28/01/16

O Veral



Un dos lugares con máis encanto dos arredores de Lugo é O Veral
Por esta parroquia próxima a Friol transcorre a "Ruta das Chousas"
Trátase dun itinerario duns catro quilómetros de gran valor ecolóxico
Comeza pola beira do río Mera, un afluente do Miño de suma beleza




Onda o punto de partida da ruta hai unha insua cun gran carballo no medio
Cabo del está a Aula da Natureza do Veral, dedicada á educación ambiental
E da outra beira encóntrase unha planta de cría de troita para repoboar os ríos
Ao igual cá propia aula, a piscifactoría depende da Consellería de Medio Ambiente




Río arriba localizaremos unha antiga canteira de granito
Hoxe alberga unha pequena lagoa na que crían ras ou tritóns
Ademais, os membros dun club de escalada practican nas paredes



Da outra beira do río hai un centro de recuperación de fauna silvestre
Ao igual cá aula ou o criadeiro, as instalacións pertencen a Medio Ambiente



Na ruta tamén atoparemos uns muíños e alpendres en ruínas
De aí que este itinerario posúa ademais un certo valor etnográfico
O musgo ou os couselos cobren hoxe as edificacións usadas antano




A ruta recibe o nome das parcelas de monte cercadas con valos
Por entre elas discorre a senda que transitamos, de innegable feitizo
Tanto é así que en calquera intre pode aparecérsenos en diante un trasniño




Como refuxio de fauna que é, O Veral é un espazo natural protexido
Pero como non todo pode ser perfecto en ningures, topámonos con isto
No medio da ruta, á beira do camiño hai unha plantación recente de eucaliptos
Por se fose pouco, fóronos chantar ao lado mesmo duns cantos carballos centenarios




Aberracións puntuais á parte, O Veral ben merece unha visitiña periódica
A paisaxe é viva, cambiante, posto que vai mudando con cada estación do ano
Polo inverno cómpren catiuscas para transitar polos tramos máis enlamados da ruta
Polo demais, é un pracer facer sendeirismo tanto polo monte como pola beira do río Mera


23/12/15

Selma en 2015



Non tiña pensado editar un vídeo sobre as andanzas da miña filla no corrente ano
Pero resulta que o material é tan bo que se me fixo irresistible xuntar algúns recordos
Sobre todo das actuacións dos seus artistas favoritos ás que a nena tivo ocasión de asistir
É o caso de As Maimiñas, que coñeceu en Lugo polo Entroido e que xa idolatraba polo outono




A Gramola Gominola é un dos grupos que máis veces viu en concerto
Foi fundado por ex-integrantes de Mamá Cabra, outra banda da que foi asidua
Contra o verán puido ademais visitar os parques da natureza dos arredores de Lugo
Pasamos xornadas inesquecibles tanto en Avifauna como en Marcelle, en Outeiro de Rei
E nas vacacións puido gozar en Cambados da compaña dos seus curmanciños de Ourense




Xa no mes de setembro, a rapariga fixo os catro anos
-Ao igual cá súa nai a esa idade, Selma xa é capaz de ler-
Foi xusto antes de volver ao colexio e celebrar o San Froilán
Por outra parte, comezou a ir a clases de baile, música e teatro
No último mes tiven o gusto de coincidir con ela mentres traballaba
A ese día corresponde a última foto que aquí queda como lembranza


02/11/15

As vodas de ouro dos meus pais



Meus pais levan casados xa nada menos que medio século
Ambos cambadeses, a súa relación remóntase aos albores dos anos 60




Na foto superior, miña nai lévame no carriño a finais dos 70
Esta outra imaxe corresponde á celebración das súas vodas de ouro
Como non podía ser doutro xeito, estivo presente toda a súa descendencia
Meus irmáns e cuñados, meus sobriños, miña sobriña política, Marta, Selma e eu



Como se pode intuír, meus pais estiveron moi contentos de poder celebralo
Xubilados xa dende hai anos, procuran manterse activos dunha maneira ou doutra
Boa proba é o traballo que ambos veñen desenvolvendo como integrantes dunha coral
Neste vídeo meu pai é o quinto que se ve pola esquerda e miña nai é a cuarta pola dereita
Espero que sigan gozando de saúde para podérmonos xuntar de novo nas vodas de diamantes


05/10/15

Gando autóctono



As razas autóctonas protagonizaron a mostra agrogandeira Expolugo
Así que non desaproveitamos a ocasión para ver de preto os animais
Comezamos este repasiño por unha familia enteira de porcos celtas




A miúda ovella galega foi outra das razas presentes no escaparate
Un dos carneiros amosaba unha cornamenta realmente vistosa



Os criadores de OVICA tamén trouxeron exemplares de cabra galega





Pola súa parte, premiáronse nun concurso as mellores galiñas de Mos
Mailos galos máis lustrosos, que non deixaban de cantar para o auditorio


Se as galiñas non paraban de cacarexar, os vacas bramaban decote
As cachenas constitúen a raza bovina máis pequena do mundo
Así e todo, resultan rechamantes polos seus longos cornos



Na imaxe superior temos un par de bois de raza vianesa
Abaixo, unha vaca propia desta comarca do sueste galego



Este outro que vemos aquí é un fermoso exemplar da negra vaca caldelá
Xunto coa frieiresa e a limiá, as cinco razas bovinas encóntranse en perigo





A rubia galega corre actualmente mellor sorte que esas outras razas
Na mostra había unha ampla representación de vacas, touros e becerros




Os cabalos de pura raza galega tamén acudiron ao Pazo de Feiras
Algúns exemplares foron sacados a se luciren nunha exhibición
Pero en Expolugo puido verse algo máis que gando do país
Velaí un tractor autóctono da marca histórica Barreiros


Futuroscope

Tres sílabas ten xa o número de anos que nos fai hoxe mesmo a rapaza Neste verán aínda inconcluso decidimos levala de viaxe a un lugar moi e...