Un dos meus lugares favoritos de Lugo é o paseo da Chanca
Nel encóntrase o viaduto homónimo, por onde pasa o tren dende o s. XIX
Logo de meses sen poder percorrelo, nos últimos días tratamos de recuperar o tempo perdido
Para acceder, atravesamos un túnel dende o parque do Sagrado Corazón, xusto a un quilómetro da nosa casa
Unha vez cruzado o túnel, ábrese a paisaxe polas beiras do río Rato
O paseo chega ata o barrio de Galegos, seguindo as beiras do Fervedoira
Onde conflúen ambos cursos fluviais hai un remanso ideal para poñer os pés a remollo
Co que lle gusta a auga á miña filla, este é para ela o mellor momento do paseo por estes espazos verdes
O paseo continúa pola beira do río, onde aínda se encontra un antigo curtidoiro
E, pasada a fábrica de curtumes, chegamos á ponte da Chanca, por onde vai o Camiño Primitivo
Pero a ponte máis famosa do paseo é o viaduto da vía do tren
Con 300 metros de longo e 20 arcos de medio punto de 30 metros de altura, data de 1880
Recorda moito, por tanto, o viaduto escocés de Glenfinnan, que popularizaron os filmes de Harry Potter e que é posterior
Selma e mais eu levamos xa anos percorrendo este agradable paseo
A ida e a volta dende o noso fogar supóñennos unha andaina duns cinco quilómetros
Río arriba, o paseo conecta co parque de Paradai a través do Sagrado Corazón
E río abaixo, chegase ata o paseo do Rato, que á súa vez completa o cinto verde de Lugo xunto co do Miño
Neste sentido, folga dicir que estes parques periurbanos representan para nós un dos maiores tesouros da cidade onde residimos
Ningún comentario:
Publicar un comentario