29/05/15

Árbores autóctonas



O bo de residir nunha cidade cun cinto verde é vivir rodeado de natureza
Lugo está, literalmente, envolto entre verdes teas de fragas e carballeiras
Miño arriba, discorre en paralelo ao río o paseo de Ombreiro, abovedado
Decórano artesóns con auténticos motivos vexetais, pólas de frondosas
Pola mesma beira do pai Miño chégase ao famoso parque de Marcelle
Alí agárdanos este impoñente carballo de preto de 30 metros de altura



O carballo común (Quercus robur) é a especie máis abundante na bisbarra
Ocupa boa parte das masas arbóreas da reserva de biosfera Terras do Miño
As súas follas lobuladas son as que pintan agora a paisaxe dun verde vivaz




Similar ao carballo común, aínda que máis pequeno, é o cerquiño ou rebolo
-Quercus pyrenaica, cuxos especimes ao lonxe se ven dunha cor máis clara-
As súas follas distínguense polos lobos máis marcados e por teren lanuxe




Algunhas das maiores concentracións de frondosas atópanse onda os ríos
É o caso dos castiñeiros, que poboan as beiras do Miño con pequenos soutos
Fortemente aclimatados, foron traídos xa hai milleiros de anos polos romanos




Neste tempo os castiñeiros xa teñen flores, chamadas candeas
Unha vez polinizadas, darán ourizos con castañas no seu interior



Outra frondosa que dá uns froitos aprezados polo seu sabor é a nogueira
Trátase da árbore autóctona máis común no centro da cidade amurallada
Velaquí están as follas enteiras desta especie desaproveitada hoxe en día
-Apenas se está a sacar partido das noces ou da súa excelente madeira-




Outra árbore aprezada pola súa madeira é o non menos abundante pradairo
Dá unha boa leña e tamén se aproveita para fabricar instrumentos musicais
Estas inequívocas follas son dun exemplar situado xunto aos hortos do Rato



O bidueiro común figura entre as árbores máis correntes de toda a área
Dístínguese pola súa esvelteza e mais pola súa característica casca alba
As follas, serradas, teñen o perfil das picas, e tamén lle florecen candeas
A súa madeira, fácil de labrar, úsase para facer zocas ou afumar queixos 




O teixo é outra das árbores doadas de atopar polo centro de Lugo
Trátase dunha conífera moi lonxeva e de crecemento bastante lento
Non en van, algunhas das máis senlleiras teñen ata mil anos de idade
Son, logo, de canda os templos medievais aos que adoitan dar sombra
Todo no teixo é tóxico agás o chamativo aro encarnado dos seus froitos
Por outra parte, a súa dura madeira usouse para fabricar arcos e culatas




Esta sebe é de buxo, cunha madeira aprezada por ser á vez leviá e resistente
Coma o teixo ou o acivro, trátase dunha especie recorrente en usos ornamentais
Este último arbusto, o acivro, ten follas dentadas e froitos redondos e vermellos




Estes acivros encóntranse no Paseo do Rato, un longo parque periurbano
Nel están presentes exemplares das principais especies arbóreas de ribeira
Comezando polo amieiro, que é a máis común e recoñecible de todas elas




As follas que se ven arriba están sas, ao contrario ca estas últimas
Unha praga de larvas dun escaravello leva anos matando os amieiros
Na foto de abaixo, vemos un exemplar seco xunto a un álamo ou chopo



Outra área recreativa próxima a Lugo é a carballeira de Santa Isabel
Encóntrase en Outeiro de Rei, na confluencia dos ríos Miño e Ladra



Aquí hai unha fermosa praia fluvial natural na que abundan os salgueiros
As follas do máis común, o salgueiro negro, teñen as follas lanceoladas




Tralos salgueiros e amieiros, outras especies integran o bosque de ribeira
O freixo é un dos máis comúns, con follas compostas de pequenos folíolos
Logo está o sabugueiro, moi recoñecible nesta época por estar en floración



Confésome un namorado da flor do sabugueiro e do seu recendo
Chegado o outono, dará unhas bagas cun alto contido en vitamina C
-Crúas son tóxicas, polo que deben ser cociñadas para o seu consumo-
Algo semellante ocorre co capudre, unha árbore máis propia da montaña




Pasando xa ás árbores froiteiras, a cerdeira é unha das máis abundantes
A partir deste tempo, comezan a madurarlles as cereixas ás da contorna
-Outras especies con froita de óso son as ameixeiras ou os pexegueiros-



Outra froiteira moi cultivada dende a Terra Chá ata Chantada é a maceira
-Coas mazás faise unha saborosa sidra que cada vez gaña máis renome-
Na comarca tamén se poden atopar pereiras, nespereiras ou marmeleiros
 Ou as figueiras, cuxas pólas adoitan cubrir os valos para dar sombra e figos




Por último, non quixera deixar de mencionar os piñeiros bravos
As reforestacións foron abrindo o paso a outras especies, alóctonas
E ata aquí chega este repaso polas principais árbores propias do país
Todas cantas figuran enumeradas están presentes nos arredores de Lugo


29/04/15

Árbores ornamentais



Xa estamos no medio da primavera, a piques de celebrar a festa dos Maios ou Beltane
É nesta época do ano cando tamén florecen as árbores que ornamentan as nosas rúas
A maioría corresponden a especies exóticas, orixinarias sobre todo do Extremo Oriente
Unha das máis comúns, o abruñeiro dos xardíns, floreceu xa en Lugo no mes de marzo
Na foto vese un exemplar da variedade pissardii que se encontra no parque de Rosalía
Tras a efémera floración, as características follas de cor granate cubrirano ata o outono



Outra árbore ornamental abundante nas cidades é o kanzán (prunus serrulata 'kanzan')
Florece con profusión neste mes de abril coa mesma rapidez coa que lle caen os pétalos



Un arbusto ornamental moi común nas nosas rúas é a photinia (photinia fraseri 'red robin')
As flores, brancas, saen en mestos corimbos, mentres que as follas se volven encarnadas




Tampouco acada moita altura a chamada árbore do amor ou de Xudas (cercis siliquastrum)
As florciñas, cuxa cor varía do rosa ao morado, son comestibles, e as follas de gran tamaño
Nesta imaxe podemos ver uns cantos exemplares que adornan o barrio lugués da Milagrosa




Este soberbio exemplar de magnolio encóntrase nos xardíns do Museo Provincial de Lugo
Outras zonas da urbe, como esta das Casas Baratas, locen numerosos especimes novos



Nas mesmas rúas abundan tamén as camelias, cuxas flores a estas alturas xa están a murchar
A camellia japonica, moi corrente no noso país, conta con auténticos santuarios nalgúns pazos



Nesta época agroman algunhas árbores importadas de América para o seu uso ornamental
É o caso do carballo americano (quercus rubra), que na foto vemos na praza maior de Lugo
A follaxe desta frondosa adquire fermosas tonalidades arroibadas durante o tempo de outono
-O mesmo lle acontece ao pradairo americano, acer rubrum, tamén moi presente nos parques-
Ou o liquidámbar (liquidambar styraciflua), cuxas follas logo tornan amarelas e mais vermellas





Xa que falamos da praza Maior de Lugo, esta é coñecida polas súas sóforas (sophora japonica)
Comparten algo coa robinia (robinia psudoacacia) e coa acacia americana (gleditsia triacanthos)



Conforman o club de especies arbóreas que en terras galegas son denominadas falsas acacias
Na instantánea de abaixo avístanse os brotes dunha das robinias residentes no parque de Frigsa



Outra árbore habitual nos nosos parques e xardíns é o castiñeiro de Indias ou das bruxas
As follas desta especie (aesculus hippocastanum) brotan antes cás frondosas autóctonas



Remataremos co xingko (gingko biloba) este repaso polas principais árbores decorativas
Malia ser caducifolio, este fósil vivente figura entre as ximnospermas, coma as coníferas
As follas, cunha inconfundible forma de abano, polo outono adquiren un ton amarelo vivo
Trátase, coa súa presenza, de alegrarnos a vista e de facernos a vida algo máis levadeira


29/03/15

Lepismas



Agora que chegou a primavera, neste caixón de xastre queremos dedicarlle unhas liñas á bichería
Xa nos temos ocupado da entomoloxía en anteriores ocasións, como cando abordamos a grilotoupa
Desta volta, imos achegarnos á lepisma ou peixiño prateado, unha especie realmente extraordinaria
Trátase, literalmente, dun hexápodo de andar pola casa, pero non por iso resulta menos fascinante
Para empezar, cómpre ter en conta a súa antigüidade, posto que estamos a falar dun supervivente
Estímase que a especie ten uns 400 millóns de anos, máis cós dinosauros e tanto coma os tiburóns


Ao contrario ca outros insectos máis evolucionados e sen ás, este fósil vivente nunca chegou a voar
Cómpre destacar tamén a súa lonxevidade, xa que pode vivir ata oito anos, o dobre cá abella raíña
Nese tempo, pode mudar unhas oito veces o seu exoesqueleto, prateado a partir da terceira muda


Os seus hábitos alimentarios e mailo seu particular xeito de se reproducir non causan menor pasmo
A lepisma saccharina recibe este nome científico pola súa especial predilección polos carbohidratos
É, de feito, un dos dous únicos animais cun enzima propio, a celulasa, capaz de degradar a celulosa
De aí que poida converterse nunha praga se chega a criar nunha biblioteca e non se toman medidas
Así o ilustra nesta viñeta o ilustrador catalano-aragonés Zoel Forniés, bo coñecedor da problemática


En canto á vida sexual deste singular insecto, non podería parecer menos alieníxena aos nosos ollos
O macho pendura dun fío un espermatóforo cara ao que guía a femia mediante manobras de cortexo
Unha vez collido o saco cos apéndices sensoriais do abdome, elas introdúceno na súa abertura xenital
Outra característica que distingue a lepisma é a súa fotofobia, polo que adoita actuar con nocturnidade
Como hai xente para todo, iso non impide que haxa quen se decida a adoptar o bicho como mascota
Pero o máis habitual é optar por lidar con estes primitivos amigos, que non son fáciles de exterminar


28/02/15

Cancións para nenos



A paternidade permitiume descubrir todo un movemento musical en plena efervescencia
Refírome á nova canción infantil galega, hoxe un dos motores da nosa industria cultural
O colectivo María Fumaça, capitaneado por Uxía Senlle, é un dos baluartes neste xénero
Esta versión dunha cantiga brasileira, "A formiguinha", figura entre os seus maiores éxitos


Mención especial, neste disco homónimo, para os poemas musicados de Manuel María
O seguinte álbum de María Fumaça, "Xique Xoque, Fiú Fiú!", catapultou este proxecto
Nel participan unha morea de músicos e de nenos, que enchen escenarios alí onde van
-E tamén auditorios, como tivemos oportunidade de comprobar xa en varias ocasións-
O tema "Manola" pertence a esta segunda entrega dunha banda atípica mais exitosa




Tamén "Medomedá", escrita por un dos seus maiores activos, o compositor Magín Blanco
Este artista converteuse, de feito, nun dos autores máis valorados da música infantil galega
-Tras case 25 anos de carreira no rock, en 2012 foi homenaxeado no disco "Doutor Apertas"-
E o seu primeiro álbum para raparigos, "A nena e o grilo", nun referente na súa posta ao día




Tanto é así que o disco tivo a súa continuación na obra "A nena e o grilo nun barquiño"
A acollida que recibiu foi aínda máis calorosa por parte do público ao que vai dirixida
-O último traballo, "Gatuxo", xa aposta por cativos incluso máis novos, de 0 a 3 anos-
No vídeoclip dun dos temas, "Todos somos capitáns", participan a nena e mailo grilo
-Léase os membros de Teatro Ghazafelhos que encarnan os protagonistas do libro-




A preciosa canción de berce "Soñar" é outro dos suxestivos temas deste libro de contos
Tamén o "Roncarol Dragón", cun vídeo realizado para a súa emisión no Xabarín Club
No mesmo programa emitiuse acotío este outro videoclip dun tema de Xoán Curiel
-Quen precisamente fora o primeiro en encarnar o grilo na súa primeira versión-





O espazo infantil Xabarín Club acolleu tamén vídeos como estes do grupo Migallas
O programa da canle pública foi, de feito, o precursor deste fenómeno emerxente
Aló polos 90 comezara a botar cancións feitas ex professo para os máis pequenos




Este outro vídeo, de As Maimiñas, ofreécenos outra vertente menos tradicional do xénero
Pertence ao segundo álbum da súa discografía, que se chama "Unha viaxe polo mundo"


Un dos artistas máis laureados é Pablo Díaz, gañador na última edición dos Martín Códax
O disco "Toc Toc", o segundo na súa carreira, valeulle o galardón ao mellor álbum infantil
A versión da peza "O piollo e a pulga" dá conta do traballo deste estudoso do noso folclore



Outro renovador do sector é Paco Nogueiras, responsable do supervendas "Brinca Vai!"
-O libro conta ademais con excelentes ilustracións de David Pintor, o de Pinto & Chinto-
Partindo de diferentes estilos musicais, o artista soubo entrelazalos coa tradición galega
De exemplos, temos as cancións "No Samaín", "O Apalpador" e mais "Meu o mundo é!"




Á parte das que levo comentado, xorden cada vez máis voces no eido da canción infantil
Son xa unha pléiade de artistas, moitos provenientes do folk, do rock ou dos contacontos
Os ex-compoñentes da banda Berrogüetto, por exemplo, colaboran en varios proxectos
É o caso de Santi Cribeiro en María Fumaça ou de Quim Farinha en "Pitusa Semifusa"


A propia autora deste último disco, Olga Brañas, procede igualmente do mundo do folk
Mención especial tamén para o ilustrador, Leandro Lamas, autor doutros traballos afins



Salientar tamén obras coma o libro-DVD "Contos en cantos", de Almudena Janeiro
-Con versións musicadas de historias tan populares como Cocorico ou Chocolata-
Ou os catro álbumes que xa sacou ao mercado o grupo Pirilampo da man da ASPG



Non debemos rematar este sucinto repaso sen mencionar os pioneiros neste fenómeno
Fálovos dun grupo con case unha ducia de álbumes ás súas costas nos últimos 15 anos
A banda liderada por Gloria Mosquera, Mamá Cabra, foi a primeira en reencher este oco
Comezaron cando aínda ninguén se centraba en compoñer en galego para os máis novos
É dicir, decatáronse da demanda que existía entre o público e mais souberon satisfacela
Foron abrindo o camiño para que outros artistas puidesen crear para as xeracións futuras



Futuroscope

Tres sílabas ten xa o número de anos que nos fai hoxe mesmo a rapaza Neste verán aínda inconcluso decidimos levala de viaxe a un lugar moi e...