A mostra 'Galicia, un relato no mundo' está a ser a máis visitada do país este inverno
Á súa vez, a escultura 'Santa', de Asorey, é a máis buscada entre as máis de 300 pezas expostas
Non sen razón, posto que esta icona da muller rural galega levaba preto de 70 anos sen pisar a nosa terra
O autor concorrera a un certame en Madrid en 1926 con esta talla e co San Francisco, co que recibira o primeiro premio
A santa emigrou en 1951 ao Uruguai, mentres que o santo dá actualmente a benvida á segunda planta do Museo Provincial de Lugo
Obra doutro escultor cambadés, Narciso Pérez, é este 'Guerreiro Celta' de 1928
Foi cedido polo Museo Provincial de Pontevedra precisamente para dar a benvida á exposición
A escultura inspírase nos guerreiros galaicos que chegaron ata os nosos días, coma este vido dende Lisboa
A peza, esculpida en granito, amosa unha caetra, o escudo redondo característico das hostes da Gallaecia prerromana
Outra das primeiras pezas expostas é a reprodución dun relevo altoimperial descuberto en Anatolia
Nel pódese ler, en caracteres gregos, "Ethnos kallaikon", que literalmente significa "Da nación dos galaicos"
O orixinal forma parte do Sebasteion de Afrodisias, onde tamén se alude a outros países conquistados polos romanos
Na mostra, tanto os máis pequenos coma os maiores poden facer uso das novas tecnoloxías para se situaren no templo helenístico
O recursos tecnolóxicos teñen, de feito, unha grande importancia na mostra
Aprovéitanse, por exemplo, para situar diferentes elementos culturais da antigüidade
Ou para comprender mellor os primeiros mapas en que se fai alusión ao territorio galego
Abaixo, vemos un panel sobre Exeria, a escritora e viaxeira galaicorromana, e mais a súa obra
Outro manuscrito que se pode ollar na mostra é a Biblia Kennicott
Foi rematada na Coruña a finais do século XV, antes da expulsión dos xudeus
E da catedral de Ourense tróuxose esta Santa Mariña atribuída a Cornelis de Holanda
O comisario da mostra, Manuel Gago, alude nunha novela súa a unha talla renacentista moi similar
Refírome a 'O anxo negro', en que tratan de recuperar unha Santa Mariña que foi espoliada na Costa da Morte
Élle pois, de agradecer, o traballo para que pisen solo galego obras coma o Cancioneiro da Vaticana ou o Lebor Gabála
A exposición percorre as diferentes etapas que atravesa a historia do pobo galego
Dá conta do longo reino medieval ou da enorme relevancia das peregrinacións a Compostela
Verbo dos Séculos Escuros, bota luz sobre unha das figuras máis senlleiras, o Conde de Gondomar
Tamén dedica un espazo á inmensa colección de obras de arte que posuían os poderosos condes de Lemos
Do século XIX, amósanse obxectos de importante valor histórico, coma a bandeira do Terzo de Galegos de Bos Aires
Boa parte da mostra trata de explicar o fenómeno da emigración, sobre todo ás Américas
Entre diferentes recreacións, pódense oír algunhas das gravacións máis antigas das músicas da diáspora
Xa no tempo actual, coa ollada posta no futuro, fálase da importancia da lingua para a continuidade do noso propio relato
A exposición poderase visitar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, e de balde, ata o vindeiro 12 de abril, Domingo de Pascua
Ningún comentario:
Publicar un comentario