21/01/23

Paisaxes de Lugo (VII)


Cun fermoso exemplar de rubia galega dá comezo esta nova entrada sobre as paisaxes lucenses
Esta de Castro de Rei foi a primeira dunhas cantas fotos que fixen no traballo durante o último ano
De camiño, tamén captei algunhas estampas, coma esta da muralla coa catedral iluminada de azul
A razón era o inicio do segundo ano do Xacobeo 21-22, como tamén foi o segundo ano das vacinas




Sobre estas liñas, unha vista dende o HULA e outra da praia de Area, en Viveiro
Mar e montaña foron, un ano máis, parte dos escenarios sobre os que pilotaron as coberturas




Este é o río Asma ao seu paso por Chantada, no parque do Sangoñedo
E aquí temos o soberbio magnolio que preside os xardíns do Museo Provincial de Lugo




Estas outras imaxes corresponden ao tempo de lecer, en Campo Castelo, na Chanca ou polo Rato




Tamén andamos por Santa Isabel, en Outeiro de Rei, unha visita tentadora con tempo primaveral




Xa contra o verán, acudín a algúns dos principais puntos turísticos da demarcación
Foi o caso do conxunto das Catedrais, na Mariña, ou o Camiño Francés á altura de Portomarín




A seca comezaba a deixar á vista as ruínas das aldeas anteriores ao encoro
E as plantas florecían á beira, cun recendo doce e mentolado de agradable lembranza




Na volta do parque de Rosalía á casa tamén fixen uso da cámara cando a luz o requiría
Ese sol alaranxado sobre as Casas Baratas de Lugo corresponde aos incendios do mes de xullo




Funme de vacacións logo dunha semana enteira entre os lumes do Courel




Ao regreso, o millo xa estaba alto e aparecían arañeiras tecidas entre as macelas




Co outono, chegou o San Froilán, ou se acaso foi ao revés
Foron días de moita trasfega polo centro da cidade, a todas horas
Tanto no choio coma no ocio, un non parar, lémbrame a cronoloxía do trebello




E ao remate das festas, comezou outra festa, a da auga que empezou a caer e xa non parou
Algúns dos primeiros corrementos de terra causados pola chuvia rexistráronse na Ribeira Sacra




Quen máis, quen menos, tratou de aproveitar como puido os escasos días de sol
Iso foi o que fixemos un domingo en que fomos de excursión micolóxica ao Páramo




Por Cabreiros, en Xermade, paramos para lles dar algo de herba aos cabalos




En Arxeriz, no Saviñao, visitamos o castro e mais o museo etnográfico do pazo
E en Monforte, admiramos as vistas do río e do mosteiro de San Vicente do Pino




En Navia, contra o Nadal o río baixaba xa moi caudaloso




Estas estampas de Castroverde e do Rato corresponden xa ao final do ano
A lista finaliza coa paisaxe urbana do concorrido mercado de Nadal instalado na praza Maior de Lugo

Ningún comentario:

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...