05/04/18

Do Porto a Lisboa


A semana pasada aproveitamos para visitar o centro de Portugal
Partindo do Porto, fomos ata Lisboa, pasando por Aveiro e por Coímbra
Moito mudou a primeira das cidades, que había quince anos que non pisabamos
Vímola máis explotada para o turismo, tanto na Ribeira como para acceder á librería Lello




A Selma, que vía por vez primeira o Porto, encantoulle o funicular
Como tamén lle gustaron as casiñas a raias de cores de Costa Nova, en Aveiro
Pero ela do que di que máis gozou foi do buffet do hotel onde pasamos a primeira noite




No centro de Aveiro puidemos ver as embarcacións turísticas da zona
Semellantes ás rabelas do Porto, proa e popa engalánanse con estampas de corte humorístico




Tamén visitamos a longa praia da Barra, na costa exterior da cidade
Dende Aveiro dirixímonos a Coímbra, coa visita de rigor ao Portugal dos Pequenitos
Como este parque merece un capítulo á parte neste blog, outro día falaremos del máis polo miúdo




Unha das áreas temáticas do parque é a propia cidade de Coímbra
Sobre estas liñas, vemos en miniatura a praza da Universidade que visitamos despois




Tamén vimos a Sé Velha, onde imaxinamos o sancristán da famosa canción a facer das súas




Un dos principais atractivos de Coímbra é o ambiente do centro histórico
Coma noutras cidades lusas, a súa orografía fai que teña costas ao estilo Minas Tirith




Os doces pascuais constitúen outro dos reclamos da urbe
Dende alí fomos xa cara a Lisboa, onde visitamos o castelo de São Jorge




Baixando cara á Alfama, gozamos da música que estaba a tocar unha banda




Logo baixamos nun auténtico tranvía histórico cara ao centro da cidade
Por suposto, o mellor de todo foi ver ilusionada a Selma co paseo no bondinho
Levounos xusto ata a praza da Figueira, á beira mesmo do hotel onde nos hospedamos




Na Baixa, visitamos unha tenda especializada na venda de latas de sardiña
Tratábase de O Mundo Fantástico da Sardinha Portuguesa, con decoración steampunk
Polo demais, gozamos da monumentalidade neoclásica lisboeta, que exemplifica o arco da Vía Augusta

24/03/18

David Bowie no MIHL



Nas salas do MIHL, en Lugo, estase a expoñer unha importante colección sobre David Bowie
A mostra, que chega dous anos despois da morte do artista, homenaxea a súa  figura maila súa obra
Integrada por máis de medio milleiro de singles e LPs, a exposición comeza polos traballos máis temperáns
É dicir, de finais dos 60, cando o músico aínda non mudara un nome que coincidía co do cantante de The Monkees




Séguenlles os 25 álbumes de estudio que sacara en solitario o autor inglés
Dende o David Bowie de 1967 ata o Blackstar, que precedeu dous días o seu pasamento




Durante a súa longa traxectoria, Bowie publicara máis dun cento de singles e maxi singles
Neles non desaproveitou a oportunidade de colaborar con innumerables artistas de todos os xéneros musicais




As pezas pertencen ao coleccionista Carlos Lúxor, alter ego do músico leonés Carlos Antonio Suárez
Ademais de discos de estudio e singles, tamén recolle edicións pirata e vinilos flexibles coas obras de Bowie
Un apartado especial é o relacionado cos traballos cinematográficos do autor, dende actuacións ata bandas sonoras




Algúns dos seus papeis máis coñecidos sons os dos filmes Bo Nadal, Mr Lawrence e Dentro do Labirinto
Destes traballos, a colección tamén ten numerosas pezas, que figuran entre o abundante merchandising sobre o autor




A colección que Carlos Lúxor atesoura complétase con diversas obras realizadas por diferentes artistas plásticos




Fun ver esta exposición xa en dúas ocasións, e en ambas había público a ollala
Quen aínda non tivese oportunidade, poderá visitala no museo lugués ata finais de abril 


23/02/18

Paisaxes de Lugo (II)



Hai un ano publicaba unha serie fotográfica con paisaxes das terras de Lugo
Esta nova entrega comeza co último lugar retratado, as ruínas de Castro Candaz
Desta volta, as instantáneas seleccionadas corresponden só aos últimos doce meses
Mais, coma no primeiro post, todas as imaxes foron captadas co meu móbill nas coberturas




Este banco con vistas ao mar encóntrase nunha praia de Barreiros
Pola súa parte, o soberbio rebolo de arriba está situado xunto aos canóns do Sil
No medio, hai un vasto territorio que cubrir, cunha área de case 10.000 quilómetros cadrados
Baixo estas liñas, vemos algunhas embarcacións no porto de Burela e unha granxa de rubia galega en Friol




Esta paraxe cuberta de neve encóntrase nas inmediacións da Fonsagrada
Tamén na montaña, Navia de Suarna é coñecida pola ponte romana ou polo seu castelo




De todas as fortificacións, a que mellor se encontra é a torre de Xiá, en Friol
Tamén coñecido como o castelo de Narla, xa temos falado abondo del neste blog
Tamén da muralla romana de Lugo, por onde adoito pasear sobre todo de volta do traballo
Debaixo, vese un detalle da fachada do mosteiro de San Vicente, no monte homónimo de Monforte




O Miño cruza o territorio mencionado de norte a sur, como ocorre co resto do país
Portomarín ou Lugo ofrecen algunhas das estampas máis coñecidas do paso deste río




Sobre estas liñas, vemos unha imaxe do bosque do balneario de Guitiriz
Embaixo, un drone a sobrevoar unha leira con grelos no tamén chairego Abadín




Esta explotación ecolóxica de razas autóctonas está situada na Pontenova
Nela conviven os burriños fariñeiros coas ovellas e cos carneiros da variedade galega




O Rato é outra das localizacións de luxo que se poden atopar no cinto verde de Lugo
Coas imaxes deste paseo concluímos a nova entrega da serie, que de seguro non será a derradeira


Futuroscope

Tres sílabas ten xa o número de anos que nos fai hoxe mesmo a rapaza Neste verán aínda inconcluso decidimos levala de viaxe a un lugar moi e...