Este ano a nosa filla pegou outro forte estirón e iniciou o último curso de primaria
Selma figura, por tanto, entre as maiores do seu cole, coa responsabilidade que iso implica
Unha das primeiras lembranzas de 2022 foi a visita a unha mostra no MIHL sobre xoguetes antigos
Daquela, aínda en pleno inverno, celebrabamos o Entroido
E na escola estaban a realizar un traballo sobre Harry Potter
A nena vestiuse, por tanto, coma unha estudante de Hogwarts
Coa chegada da primavera, comezamos a realizar saídas polo cinto verde de Lugo
Así, percorremos quilómetros e quilómetros pola beira dos ríos na Chanca ou no Rato
Deste xeito, a rapaza puido seguir aprendendo, por exemplo, os nomes das árbores dos parques periurbanos
A reapertura gradual marcou este 2022, sobre todo na primeira metade do ano
Así que aproveitamos para realizar unha serie de viaxes pospostas xa dende había tempo
A Semana Santa pasámola en Valencia, onde comemos moita paella e bebemos unha horchata riquísima
Alí tamén visitamos a Cidade das Artes e das Ciencias e mais o Bioparc
E os tres puidemos aprender moito máis sobre a fauna que hai por todo o mundo
Ao mes seguinte, na ponte das Letras, fomos pasar uns días onda os tíos de Madrid
No parque de atraccións subimos a uns cantos mecanizados
Pero o que máis nos gustou foi a variedade de espectáculos que ofrecía
Pasaron as semanas e, antes de que nos désemos de conta, chegaron as vacacións
Foi tempo de moita calor, de festas e de feiras, coma a das Marabillas
Tanto visitamos a familia da Coruña coma a de Cambados
E foi entón cando realizamos unha viaxe que viñamos programando dende 2019
Puidemos ir, por fin, aos Países Baixos, onde percorremos as canles de Amsterdam
Tamén vimos Volendam ou Marken, e no sur, en Brabante, botamos uns días no parque de Efteling
Mais de novo o tempo seguiu o seu curso e foi rematando o verán
Ao chegar setembro, Selma fixo anos rodeada dalgunhas das súas amizades do cole
Botamos unha tarde de xogos no parque do Miño
E, xa empezado o curso, celebramos as festas do San Froilán
Tamén tivemos tempo de ir buscar cogomelos
Ou de pasar o día na capital tras acudir a unha manifestación
Xa para acabar, un ano máis celebramos o Nadal coas amizades e coa familia
En resume, pasámolo moi ben neste 2022, e agardamos que o 2023 avance nesa dirección
Moi felices festas para todos e todas e os nosos mellores desexos para esta nova volta arredor do sol
Ningún comentario:
Publicar un comentario