Co gallo do Xacobeo, a corte compostelá tivo a ben organizar unha mostra sobre os reis de Exipto
E que mellor lugar para unha exposición así que unha obra faraónica como é a Cidade da Cultura de Galicia
En concreto, no museo do Centro Gaiás, onde xusto antes da pandemia puidemos ollar "Galicia, un relato no mundo"
Desta volta, saltamos do Miño ao Nilo para coñecer mellor a fascinante cultura do antigo Exipto, que perdurou durante milenios
Na cúspide da pirámide de poder militar e relixioso desta civilización figuraban os faraóns
Foron máis de trinta as dinastías que gobernaron o imperio exipcio entre os períodos arcaico e ptolemaico
Esta estatua de pedra do deus solar Ra-Horakhti, feita nos tempos do bíblico Ramsés II, data do século XIII antes da nosa era
Estoutro busto de granito negro, que representa a deusa Sekhmet, data do século anterior
Máis antigo aínda é este retrato do cortesán Senenmut, coa princesa Neferure no colo, que contempla miña filla
Este babuíno en crequenas foi feito de cuarcita vermella pola mesma época
Pode simbolizar diversos deuses, coma Ra ao mencer ou Thoth, divindade da escritura
Abaixo, vemos varias figuras acompañadas de textos biográficos sobre os persoeiros representados
A mostra acompáñase de recursos audiovisuais que explican o contexto xeográfico e histórico
Conta ademais con diversos fragmentos de relevos policromados do Val dos Reis, de hai uns 3.300 anos
Este papiro de Abusir, escrito hai preto de 4.500 anos, é un dos máis antigos que se conservan
Tamén se expoñen diversos accesorios propios dos gobernantes exipcios, como aneis, cetros ou flaxelos
Esta é unha perruca dunha estatua real, do Reino Novo
Máis recente é a estela que se encontra debaixo, da época helenística
Representa a Alexandre Magno cando era faraón de Exipto, xunto co touro Bukhis
Froito do espolio ou non, as 140 pezas expostas pertencen ao Museo Británico
Grazas á corte xacobea, poderanse visitar ata mediados de agosto no non menos suntuoso Gaiás
Ningún comentario:
Publicar un comentario