Na última ponte regresamos a unha cidade que había eóns que non visitabamos
Fomos á monumental Salamanca, onde a pedra de Villamayor doura aínda máis a luz
En primeiro lugar accedemos á praza Maior, cos seus característicos soportais con medallóns
Coincidiunos que había feira do libro, así que aproveitamos para mercar e ler boas historias
Os nosos amigos Elena e Tury acompañáronnos aos sitios máis interesantes da cidade
Entre outros moitos lugares, levároronnos ao Horto de Calixto e Melibea, os personaxes da Celestina
Con eles, dirixímonos á Casa Lis, que celebraba unha xornada de portas abertas co gallo do Día dos Museos
Alí quedamos marabillados coas figuras de art nouveau realizadas con materiais nobres
Tamén coas vidreiras deste museo modernista, tanto no centro da casa coma na cafetería
A Cova de Salamanca e as catedrais, a vella e a nova, foron outros dos monumentos que ollamos
Esta cidade conta tamén con dúas universidades, unha delas a máis antiga da Península
En fronte á Clerecía, da Pontificia, encóntrase a Casa das Cunchas, hoxe unha biblioteca pública
Resultoume inevitable comparala coa casa homónima, aínda que posterior, situada na capital do Salnés
O seu patio podía verse dende a torre da Clerecía, a onde subimos máis tarde
Esta é unha foto que me sacou a pequena cando estabamos no alto
Dende alí, as vistas desta cidade Patrimonio da Humanidade son impresionantes
Como manda a tradición, na fachada da Universidade de Salamanca distinguimos a famosa ra
Deseguido, paseamos polo patio das Escolas Menores, do século XV
Na bóveda dunha antiga biblioteca contemplamos a réplica do chamado Ceo de Salamanca
Tamén visitamos o museo provincial, onde nos sorprendeu un artesonado mudéxar procedente dun convento
O Museo de Salamanca está situado na Casa de Abarca, un palacio do século XVI
Nel exhíbese unha boa colección de pintura, con obras que non nos deixaron indiferentes
Fomos tamén ao patio do Palacio de La Salina, sede da deputación salmantina
E en varias ocasións puidemos ollar a Torre del Clavero e a fachada do Convento de Santo Estevo
Antes de irnos, tivemos tempo de visitar o Barrio do Oeste, coñecido polas súas manifestacións de arte urbana
Tamén puidemos degustar algunhas das delicias locais, coma o 'hornazo', o 'farinato' ou o xamón ibérico de landra
A continuación, dirixímonos cara á Serra de Francia
Alí vimos algunhas vilas da zona, coma San Martín del Castañar
Sobre estas liñas, unha foto que nos sacou a pequecha xunto ao castelo
Dende este lugar albíscase a Peña de Francia, a onde subimos deseguido
No alto da montaña hai unha torre de comunicacións e mais un santuario
Dende esta altitude, a máis de 1.700 metros, as paisaxes esténdense ata perderse no horizonte
Entre os puntos que se divisan figura La Alberca, a vila máis coñecida da comarca
Na praza Maior topámonos cunha das cruces propias da zona, que son cruceiros en toda regra
O que máis chama a atención da arquitectura local son as armazóns de madeira recheas de adobe
Chegados a este punto, demos por concluída a visita a este extremo da parte norte da meseta central ibérica
Foi unha escapada da que sempre gardaremos moi grata lembranza, sobre todo grazas á atención que nos dispensaron as nosas amizades
Ningún comentario:
Publicar un comentario