Remata o ano, polo que toca facer balance desta última volta que demos arredor do sol
O 2025 non resultou doado, en diversos aspectos, pero conseguimos sobrelevalo e saír adiante
O mellor de todo foi gozar de boa saúde e dunha familia que se mostrou en todo momento unida e forte
Para celebrar a fin do primeiro trimestre, viaxamos de novo cara á Macaronesia, nesta ocasión á illa de Tenerife
Alí subimos ao Teide e visitamos o Siam Park ou o Loro Parque
Xa de regreso, demos algúns paseos polo cinto verde de Lugo en plena primavera
E, unha vez terminado un curso no que os tres non deixamos de aprender, mesmo nos atrevemos coa canastra
Foi daquela cando realicei as andainas ata máis lonxe que emprendera nunca en Lugo
Dunha volta cheguei á aula da natureza do Veral, camiño de Friol, pola beira do río Mera
E, aos poucos, fun adquirindo o hábito de correr distancias discretas, de ata 10 quikómetros
Por outra banda, animámonos tamén a coñecer mellor a rede de museos da cidade onde vivimos
Visitamos o espazo Sub Terra Aquae, na sala Porta Miñá, ou o Centro de Interpretación do Peregrino


Selma seguiu indo á mesma escola de teatro, onde o pasa moi ben
E cos seus avós maternos celebramos na Coruña as súas vodas de ouro
Xa de vacacións, viaxamos ata o corazón de Francia para ver os castelos do Loira
Así, puidemos visitar marabillas coma Chambord, Chenonceau, Blois ou Chaumont-sur-Loire
E coñecemos tamém o principal parque de atraccións do centro do país, toda unha tecnópole futurista
Ao volvermos de Futurescope, deume por facer anos, e van xa catro ducias
Daquela retornamos a Cambados, onde participamos da Festa Mariñeira nunha noite memorable
E seguín de andainas tanto pola beira da ría coma polo Umia arriba, pola ruta da Pedra e da Auga
Tivemos tempo tamén para percorrer as ribeiras da Arousa
Ou para visitar a cidade do Lérez en plenas festas da Peregrina
E dedicámoslle todos os días unhas horas ao estudo dos misterios alxébricos, ata despexar toda incógnita
De feito, foi agora cando quedou de manifesto todo canto demos aprendido polo verán, cun resultado satisfactorio
Xa en setembro, a Selma tamén lle deu por facer anos, moi ao meu pesar
E mais celebramos cos meus pais outro aniversario redondo, o das súas vodas de diamante
Foi entón cando comezou, non sen renovados folgos, un novo curso na roda do tempo
E protestamos contra as inxustizas e os abusos deste ciclo histórico que nos tocou vivir
Na nosa xa tradicional visita anual ao MIHL, gozamos dunha retrospectiva da mellor pintora de Lugo
E, ao igual que o ano pasado, tiven ocasión de compartir mantel con vellos amigos da facultade, desta volta do sindicato estudantil
En resumo, pechamos o primeiro cuarto de século coñecendo lugares fantásticos e aprendendo leccións de vida
Unha vida que uns acaban de estrear mentres que outros mediamos hai tempo, aínda así conscientes de canto nos queda por andar











































Ningún comentario:
Publicar un comentario