03/07/08

Aquelas tardes na Corniña

Cando lembro a miña infancia é no primeiro que penso: 
As tardes que pasaba na Corniña 
A Corniña é un lugar ás aforas de Cambados
 -Unha rúa entre Fefiñáns e a Modia, cara ao interior- 
Pero para min é moitísimo máis ca iso 
Adoitaba pasar tardes enteiras, día si e día tamén 
Dende que saía da escola ate que volvía á casa pola noite 
Ía sempre no coche co meu pai, moi contento de ir 
Alí visitabamos uns amigos, a familia de Xelo 
O seu fillo, Jose, era de canda min 
Ao igual que outros dous veciños da mesma rúa 
Un deles era Rafa, o Pelouro, e a outra era Anabel 
De feito, estudabamos os tres no mesmo curso 
O que son as cousas, tardei en decatarme deste detalle 
-Ou polo menos iso é o que recordo-: 
Eran os mesmos rapaces cos que compartía aula 
Supoño que con seis anos se ve o mundo doutro xeito 
E, dende logo, o tempo pasa doutra forma 
É máis, ignoro durante canto tempo non os relacionei 
O caso é que pasaba horas e horas enredando con eles 
En particular con Jose, o meu mellor amigo da infancia 
Xogabamos tanto na rúa como dentro da casa 
A vía tiña forma de U, e a casa encontrábase ao fondo 
Daquela poucos coches pasaban, así que a rúa era nosa 
Tratábase dunha contorna semirrural, con viñas e leiras 
Así que tamén estabamos en contacto coa natureza 
Aquela era unha infancia sa, sempre correndo e suando 
Non me custa nada verme corricando por alí: 
Un anano gordechiño co pelo liso cubríndolle a fronte 
Completamente despreocupado, vivindo unha nenez feliz 
Hoxe en día emociónome cada vez que rememoro aquela época 
-Aquela rúa onírica, o interior daquela casa acolledora- 
Un arreguizo percórreme a espiña cada vez que me acordo 
Como o boto de menos, sabedor de que non hai volta posible 
E que ben o pasaba naquela especie de Nunca Xamais... 
Este tipo de lembranzas non se poden expresar con palabras 
Son imaxes asociadas a sensacións e a sentimentos 
A estados de ánimo situados no máis fondo da memoria 
Que se funden coas fábulas e cos contos que lía daquela 
Lector voraz de min por aquel tempo, entre os cinco e os dez anos 
Logo viñeron os primeiros cambios fisiolóxicos 
E cos estiróns as responsabilidades tamén medraban 
Aquelas tardes fóronse facendo cada vez máis esporádicas 
Ate que un día desapareceran por completo 
Nestes vinte anos, a Corniña cambiou moito 
Agora pasa unha 'vía rápida' á beira, e a xente é ben distinta 
Sobre todo eu mesmo, seino -aínda que siga sendo case igual de tenro- 
Pero hai algo que sempre perdurará mentres eu viva 
E é o recordo entrañable dunhas tardes máxicas 
Tardes de parchís e de adiviñas, e de amizades eternas

Ningún comentario:

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...