao mundo



Esta criaturiña é a filla que acabamos de ter Marta e mais eu
Naceu onte, pasadas xa as once e media dunha longa noite
A nena pesou xusto o mesmo ca min cando viñen ao mundo
Aparentemente tamén é morena, tranquila e con certo xenio
O parto foi natural, inducido con prostaglandinas e oxitocina
Unha vez posta a epidural, a dor remitiu e a nai logo deu a luz
Daquela comezamos a respirar tranquilos e a darlle a benvida
Axiña abriu os seu grandes ollos e comezou a inspeccionarnos
Nunca esquecerei o seu aroma de neonata, como a palla seca
Ficamos exhaustos, tras vivir unha experiencia única, completa
Así que arestora descansamos como podemos, no día despois
Aínda así, quixera agredecer os apoios de todos estes meses

Barbie, Cine e Moda

  Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda...