01/09/19

Copenhague en familia


Nesta data tan especial, o un de setembro, a nosa filla fai oito anos
A pequena tivo este verán a sorte de visitar connosco a capital danesa
Copenhague adoita figurar nas listaxes das cidades máis felices do mundo
Non é de estrañar, tendo un dos paseos marítimos máis fermosos que existen
No Nyhavn recreamos a vista coas tan fotoxénicas casas de cores do século XVII




De paso que realizamos a visita obrigada á estatua da Sereíña, volvemos polo Kastellet
A contorna deste forte militar da mesma época có Nyhavn sorprende pola súa riqueza natural






Ao día seguinte visitamos a Rundetårn, que ten un corredor helicoidal
Oca no seu núcleo, a Torre Redonda foi tamén construída hai preto de 400 anos
A súa finalidade por aqueles tempos non era outra que servir de observatorio astronómico




Ademais, dende a parte alta ofrece unhas excelentes vistas da cidade




A praza de Amagertorv, coa Fonte das Cegoñas, é realmente o centro neurálxico de Copenhague
Dende esta zona dirixímonos cara aos lagos que circunvalan a cidade polo oeste dende o século XVI
Pola tarde, Selma tivo a oportunidade de navegar por vez primeira, e fíxoo vendo as canles que rodean a urbe




A bordo do barco vimos máis de preto algunhas das torres que definen a paisaxe da cidade
Tamén ollamos parte das innovacións arquitectónicas que Copenhague ofrece á vista do visitante
Durante o paseo, pasamos tamén á beira de Christiania, antiga área militar e barrio hippy dende os 70




Gran parte do atractivo da cidade radica precisamente na súa forte ligazón histórica co mar
De feito, son moi numerosos os barcos antigos amarrados ao morróns dos seus múltiples molles
En terra, outro reclamo turístico confórmano os sucesivos palacios que foron erixindo os reis daneses




O primeiro que visitamos foi o castelo de Rosemborg, do século XVII
Como coido que se pode apreciar nestas imaxes, o seu interior é moi  propio da época
Deseguido, percorremos a parte visitable do palacio de Amalienborg, a actual residencia dos monarcas




Por último, accedemos a Christiansborg, a anterior residencia dos reis de Dinamarca
Actualmente, esta é a sede do Folketing, o parlamento danés, e conta con diversos museos




Estes tapices alusivos á historia de Dinamarca adornan unha das maiores salas do palacio




O da cociña do palacio foi o museo que máis lle gustou a Selma
Alí podía tocar canto quixese, dende as potas e os cazos ata as verduras de xoguete
Na sala da repostería mesmo fixo unha 'amiga', que estaba a papar flan ás agachadas nun recuncho





A corte dos cabalos e as ruínas dos muros da fortaleza medieval tamén se poden visitar
Tamén é posible o acceso ao consistorio de Copenhague, moi recorrente nas series danesas




Moitas das escenas de Forbrydelsen e de Borgen foron gravadas aquí
Nestas series, coma en Bron/Broen, tamén son comúns os exteriores da comisaría
Así que, dalgunha maneira, Marta e mais eu xa estabamos familiarizados con estes espazos




O Blox é onde se encontra a sede do Centro Danés de Arquitectura
Alí tivemos ocasión de baixar polo tobogán ou de xogar co hula hoop





A nena tamén puido distraerse nalgunhas tendas, coma a de Lego
E en diante do Museo Nacional de Dinamarca incluso había xoguetes para enredar
Dentro, había unha exposición temporal sobre os guerreiros viquingos que partiron deste país





Despois chegou o momento de abordar o prato forte da viaxe, a visita ao parque Tivoli
Construído en 1843, trátase do segundo parque de atraccións en funcionamento máis antigo do mundo




Fomos directos ao Barco Pirata, onde xantamos e mais nos caracterizamos para a ocasión




Tras pasar polo mellor parque infantil que vin nunca, fomos nos 'Kamelen', unha pequena montaña rusa
Máis tarde demos unhas voltas nunha especie de saltón cunhas naves steampunk que sobrevoaban un estanque 




A visita á fábrica de caramelos deixounos unha fonda pegada
Alí atopamos as regalicias máis saborosas que xamais probamos
Por non falar dos caramelos de menta, que tan ben recendían e sabían




Coincidiunos que nos xardíns do parque estaban a celebrar un festival sobre Grenlandia
Así que había postos de artesanía e durante toda a xornada houbo concertos de bandas da illa




Persoalmente, a atracción sobre os contos de Andersen foi a que máis me gustou
Tamén emocionou a Marta, que estaba coa nena nun bote no lago do pagode na foto de arriba
A Selma, pola súa parte, encantoulle a Mina, á que chegou a baixar nada menos que ata en tres ocasións




O último día da viaxe dedicámolo a visitar o Acuario Nacional de Dinamarca
Den Blå Planet, no que afondaremos outro día, conta con especies de todo o mundo
Ademais, os rapaces podían mergullar os brazos para ter contacto cos peixes ou cos moluscos
En conxunto, quedamos moi contentos ao comprobar que levar a nena a Copenhague resultou todo un acerto


Ningún comentario:

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...