08/06/16

Artefactos



A mostra 'Artefactos' reúne unha vintena de obras do escultor Suso Gómez
Pode ollarse en Exposalnés, en Cambados, de onde é natural o propio artista
Como se dun demiúrgo se tratase, o autor crea todo un universo de novos seres
Conségueo a partir de elementos cotiáns reordenados, como billas, mallas ou cables
O resultado: composicións únicas, orixinais, consistentes en criaturas insufladas de vida




Os billafantes constitúen algunhas das súas propostas máis identificativas
Con corpo de granito puído, as cabezas parten de pezas de fontanería reutilizadas



O humor e a sátira non faltan nestas expresións artísticas
Tal é o caso deste 'Retrato robot en 3D do fulano que organizou o 23-F'




Na inauguración da mostra alguén rompeu nun descoido esta 'Botella Biónica'
O autor tomouno con filosofía e recompuxo a obra rodeándoa cunha malla metálica
Lonxe de se desconcertar, soubo aproveitar a ocasión para levar máis alá a creatividade




Neste blog seguimos os pasos do escultor Suso Gómez dende os seus comezos
Hai anos, demos conta da súa participación nunha colectiva na mesma sala de exposicións
E antes, aludimos ao éxito doutra colectiva, 'Conexións', onde tamén figuraba esta obra homónima




Como amante declarado da ciencia-ficción que é, o artista emula o doutor Victor Frankenstein
Tanto lle dá unha segunda oportunidade a un contador como a un expremedor de laranxas metálico




O anterior contador, trifásico, tiña por nome 'O primo de WALL·E'
Este outro forma parte dun 'insecto' instalado á beira mesmo dun enchufe



Bichos non menos curiosos son estas pedrarañas de longas patas e ollos vítreos
Denomínanse 'Insectos Espiñeiros', coma o topónimo relativo á punta do esteiro do Umia



Seguindo coa bichería, sobre estas liñas temos unha 'Crisálida' de granito
Debaixo, o 'Nenopedra', nacido a partir dunha rocha e mais un bioneco reutilizado




Despiden a exposición estas outras obras, non menos engaiolantes
Con elas, o autor pregúntase se lles rezan os androides aos deuses eléctricos
Esta suxestiva mostra poderá visitarse no centro cambadés ata o vindeiro 3 de xullo
E, en todo caso, os artefactos de Suso Gómez tamén se poden ver na galería da súa web


07/05/16

O cadro da parella



Velaquí o último cadro que rematei, chamado 'A parella'
Regaleillo á miña compañeira, que hoxe mesmo fai 40 aniños
Como se pode ollar, a pintura consta de dúas metades entretecidas
Nelas destacan senllas figuras alusivas a diversas características sexuais
Simbolizan, ao meu ver como autor, a atracción mutua entre ambas as dúas 
Un paso máis alá na súa interpretación, identifícanse os catro elementos clásicos
Representan a integración natural das personaxes nun todo alén da suma das partes




Por aquilo do contraste harmónico, escollín un marco azul para a obra
Dende o Día da Nai, o cadro está colgado na parede dun dormitorio na Coruña
Trátase do cuarto de Marta na casa dos seus pais, que son os meus venerables sogros


06/04/16

Cos Wyeth no Thyssen



Hai uns días tivemos a ocasión de visitar unha exposición temporal no Thyssen
Tratábase da primeira retrospectiva en Europa dos pintores Andrew e Jamie Wyeth



Pai e fillo, figuran entre os máximos expoñentes do realismo americano do século pasado
A autoría destas primeiras obras que aquí se mostran corresponden a Andrew, falecido en 2009



Dou fe de que esta foto do 'Descenso do río' non lle fai xustiza ao cadro
Neste enlace do propio museo pódese observar a pintura en maior detalle
O fillo de Andrew, Jamie, tamén retratou a beleza natural de Nova Inglaterra
Tal sería o caso deste 'Tronco do río' ou de 'O habitante da illa', xusto embaixo





Jamie Wyeth (un inciso: léase case como 'Uáiez') realizara unha curiosa serie
Empregando as gaivotas como motivo, atrevérase a ilustrar os sete pecados capitais
E, ao igual que fixera o seu pai con el de neno (véxase o primeiro cadro), retratouno a el




A mostra poderase contemplar durante toda a primavera
Unha vez vista esta retrospectiva, visitamos o resto do museo
O Thyssen-Bornemisza é a maior pinacoteca privada da Península
Das súas paredes colgan dende pinturas medievais ata obras de arte pop



A efixie de Giovanna Tornabuoni, de Ghirlandaio, é un dos símbolos do museo
 Tamén o podemos considerar este retrato de Henrique VIII feito por Holbein o Novo




Na exposición permanente permitíase o uso de cámaras
Así que aproveitei para captar os cadros cos seus propio marcos
O de arriba é 'A ponte de Waterloo', pintada por André Derain en 1906
Os de abaixo, de sobra coñecidos, corresponden a Picasso, Dalí e Mondrian




A última pintura do Thyssen que vou deixar aquí é esta 'Muller no baño'
Realizada por Roy Lichstenstein en 1963, a obra elevouse á categoría de icona


01/03/16

Retoque Retro



Os integrantes do colectivo artístico coruñés Retoque Retro achegaron a Lugo as súas obras
Esculturas e 'paus mariñeiros' están a ser expostos en Iskoö, na mostra "De crebas ou historias do mar"



Retoque Retro está formado pola restauradora Ana Lee, o escultor Javi Serantes e a pintora Isa G
Sobre Isa recae o peso dos paus mariñeiros, táboas levadas polas ondas e convertidas en pezas únicas




As madeiras transformadas en seres mariños tamén ocupan un importante espazo na mostra
É o caso do 'Fish Patrick', un bo peixe de marcado carácter británico, co seu chapeu e a súa pipa




As esculturas de pé teñen tamén presenza nesta mostra do saber facer de Retoque Retro
Entre elas hai pezas de exquisita feitura, como esta que temos aquí na que predomina a cor turquesa



Na galería expóñense traballos para todos os gustos, e tamén para todos os petos
Dende os paus mariñeiros máis sinxelos, a 30 euros a peza, ata esculturas por 2.000 euros




'De crebas ou historias do mar' vai máis alá da temática mariña anunciada
A reivindicación da vida e das súas distintas formas é un denominador común nas obras




A mostra estará aberta na galería Iskoö de Lugo ata mediados de mes
Así que se poderán ollar ata daquela estas 60 pezas feitas con materiais reciclados



Futuroscope

Tres sílabas ten xa o número de anos que nos fai hoxe mesmo a rapaza Neste verán aínda inconcluso decidimos levala de viaxe a un lugar moi e...